Esta vai ser unha semana de moitas designacións: este mércores saíu o primeiro conselleiro de Núñez Feijóo, Alfonso Rueda; é de supoñer que entre mañá e o sábado irán caendo os demais. E xa a semana comezou coa designación dos integrantes das comisións do Parlamento galego, que deparou un inesperado éxito lugués: das oito comisións permanentes lexislativas, que son as de máis actividade, nada menos que cinco terán un presidente de Lugo, catro do PP e un (a única que habitualmente dirixe a oposición) do PSOE.
A lista de nomes é moi interesante:
1ª, Institucional, Agustín Baamonde (PP).
2ª, Ordenación Territorial, Daniel Varela (PP).
3ª, Economía, Ismael Rego (PSOE).
4ª, Educación e Cultura, Susana López Abella (PP).
7ª, Agricultura, Raquel Arias (PP).
Queda con isto aberto o capítulo das especulacións. Na cúpula do PP galego insisten en que isto non quere dicir que os elixidos queden desbotados na carreira polas consellerías, aínda que hai moitos que pensan que si pode ser significativo.
Á vista do ocorrido ata o de agora, semella que o PP de Lugo vai gañando, porque a estes nomes hai que sumar o de Balseiro como vicesecretario da Cámara. Significa isto un premio para o partido? Significa que deste xeito Núñez Feijóo queda coas mans libres para nomear independentes en Lugo? Ou significa que aumentan as opcións de Xaime Castiñeira e Xaquín García Díez para ocupar as dúas consellerías luguesas?
Isto está a resultar moi apaixonante.