Posts etiquetados ‘Os Ancares’

Si ao parque natural?

Venres, 20 de Marzo, 2009

Vista dos Ancares (Foto: EPL)

Pasada a guerra electoral, chega o momento de descubrir algunhas curiosidades. Por exemplo, ver quen gañou en Cervantes e Navia de Suarna. No primeiro fíxoo con moitísima claridade o PSOE, como é habitual; no segundo volveu a gañar o PP, aínda que só por tres votos. Supón un respaldo para os dous alcaldes, socialistas ámbolos dous: Benigno Gómez e Xosé Fernández, respectivamente. O curioso é que nestes concellos había moita polémica pola posible declaración dos Ancares como parque natural, e vai e gañan os que o defenden, os socialistas. Significa iso un respaldo dos votantes á proposta?

Por certo, non se sabe que vai ser do proxecto. O equipo saínte de Medio Ambiente asegurou que o PP de Fraga deixara sobre a mesa un texto para facer a declaración de parque natural vía decreto, co cal, se cadra, igual resulta que o partido que o rexeitou nestes catro anos vai ser o que acabe por crealo. Son os paradoxos da vida política.

Agora, a fronte rural

Domingo, 27 de Abril, 2008

Despois da liorta co Quintana polo do consorcio de servizos sociais, da liorta coa Táboas polas Normas do Hábitat e dalgunha regueifa coa Bugallo, agora os alcaldes socialistas semella que queren abrir unha nova fronte con outro conselleiro do Bloque, neste caso Suárez Canal, o de Medio Rural, un dos poucos defendidos polos seus compañeiros socialistas do bipartito xunteiro. O motivo é a constitución dos grupos que van xestionar os novos Leader. En Lugo tivemos esta fin de semana unha destas regueifas, nos Ancares. Non é novidade, porque, hai anos, xa os alcaldes de Cervantes, As Nogais e Pedrafita plantaran a Andrés Precedo, que era o director xeral de Desenvolvemento Comarcal, cando fora a Becerreá a presentar o Leader 2. Daquela, fora unha cuestión seria, porque o segundo dos alcaldes, Xosé Luís Coedo, era o promotor do primeiro Leader. Ao final, arranxarase a cousa, pero aínda recordo aquela mañá fría en Becerreá (daquela, do PP; agora, do PSOE) cos representantes da Xunta de Fraga agardando inutilmente a que apareceran os tres rexedores socialistas.

Quizais a apertura desta nova fronte tamén teña algo que ver coa regueifa verbal entre Medio Rural e os gandeiros que asaltaron Leite Río o martes pasado. Despois de varias manifestacións unitarias, ás que non faltou o sindicato agrario nacionalista, nesta do Ceao só houbo un convocante, Unións Agrarias, de orientación socialista.

Realmente, isto da política éche mal asunto, como dicía o anterior alcalde de Becerreá.