Posts etiquetados ‘Francisco Rodríguez’

Paco e Xosé Manuel, Delmiro e Crisanto

Luns, 16 de Marzo, 2009

Contan que un dos últimos chascarrillos da vida política en Santiago foi a liorta que tiveron dous íntimos inimigos, Francisco Rodríguez e Xosé Manuel Beiras, na xuntanza da executiva do BNG do pasado xoves. Faltoulles pouco para retarse en duelo, a espada supoño, que é o máis acaído para dous históricos do BNG coma eles. Pero a cousa quedou compensada á saída do Consello Nacional do sábado, onde pouco lles faltou para bicarse á vista dalgún fotógrafo de prensa, como contaba Lugilde este domingo. Aperta si que houbo, ante as miradas asombradas de moitos militantes. No fondo, son case como Delmiro e Don Crisanto, o alcalde comunista e o cura carpetovetónico de Padre Casares, a serie de moda en TVG: non poden vivir o un sen o outro.

Nas bromas que xa empezan a circular en algúns círculos despois das eleccións, comentan que a afiliación política de Delmiro (o personaxe ao que dá vida o ex veciño da miña avoa Antonio Durán, Morris) vai cambiar cando gobernen os populares. É, por suposto, unha broma, como a que di que en Cifras e letras vanse admitir a partir de agora os castelanismos. Xa ven: empezo con dous históricos do BNG e remato coa televisión; no fondo, todo é un espectáculo.

Ah, e que non, que Fernando Blanco insiste, como poden ler este mesmo luns, en que el non vai ser o candidato.

Lage, apestado?

Martes, 2 de Decembro, 2008

Velaquí esta foto, das seis da tarde do 18 de novembro. Fíxose no hotel Méndez Núñez de Lugo, no acto conmemorativo dos noventa anos da Asembleia Nazonalista das Irmandades da Fala.

Acto de Quintana no Méndez Núñez

E velaquí esta outra, tomada dúas horas despois no salón de actos da Deputación, nunha conferencia de Francisco Rodríguez sobre o mesmo tema.

Acto de Francisco Rodríguez na Deputación

Detectan algunha semellanza entre as dúas fotos? Que habilidade terá Xosé Anxo Lage, voceiro do BNG no Concello de Lugo, para se sentar sempre a carón dunha cadeira baleira? E mira que no acto do Méndez había ben de xente de pé.

Outros, que conste, interpretarán isto como a demostración de que este home está de capa caída no BNG. Non sei se crelo.