Posts etiquetados ‘congresos’

“Imos ter que abrazarnos máis”

Xoves, 7 de Maio, 2009

Rueda e Barreiro, na toma de posesión de Raquel Arias (Foto: Pepe Álvez)

Xosé Manuel Barreiro estaba o outro día un pouco alporizado. Non, non era polo aparte con Alfonso Rueda que tivo o martes, na presentación de Raquel Arias como delegada provincial de Lugo, e que recolleu a sempre atenta cámara de Pepe Álvez. Anda mosca polos rumores que lle auguran malos momentos no congreso do PPdeG deste fin de semana tan político (tamén se celebra o do BNG). E el deféndese dicindo que o das cotas territoriais é un dos “males eternos” do partido, que el seguirá tendo o seu oco na formación e que Alberto Núñez Feijóo ten todo o dereito do mundo a conformar o seu equipo como lle pete ao novo presidente da Xunta e (seguramente) aclamado mandamáis reelixido do PPdeG. Ás veces, na conversa parecía como se se estivera curando en saúde.

-Avanzoulle algo Núñez Feijóo de cal vai ser o seu futuro no partido?

-Iso pregúntallo a Alberto.

-Pero Alberto non conta nada!

-Pois da miña boca non vai saír nada -di entre sorrisos.

“Imos ter que abrazarnos máis”, contan que se dixeron non hai moito os dous, o presidente galego e o provincial.

O certo é que nun dos relatorios do congreso, o referido á estrutura orgánica do partido, figuran cambios na elección do vicepresidente do PPdeG: pasaría a ser un cargo designado polo equipo directivo e non, como ata o de agora, proposto polos compromisarios. O domingo sairemos de dúbidas.

Unha lista única

Xoves, 26 de Marzo, 2009

logo do PSOESi, todos os rumores din que no congreso do PSOE de este venres haberá máis dunha lista, pero parece que as augas non van saír de nai. De feito, aínda que El Progreso recolle que hai dúas, chegouse a falar de máis. Pero seguramente a cousa quedará nunha candidatura única. Iso si, o que ninguén vai evitar é unha “lectura de cartilla” xeralizada. Hai un grupo de alcaldes que están dispostos a que algúns persoeiros socialistas non se vaian de rositas.

En concreto, os disparos apuntan cara López Orozco, que non soubo manter o fortín, e cara Gómez Besteiro e os deputados provinciais do PSOE, aos que os seus compañeiros de partido reprochan que non se lles ve. Claro que esta liorta vai ser interna, porque, de portas fóra, todo vai ser paz e despois gloria, que agora o que lles interesa aos socialistas é demostrar unidade na dor. Xa o verán este venres.

(Outro día escribirei sobre o Pazo de Tor.)

Vicesecretario?

Xoves, 24 de Xullo, 2008

As miñas fontes non me negan de plano a posibilidade de que Ricardo Varela sexa vicesecretario xeral do PSdeG, como apunta algún confidencial dixital, pero danme a entender aquilo de “vas por mal camiño”. Ou sexa, que seguirá habendo un lugués no segundo chanzo do PSOE, como en Madrid, pero non como vice, senón como secretario de Organización, como ata o de agora.

O que si está claro é que Xosé Ramón Gómez Besteiro vai estar na executiva… mellor dito, vai seguir, porque xa é membro dela. É unha das consecuencias de presidir unha deputación. Tamén é de supoñer que seguirá Ismael Rego, responsable do grupo parlamentario socialista.

A incógnita está en ver se no congreso deste fin de semana vai entrar alguén máis de Lugo na cúpula dos socialistas galegos. Falan de reforzar a presenza feminina. Terá algunha posibilidade por aí Lara Méndez, outra desas “políticas en ascenso” do PSOE?

Quen seguro que sabe todo isto é Luis Ángel Lago Lage, Lucho, secretario provincial do PSOE lugués. Pero está cociñando tanto estes días que non se pon ao teléfono: é responsable dun dos relatorios. Por certo, o seu cargo tamén podería estar a disposición de Pérez Touriño, que é quen nomea os secretarios provinciais, pero coido que por aí non vai haber novidades estes meses.

Algún día teño que empezar a promocionar a Lucho como director xeral: hai anos, dende a UXT saíra o rumor, benintencionado pero despistado, de que ían nomealo director xeral da Garda Civil; agora, é presidente da comisión de Interior do Senado. Tanta proximidade ás áreas de seguridade do Estado dá que pensar. Pero mellor non o promociono, que entón veriamolo menos por Lugo.

O congreso

Venres, 4 de Xullo, 2008
Foi prender a tele e ver a López Orozco e Sánchez Bugallo, o seu homólogo de Santiago, aplaudindo no congreso do PSOE. Era de agardar, tratándose dun informativo dun medio galego. Do congreso falouse este venres na rolda de prensa da xunta de goberno da Deputación. Os xornalistas preguntamos se o presidente, Gómez Besteiro, estaba no congreso, e Antonio Gato dixo que non, porque ten que estar en Candaoso este domingo, onde van facelo Monteiro Maior desta rapa das bestas. Curiosamente, nas imaxes da tele sobre o congreso víase pasando por diante das cámaras ao alcalde de Viveiro, Melchor Roel. Será que non irá á rapa? Ou será que non quedará ao congreso ata o fin?

Hai moito interese nalgúns ámbitos por saber que vai pasar coa representación galega no cónclave socialista. Un lugués, Ricardo Varela, secretario de Organización do PSdeG, é membro da mesa; ou sexa, é un dos cinco que están en primeira fila. Nalgún sitio lin que igual consegue praza na nova executiva. Outro nome lugués que soa é, precisamente, o do ausente Gómez Besteiro. Haberá que agardar ata o domingo.

E non foi

Luns, 23 de Xuño, 2008

Logotipo do PPAndabamos todos interesados en poñerlle cara a Pablo Xosé Flórez Rodríguez, ese estudante de Lugo que era o benxamín do congreso do PP, e resulta que non puido ir a Valencia. Un problema familiar impediullo. Unha mágoa.

E, por certo, o seu antagonista, é dicir, o militante máis veterano, tamén ten algo que ver con Lugo. Manuel Gasset Dorado é, segundo contan en internet, un vello amigo de Manuel Fraga. Con todo, a súa maior relación con Lugo está no Incio. Pertence á familia que lle dá nome ao colexio da vila, o Ricardo Gasset.

A reestruturación do PSdeG

Luns, 26 de Maio, 2008

Logotipo do PSdeGAndan no PSOE galego preocupados pola anunciada reestruturación para facer unha estrutura provincial do que até o de agora era unha estrutura comarcal. Por iso está tendo tanto éxito esa emenda á ponencia marco do congreso nacional (ou sexa, o galego de finais de xullo) para que o cambio se deixe para despois das eleccións autonómicas. Non é plan montar unha boa dentro do partido cando se ten que traballar para manter a Xunta. Aínda que en Lugo non parece que vaia haber problemas co cambio, agás no posible caso dalgunha organización comarcal que sinta que vai perder poder coa reestruturación.

O sábado pasado, na xuntanza da asemblea local de Lugo saíu adiante sen problemas esa emenda, que creo que parte do propio Emilio Pérez Touriño. A xuntanza foi tanto para analizar a ponencia marco (xa lle prometín a quen ma mandou íntegra que a estudarei cando remate cos orzamentos da Deputación) como para elixir trece delegados para o congreso nacional e, indirectamente, tres para o federal. O de “indirectamente” é porque, en realidade, neste último caso non se elixe delegados, senón candidatos a delegados. É dicir, a agrupación local escolle a dezasete persoas que, nunha xuntanza da comarca de Lugo, van participar na elección dos tres que realmente representarán a esta zona no congreso federal.

É curioso ver a distribución de representantes por comarcas na asemblea de xullo en Madrid: tres por Lugo, outros tantos pola Mariña, un pola Montaña e Sarria… O reparto faise en función do número de afiliados. E digo que isto é curioso porque, aínda que case toda a Montaña está gobernada polo PSOE, a súa militancia é escasa. É lóxico, dicíame hoxe un conspicuo socialista: son concellos pequenos, con poboacións moi diseminadas…