Posts etiquetados ‘Xosé Manuel Beiras’

Paco e Xosé Manuel, Delmiro e Crisanto

Luns, 16 de Marzo, 2009

Contan que un dos últimos chascarrillos da vida política en Santiago foi a liorta que tiveron dous íntimos inimigos, Francisco Rodríguez e Xosé Manuel Beiras, na xuntanza da executiva do BNG do pasado xoves. Faltoulles pouco para retarse en duelo, a espada supoño, que é o máis acaído para dous históricos do BNG coma eles. Pero a cousa quedou compensada á saída do Consello Nacional do sábado, onde pouco lles faltou para bicarse á vista dalgún fotógrafo de prensa, como contaba Lugilde este domingo. Aperta si que houbo, ante as miradas asombradas de moitos militantes. No fondo, son case como Delmiro e Don Crisanto, o alcalde comunista e o cura carpetovetónico de Padre Casares, a serie de moda en TVG: non poden vivir o un sen o outro.

Nas bromas que xa empezan a circular en algúns círculos despois das eleccións, comentan que a afiliación política de Delmiro (o personaxe ao que dá vida o ex veciño da miña avoa Antonio Durán, Morris) vai cambiar cando gobernen os populares. É, por suposto, unha broma, como a que di que en Cifras e letras vanse admitir a partir de agora os castelanismos. Xa ven: empezo con dous históricos do BNG e remato coa televisión; no fondo, todo é un espectáculo.

Ah, e que non, que Fernando Blanco insiste, como poden ler este mesmo luns, en que el non vai ser o candidato.