Posts etiquetados ‘veciños’

Ruído usual

Martes, 15 de Setembro, 2015


NO VERÁN, ou nalgunha ponte larga, desas nas que ti estás a traballar neste oficio a contracorrente, hai momentos en que te sentes o derradeiro ser da Terra. Saes á rúa e (case) non hai ninguén, e cando, pola noite, volves de tirar o lixo, descobres que a única luz acesa no edificio no que vives é a da túa cociña. Sobes no ascensor e á mañá seguinte, cando baixas para comprar pan, descobres que o elevador está no teu piso, como se non se movera, como se ninguén o usara nas últimas doce horas. No garaxe, os únicos coches son o teu e o dos veciños que teñen outro (que non está). Os tacóns do piso de arriba, eses que resoan puntuais ás dúas de cada tarde, hai días que non se oen, como tampouco oes a devastadora aspiradora do tipo do cuarto. Neses momentos, xa digo, poderías pensar que es o único ser vivo na terra. Nas series de televisión ou nas películas apocalípticas xogan moito con iso: por exemplo, o protagonista esperta nun hospital e non hai ninguén na contorna. O certo é que abonda con aguzar o oído para saber que non estás só na rúa, porque as nosas cidades sempre, por moi vacacional que sexa o día, teñen un rumor de fondo (culpa do tráfico) que demostra que nalgunha outra parte hai vida. Pode que non teñas trato cos veciños ou que non vexas fisicamente a ningún en semanas, pero ao final os berros dos seus pequenos, os seus portazos, o seu ruído… son parte tamén do teu día a día.

Tender roupa

Martes, 25 de Novembro, 2014

ADMIRO a  aqueles que son capaces de levantar algo creativo a partir dalgunha nimiedade sobre a que podemos pasar a diario sen nos decatar da súa existencia. Algún escritor tenlle dedicado liñas a algo tan cotián como facer a cama, que, no fondo, ten a súa ciencia (?), e Cortázar ten unha reflexión sobre o ‘xesto que consiste en poñerse o dedo índice na tempa e movelo como quen aparafusa e desaparafusa’ (‘La vuelta al día en ochenta mundos’). Penso niso mentres colgo a roupa saída da lavadora. É unha operación que cada un fai dun xeito distinto, díxome unha vez un familiar. Depende tamén do sitio (ao aire libre, na terraza, nun cuarto) e do tendedeiro (de pé, de teito, de ventá). O tamaño da roupa tamén conta: eu, por exemplo, maldigo as fundas nórdicas, tanto por pesadas como por voluminosas. E esa teima que teñen os calcetíns por desemparellarse ou, mesmamente, irse da túa casa / vida sen avisar? Aquel familiar dicía que el colga o par na mesma pinza; eu prefiro separalos, aínda que con pinzas da mesma cor: un día, por facer algo divertido nun labor rutineiro, fotografei a plástica composición de cores que me quedou. Pero o mellor que recordo de colgar a roupa era unha antiga veciña dos meus pais, a quen lle levaba unha hora a operación. Mentres facía e desfacía, colocaba e recolocaba, nós mirabamos dende a nosa casa (e non eramos os únicos). Aquela muller sabía que colgar a roupa é toda unha arte.

O ‘coco’ chámase Gamonal

Mércores, 5 de Marzo, 2014

HAI POBOACIÓNS que, por diversas circunstancias, adquiren carácter mítico. Algunhas o son xa desde o principio, pola súa orixe ficticia (Syldavia, Camelot…); outras nos fan soñar, como Tombuctú, e algunhas nos levan ao pasado, como Balaclava, ‘resucitada’ estes días pola crise de Crimea. Pero non fai falta irse tan lonxe. En tempos, todo bloqueiro que se prezase tiña que citar como referente a Allariz. Despois, cando un goberno de López Orozco embeleceu as entradas á cidade de Lugo, algún alcalde do resto da provincia prometía para as súas zonas verdes arranxos idénticos (xuro que isto que conto é certo). E desde hai unhas semanas, este club de localidades míticas ten un novo membro: Gamonal

SEGUE AQUÍ

O asasino do terceiro W

Martes, 5 de Febreiro, 2013

VIVIMOS existencias anódinas, nas que o máis importante que nos ocorre ten que ver coa vida, coa morte ou coa parella. Iso é tamén porque, por sorte (por desgraza para os cotillas), as portas dos nosos veciños tapan historias case de cine, que poucas veces chegamos a coñecer. Hai meses escribín un relatiño sobre a relación entre unha suposta actriz porno da Fonte dos Ranchos de Lugo e un profesor devoto de Pedro Salinas. Tempo atrás, dinlle voltas ao que podía agochar unha muller que vin no meu barrio, que se foi soa cara á súa casa dando unha boa camiñada, e iso que o home do que se despedira a bicos tiña coche. Quizais o veciño do terceiro W é un asasino a soldo, aínda que sempre o ves na rúa exercendo de cariñoso pai. E pode que a filla dos do sexto, esa tan tímida que se ruboriza no ascensor, nas noites de sábado trepe a uns tacóns de vinte centímetros e exerza de dominatrix. E vai ti saber se eses do edificio de diante, os que teñen a luz acesa ata o amencer, non son os hackers que afundiron a túa empresa. E, se cadra, ao do quinto E non o ves nunca porque, como é o maior especialista mundial en validar desaparafusadores, viaxa moito. Todas esas historias peculiares só saen á luz cando chegan ás páxinas de sucesos. E entón aparecerán unha señora con mandilón ou un señor con boina que lles dirán aos xornalistas que non se imaxinaban tal cousa do veciño porque “ai!, parecía tan bo rapaz”.

Agradecemento:

Fago constar que o da señora con mandilón e o señor con boina ou pucho é unha achega de Andrés Pavón, a través do meu veciño de blogs Xoán C. Vidal.

Tiñamos máis fotos

Domingo, 3 de Outubro, 2010

Ademais da que sae este domingo no meu Septenario, que vén sendo a de aquí enriba, e da que publican na terceira de Gente, que é grandiosa, e que é estoutra de aquí abaixo,

Xesús Ponte tiña máis fotos boas da Festa do Veciño do domingo pasado en Lugo, que nos descobren outras habilidades de Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo.

E non os quero cansar coa exhibición de apertas, aloumiños e demais que houbo entre veciños e políticos de todas as cores. O conselleiro Samuel Juárez, por exemplo, demostrou certa falta de experiencia nestes baños de masas. Nótaselle na cara de circunstancias:

Como cambian os tempos (I)

Xoves, 5 de Xuño, 2008

Hai que ver como cambian os tempos. Moitos insisten en que Xesús Vázquez, presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, era un dos máis conspicuos representantes do PP e que algúns dos seus directivos son destacados militantes do partido. Sen embargo, velaquí o teñen, a carón do novo presidente da Deputación, o socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro, participando no reparto de plantas co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente.

Reparto de plantas no Rato (Foto: XESÚS PONTE)

Non vou ser malo, porque a cousa ten explicación: as plantas repartidas están relacionadas cos hortos veciñais que a federación administra, por conta da Deputación, no paseo do Rato. E, ademais, moi parvos serían Vázquez e os seus se non se arrimaran ao sol que máis quenta. Non si? Agora mesmo, como din por aí, fóra do PSOE ou do BNG vai moito frío.

Non se perdan tampouco o detalle do cativo no colo do presidente: non hai político que se prece que non teña unha foto cun cativo! Era, realmente, o respaldo popular que lle faltaba ao novo presidente e disque futuro home forte do PSOE… non sei se lugués ou galego ou nacional.