Posts etiquetados ‘Xosé Antón Bao’

O adeus dun home tranquilo

Luns, 27 de Xaneiro, 2014


Esta semana cumprirase un mes da marcha oficial de Xosé Antón Bao da casa do Concello de Lugo. Despois de moitas voltas, mesmo xa sabemos quen vai ocupar o seu escano no grupo do BNG. Trátase de Cristina Ferreiro, que, como Bao, forma parte da historia recente do partido na provincia. A traxectoria do exconcelleiro daría para escribir un libro: edil en Becerreá, deputado provincial, presidente do Breogán, candidato ao Congreso (2004), vicepresidente da Deputación, concelleiro raso en Lugo, tenente de alcalde no mesmo concello e, finalmente, membro dunha oposición tenaz: o seu ‘non’ aos orzamentos de López Orozco, sumado á negativa do PP, foi o que fixo que o Concello de Lugo vaia seguir este ano (en principio) coas mesmas partidas de 2013.

Algúns puxéronlle os cornos e o rabo que moitos lles debuxan aos nacionalistas galegos, pero o certo é que na distancia curta gañaba moitísimo, ata ser un tipo entrañable. Algunha vez chanceamos sobre os seus xemelgos: “Teño a sensación de que me preguntas polos nenos para ver se baixo as defensas”, díxome unha vez, entre risas, cando eu intentaba que me adiantase non sei que noticia política. Contraataquei días despois dicíndolle: “Vasmo dicir ou terei que preguntar polos nenos antes?” Todo, por suposto, nun ton xovial e distendido entre os dous.

Menos distendidas foron as relacións coa UPG, segundo din as malas linguas. De feito, hai quen atribúe o seu adeus ás presións da ‘U’. Tal cousa mesmo se chegou a publicar nalgunha web o día do anuncio. Horas despois, o post foi retirado e, finalmente, publicouse de novo, pero matizado, dando a entender que, por unha vez, un político non minte cando di que se vai por motivos persoais. No adeus, o BNG organizou un acto que quería ser informativo e foi emotivo, no que houbo bágoas e apertas a tres bandas, con Bao, Álex Penas e Paz Abraira (os tres, na foto). Sería para evitar ruxerruxes.

O certo é que os seus quince anos en política deron para moito, e diso dá fe o arquivo de El Progreso. Alí aparece en Becerreá a carón de Manuel Martínez, agora alcalde dese concello, cando os dous se puxeron diante das máquinas da autovía. E tamén aparece negociando con Gómez Besteiro o primeiro bipartito da Deputación (xullo de 2007), días despois de facelo con López Orozco. Con este último, o pacto foi imposible; con Gómez Besteiro foi rápido e sinxelo. El mesmo o recoñecía na entrevista que lle concedeu a Xoán C. Vidal.

Os xornalistas que agardabamos no Méndez Núñez a ver en que acababan aquelas xuntanzas co PSOE polo goberno da Deputación aínda recordamos o cabreo que pillou Bao cando veu pasar pola porta do hotel a Orozco. “Que pasa? Agora vén a ver se fode isto tamén?”, preguntouse para si, pero nun volume suficientemente audible. Agora que chega ao medio século de vida (o 29 de marzo, concretamente), quizais estaría ben que contara cousas como esas nunhas memorias: outros, con menos traxectoria e interese, xa as escribiron. Polo de agora, como aínda mantén a conta en Twitter, sabemos que segue indo ao Breogán; é, coa familia e a política, unha das súas grandes paixóns.

Falta

Venres, 29 de Xaneiro, 2010

Seguindo coa Deputación de Lugo, hai tempo que González Barcia, o viceportavoz do PP no ente provincial, non publica unha das súas listaxes de faltas de asistencia ás xuntas de goberno, para demostrar a “vagancia” (expresión súa) do actual bipartito. Pero o certo é que á primeira xunta de goberno deste ano non asistiu ningún dos representantes do BNG, que tampouco estiveron presentes na rolda de prensa posterior.

Certo é que a xunta tiña unha orde do día que cabía nun gran de arroz. Nos vellos tempos, a falta de contido destas xuntanzas semanais compensábaa Cacharro falando de calquera cousa, aínda que fose da guerra no Iraq. Agora algo intentan o nacionalista Bao e o socialista Gato, pero non lles sae igual.

De ‘card’ a ‘pen’

Xoves, 1 de Xaneiro, 2009

A presentación dos orzamentos da Deputación para o 2009 tivo algunha diferenza respecto á do 2008. Desta volta non houbo card-drive, senón pen-drive, rosas e verdes, para ser máis exactos: semellaban caramelos. Na mesa estiveron os mesmos, Xosé Antón Bao, Xosé Ramón Gómez Besteiro e Rexina Polín, por esta orde, e deron a rolda de prensa no mesmo sentido: primeiro unha presentación de liñas xerais, logo un denso detalle dos orzamentos das áreas bloqueiras e unhas reflexións finais da delegada de Economía. Polín, emocionada, mesmo cualificou de “agasallo de Reis” o anuncio de que a Deputación vai axudar os concellos a elaborar os proxectos que teñen que presentar para o Fondo de Investimento Local. Curiosamente, ao día seguinte, nun especial sobre este fondo que publicaban os xornais, o logotipo lembraba a unha caixa de regalo.

Outra diferenza foi o papel. Desta volta non nos deron aos xornalistas un tocho de 320 páxinas cos Orzamentos que si nos proporcionaron o ano pasado. Vinllo a Xosé Manuel Barreiro na mesa durante o debate do martes. Debe de ser por aforrar papel, por aquilo da crise. Unha mágoa: así non puidemos facer preguntas directas sobre o tema.

(Si, xa sei que non actualizo o blog dende o ano pasado: éche cousa das festas. Feliz 2009 a todos.)

E Milucho?

Sábado, 4 de Outubro, 2008

Votacións na asemblea do BNG

O BNG celebra este domingo a súa Asemblea Nacional, que foi preparada en asembleas comarcais como a celebrada o sábado 27 en Lugo. Daquela, como vai pasar este domingo, houbo unha única candidatura que foi votada por unanimidade. Ben, computáronse dous votos en branco, entendidos por moitos como se foran en contra, pero non foi nada importante. Un podería pensar que o Movemento pola Base se cadra tiña algo de predicamento, por iso de que a súa cara visible é un meirego, Miguel Anxo Abraira, pero tampouco. Disque nalgunha asemblea de hai meses este grupo só recibiu dous votos na comarcal de Lugo.

E entre os elixidos están os que se podería esperar: moito alto cargo, moitos concelleiros, representantes de toda a comarca e todos os delegados provinciais da Xunta que pertencen á comarca de Lugo (Cosme Eladio Pombo é da de Monforte)… Todos? Non! Fáltanos Emilio López, Milucho, delegado de Medio Rural, que nin aparece na lista de elixidos nin é membro electo da Asemblea Nacional (como Paz Abraira, Xosé Antón Bao ou Rodríguez Feixoo).

Onde andará este home o 5 de outubro? É de supoñer que na feira gandeira que se celebra co gallo do San Froilán.

Cultura cambiante

Domingo, 20 de Xullo, 2008

Reunión constituínte do novo consello de cultura

Moito cambiou o consello de cultura da Deputación de Lugo… O que pasa é que nos custou comprobar canto, porque por ningún sitio aparecía a composición deste ente antes da actualización que lle veñen de facer Xosé Antón Bao e a área de Cultura.

Nun número da revista Lucus de hai uns anos aparecía a súa constitución no ano 2001; despois, o silencio. Faleceron algúns, como Pedro de la Portilla, abade de Samos; o poeta Manuel María, o editor Enrique Alvarellos e Epifanio Ramos de Castro. Continúan Juan Soto Gutiérrez, por suposto (cronista oficial da provincia), Xosé Manuel González Reboredo e Antonio Rodríguez Reboredo, e entra xente moi nova, como Manuel Darriba, Mónica Santos, Arturo Vaquero ou Xaneco Tubío. E a idade fixo que algún non quixera continuar, como Francisco Mayán Fernández, ou incorporarse, como Xaime Delgado. E si, hai unha lixeira tendencia vermella, que fixo rechiar algunhas estruturas na Deputación. Pero creo que todos comezaron con moitas gañas e facendo xa moitísimas propostas.

Por certo, daquel consello de cultura do 2001 foi membro, aínda que como vogal político, alguén que agora está de delegado provincial e que daquela dáballe á gaita, como demostra unha foto que xa publiquei neste blog.

E, por certo, a foto que lles poño é das primeiras nas que se pode ver a Xosé Antón Bao con gafas. Sospeito que serán para ler.

O despacho de Bao

Martes, 15 de Xullo, 2008

Despacho de Xosé Antón Bao. Había ben tempo que non entraba alí e a imaxe cambiou moito. Onde antes había unha morea de papeis, acumulados polo anterior interventor, agora só queda unha estantería con varios libros, a maioría procedentes do Servizo de Publicacións da Deputación, e entre eles distingo un anuario de El Progreso. Os mobles antigos de antes desapareceron e agora hai outros máis funcionais. Gústame moito o sofá, aínda que non a súa cor (o branco debería de estar prohibido en determinados tipos de mobles, excepto se un ten chacha ou, como é o caso, un servizo público de limpeza). Os antigos mobles, polo visto, tiñan menos valor do que aparentaban. Non sei que foi deles. E nas paredes, os cadros clásicos de sempre foron cambiados por outros de Murado e Roberto González, ademais de algo que non sei se é un cadro ou unha escultura, obra de Mónica López. A pintura de Roberto (inconfundible: aparece el) ten un touro de Osborne no que se ven unhas manchiñas brancas. Un reflexo? Non, que o papel de globos pegouse e deixou marca. Unha demostración máis de que no Museo Provincial, de onde creo que proceden todos os cadros, non teñen máis sitio para meter as cousas.

Pero o máis diferente é a cor das paredes. É un deses amarelos melocotón tan de moda dende hai anos. Aínda así, cóntanme que houbo problemas para pintar con esa cor: “Dicían que un edificio coma este tiña que ter as paredes brancas, e eu preguntei por que, e ninguén mo soubo dicir”, conta Bao entre risas.

O novo barco

Venres, 27 de Xuño, 2008

O novo barco, á esquerda (Foto: Toño Parga)

Un pouco perdido vimos este venres, na rolda de prensa da xunta de goberno, ao vicepresidente primeiro da Deputación, o nacionalista Xosé Antón Bao, cando un compañeiro da prensa interpelouno sobre o novo catamarán do Sil. E iso que a área responsable do barco, a de Turismo, está nas mans dunha nacionalista, María Xosé Vega, e iso que Bao é oficialmente, segundo figura no reparto de funcións do bipartito, coordinador das áreas bloqueiras.

Pero víaselle parco, como falando dalgunha terra ignota. Ou esa foi a sensación que deu. Nos medios houbo que facer algunha chamada complementaria para saber cando vai estar o catamarán a disposición do público. E non quedou moi claro se o barco xa estaba en Lugo (xa o está, dende o xoves) o se aínda viña de camiño. Por un momento, algún pensou que vai ser certo iso que din de que Vega vai por un lado e os Antóns (Bao e Veiga), por outro.

Iso si: polo que dixo Bao, xa nos podemos esquecer de que volva a funcionar o catamarán de Os Robles, a área recreativa do Miño en Lugo. Téñeno alí aparcado, a carón da escola de piragüismo, en moi mal estado. Moitas veces discutiuse se o río ten alí calado suficiente, e parece que por agora non o ten.

Como cambian os tempos (e 2)

Domingo, 8 de Xuño, 2008

Un dos botóns de mostra do cambio dos tempos na Deputación foi a festa dos seus empregados, Santa Rita, o pasado 22 de maio. Desta, os agasallos foron menos esaxerados que noutros tempos: unha reprodución dunha lucerna. Foi curioso oír a Gómez Besteiro prometéndolle ao cura que o próximo ano irán máis funcionarios á misa da patroa. Pero o mellor chegou na sobremesa, cando a xente empezou a animarse e comezaron a oírse cancións que noutros tempos a ninguén se lle pasaría pola cabeza cantalas nesta festa: O carro, Galiza ceibe… Si, os grandes clásicos do primeiro nacionalismo galego.

E é que a Deputación estase a encher de bloqueiros de todo tipo, mesmo algún histórico, como Manuel Castiñeira Castiñeira, que hai uns días incorporouse á área de Asistencia aos Concellos. Ocupaba a secretaría do Concello de Begonte, e antes estivo na de Becerreá, e nos comezos da democracia, cousa que as xeracións máis novas non lembran, foi candidato do BN-PG (o predecesor do actual BNG) en varias eleccións, acompañado de Lois Diéguez e Pedro Luaces González-Rosón que acabou sendo durante o Cacharrismo o responsable máximo da área de Recursos Humanos. Por certo, un dos seus compañeiros de candidatura, García Mel, tamén é dos membros do staff da nova Deputación bipartita.

 Reparto de plantas no Rato

E outro signo do que cambian as cousas é que nos vellos tempos disque as funcionarias facían cola diante de Cacharro para bailar co presidente da Deputación. Coa cousa da bicefalia que hai agora, agardábase que o día de Santa Rita se fixeran dúas colas, unha para Gómez Besteiro e outra para Xosé Antón Bao. Pero o vicepresidente tivo que irse, para un acto organizado, precisamente, por este xornal, e non foi posible ver quen tiña a cola máis larga.

De tódolos xeitos, xa ven que ao presidente dáselle ben isto das colas, como demostra nesta foto do reparto de plantas o Día do Medio Ambiente.

Xuntanzas do BNG

Venres, 25 de Abril, 2008

Hoxe, Xosé Antón Bao, vicepresidente primeiro da Deputación e home forte do triunvirato comarcal de Lugo, deu unha especie de aviso a navegantes na rolda de prensa da xunta de goberno provincial. Falando de Chantada, onde PSOE e BNG acadaron un acordo para as obras do canon eléctrico, Bao aproveitou para salientar as vantaxes que teñen as alianzas entre as dúas formacións.

O comentario adquire maior relevancia se se pensa que o BNG comarcal, ese no que Bao manda xunto con Xosé Manuel Becerra e Esther López, está estes días a manter varias xuntanzas para analizar a situación naqueles concellos nos que o PSOE chegou á alcaldía grazas aos votos nacionalistas, pero sen chegar a asinar un pacto de goberno: Pol, Portomarín, A Fonsagrada, Castro de Rei e Begonte. Interesante é o primeiro caso, xa que este sábado, no pleno, vai estar en xogo o soldo do alcalde.

E xa que falo da executiva comarcal do BNG, que leva sen titular único dende xullo, vou dar unha data nova para a súa renovación: antes do verán ou, como moito, antes de que o Bloque comece o proceso para as eleccións. Aínda que semella que neste partido non teñen présa.

Mulleres

Xoves, 12 de Xullo, 2007

As mulleres están asumindo moito protagonismo estes días na política provincial: a bloqueira María Xosé Veiga, a sociata Lara Méndez (foto da dereita) e maila pepera Isabel García Pacín (esquerda) E algunha mala lingua fala doutra muller do PP, Manuela López Besteiro, a quen nalgúns ámbitos acusan do cambio do actitude dos populares diante do decreto sobre o galego.

De Pepa xa teño escrito aquí; segue sen estar claro se vai ser ela a vicepresidenta primeira da Deputación, e hoxe Xosé Antón Bao, o voceiro do BNG na negociación co PSOE, dicía que aínda non hai nomes. Estes días, os dous están a coincidir con Lara na famosa habitación do ‘Méndez Núñez’.

Disque os que levan o peso da negociación son os máis coñecedores dos entrebastidores da Deputación: Bao, Antón Veiga, Manuel Martínez, Xosé Ramón Gómez Besteiro. Pepa e Lara tamén fan algunha achega, pero menos, e Lago Lage, que pelexou moito en tempos con Cacharro, tamén. Creo que entre todos están conseguindo facerse unha idea do labirinto que se creou no ente provincial nos últimos 24 anos.

E de García Pacín, a concelleira de Friol que vai substituír a Xosé Manuel Barreiro no Parlamento galego, que queren que lles diga? Por certo, coa entrada de Isabel, o grupo lugués do PP vai quedar totalmente paritario: catro homes e outras tantas mulleres. O do BNG seguirá a selo: un home e unha muller, se Cristina Ferreiro acepta substituír a Pepa Veiga.

Isabel ten todas as beizóns de Antonio Muiña, o imbatible alcalde de Friol, a quen o noso fotógrafo ‘cazou’ collendo o móbil mentres os seus compañeiros do PP remataban de aplaudir a Cacharro o mércores, no pleno de despedida. Daquela, Muiña non sabía que Barreiro xa anunciara que deixa o Parlamento, pero algo debía de albiscar. Que sería do PP provincial sen este home? E que sería de Barreiro se Muiña chega a manterse naquela terceira vía que case promoveu no seu famoso manifesto de abril do 2006?