Posts etiquetados ‘sanidade’

O 0,7

Xoves, 23 de Outubro, 2014

ALGÚNS dos meus maiores non acababan de entender que os gobernantes españois anunciasen investimentos e convenios con países menos desenvolvidos, cando en España tamén había miseria nas rúas. “Que llo dean aos pobres de aquí!”, protestaba a miña avoa. Este pensamento nin é exclusivo dela nin anticuado, porque aínda hoxe o vexo nalgún cibercafre que se agocha detrás do (suposto) anonimato de internet. En España houbo polémica cando algún goberno anunciou que lle dedicaría o 0,7 por cento dos Orzamentos á axuda ao desenvolvemento. Os críticos falaban de ‘boísmo’, ese concepto que agocha unha censura baixo un eloxio. Certo: soa estraño iso de axudar aos desfavorecidos doutro país cando aquí tamén os tes, pero casos como o de Teresa Romero e esta crise do ébola deberían facernos reflexionar. Se o misioneiro que llo transmitiu a ela estivera traballando en Alemaña ou calquera país da UE, fixo que a ninguén se lle ocorría repatrialo para coidalo aquí. Pero, claro, estaba nun lugar con hospitais mal dotados, nun país que vén sendo un deses irmáns cativos aos que os irmáns maiores (os países máis desenvolvidos) deixan á súa sorte. Algúns acalan a súa conciencia con caridades urxentes, como a colecta do Domund ou ingresando nesas contas que se abren cando hai algunha desgraza maior (por certo, estamos en tempada de furacáns), pero casos como o de Romero deberían facer que nos decatemos de que o que non fagamos no presunto terceiro mundo acabarémolo pagando neste primeiro no que seica vivimos.

Experto en hospitais

Martes, 28 de Maio, 2013

É PREOCUPANTE que empeces a coñecer os trucos dun hospital. Miras con suficiencia ao que chega, por exemplo, a sacar sangue para unha análise e anda despistado, pero no fondo o triste non é que el non saiba que ten que pasar pola recepción, entregar papeis e agardar mirando para unha pantalla, senón que ti xa agardes diante da recepción. E hai auténticos expertos. O vello Xeral  de Lugo era máis manexable, mesmo lle debuxaron unha liña azul de referencia: siga a raia e ao final estará en consultas externas. No Hula, a cousa é máis moderna, pero as esperas son as mesmas, aínda que agora teñen algo de supermercado: é como agardar na cola da carnicería ou da peixaría a ver cando che toca. E logo todo é cuestión do uso: por exemplo, saber se é mellor aparcar ao fondo ou no centro, onde está o caixeiro para pagar… Demasiado coñecemento inútil; mais a túa memoria, sempre selectiva, recorda o que lle apetece: se vas dous días seguidos, porque por exemplo tes a alguén internado, chegas a saber por onde entrar fóra de hora, pero un ano despois seguro que o esqueciches. A min pásame coa miña consulta anual do meu médico, que realmente escribo isto para recordar cousas (prescindibles) como que os números das súas citas van de cinco en cinco. E escríboo mentres agardo a que saia o que está dentro, porque hai algo que non cambia e que é inesquecible: que a hora para a que estás citado nunca é a de entrada.

Unha comunicación malsana

Luns, 11 de Marzo, 2013

EXPLICABA un antigo amigo, para min un auténtico mestre do xornalismo, que a sanidade e a educación interesan a todo o mundo porque todo o mundo nalgún momento da súa existencia ten contacto con elas. Non é necesario para iso que o planeta enteiro póñase enfermo, nin ser un deses viejetes que intercambia coa súa contemporáneos información sobre enfermidades, achaques e nomes de médicos. Abonda con que se saquen temas como o copago, a privatización de hospitais ou, en clave máis próxima, os colapsos sanitarios con fatais consecuencias ou as reestruturacións administrativas…

Sigue AQUÍ.

Mellor Hula

Domingo, 24 de Xaneiro, 2010

Enlazando co anterior: ao final non será Xeral nin Chula, senón Hula (hospital universitario Lucus Augusti). Mellor para nós: é máis curto aínda e vai dar menos problemas cando fagamos os titulares. E os bromistas de bar tamén andarán contentos, sospeito.

Vandalismo hospitalario

Martes, 19 de Xaneiro, 2010

A semana pasada, tivemos que pechar os comentarios da noticia sobre a xuntanza que este martes vai manter a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, cos políticos de Lugo para decidir o nome do novo hospital. Lonxe de preocuparnos pola insufrible demora que leva o centro, pensado hai xa tres lustros, seica o que máis inqueda aos lugueses é o nome do hospital, e esa noticia é unha mostra diso. Pechámola, xa á media noite, porque detectamos un claro caso de vandalismo. Por suposto, non faltou o listiño que ao día seguinte preguntou se nós tiñamos algún interese persoal que agochábamos baixo aquela nota en vermello advertindo do peche (Puxémola en vermello para que se vira máis; non a busquen: quitámola ao día seguinte).

Pero, digan o que digan, era un caso evidente de vandalismo: alguén (dende o mesmo ordenador, aínda que con nicks e correos electrónicos evidentemente diferentes e, supoño, evidentemente falsos) pasou a tarde e as primeiras horas da noite propoñendo que o centro se chame hospital xeral de Lugo. Escribíao con maiúsculas na maior parte dos casos, e iso foi o que nos fixo sospeitar. Sobre todo, tendo en conta que o nome, posiblemente, irá en galego, co cal acabaríase chamando Xeral, igual que o actual. Claro que iso vai dar o mesmo, porque se supón que o actual vai pechar, así que, se a consellería opta polo nome de Xeral, só haberá un centro con esa denominación tan aséptica.

O que non acabamos de ver é o interese que tiña o tipo que se pasou o día propoñendo ese nome. Fixemos varias hipóteses, algunha delas descabellada:

  1. Que o autor sexa un fabricante de rótulos que quere afundir aos da competencia. Supoño que facer os carteis é un contrato menor, que se pode facer por adxudicación directa (a dedo), e non sería de estrañar, e sería comprensible, que a consellería elixira á mesma empresa de sempre, que, segundo esta hipótese, non é a do vándalo.
  2. Que o autor dos comentarios teña, simplemente, gañas de amolar ou de ir contra todo, en especial contra o alcalde, que todo Lugo sabe que un dos nomes que prefire é de Rafael de Vega. Isto de criticar porque si é algo moi habitual nos comentaristas da nosa web, e iso que pedimos que non sexan trolls, pero xa temos comprobado que hai partes do sitio que ninguén le ou non entende.
  3. Que o autor dos comentarios sexa alguén da consellería. Sabemos que dende os ordenadores do Sergas recibimos moitas visitas, aínda que neste caso a IP é de R. Por que faría algo así alguén da consellería? Quizais porque Sanidade xa ten decidido que o hospital se chame Xeral e o noso vándalo sexa, supoñemos, un bo mandado, disposto a preparar o camiño e a facer entender que a maioría dos lugueses queren esa denominación. E, seguindo con esta hipótese e tendo en conta o galeguicida que é Farjas, non sería de estrañar que o nome acabe sendo finalmente en castelán. Unha mágoa: co que nos gustaría na Redacción que se chamara Chula (Complexo Hospitalario Universitario Lucus Augusti, por exemplo)! E non só polos xogos de palabras e polo curto (algo esencial para un titular), senón tamén porque a U lle daría un carácter universitario que os médicos de Lugo levan tempo pedindo.

Polo menos, o edificio saíu bonito, ou iso pensan a maioría dos participantes no concurso de fotografía dixital no que colaboramos co COAG. E, tamén polo menos, dentro dunhas horas sairemos dunha dúbida hospitalaria, que da outra máis importante (a data de inauguración) aínda imos tardar en saír. Prognostiquei hai meses que se vai inaugurar en precampaña electoral, e parece que vou acertar. Agora, nesta madrugada do 19 de xaneiro, estou por prognosticar que o anuncio da data non o vai facer ninguén de Sanidade, senón do PP. Xa veremos.

Lucenses sanitarios

Luns, 18 de Maio, 2009

A Miguel Ángel Fernández sacárono da xerencia do complexo hospitalario Xeral-Calde de Lugo para que ocupara un escano no Parlamento galego, co convencemento de que ía recuncar, pero chegou o inesperado batacazo do 1-M e as ilusións deste médico socialista de Sarria quedaron truncadas. Despois chegou a posibilidade de acceder á cadeira previa dimisión dalgún dos que están antes que el na lista (xa escribín sobre as posibilidades que tiña Concepción Burgo de ser subdelegada do Goberno), pero tamén se truncou. Pero a nova executiva do PSOE galego conta con el: veñen de nomealo responsable da área sanitaria do PSdeG. E o home tomouse o traballo a peito. O mesmo día en que saían os primeiros nomeamentos do Sergas, o ex deputado xa emitiu un comunicado criticándoos. Iso si que é aplicarse.

Entre eses nomeamentos, por certo, figura Pablo Torres Arrojo, que vai ser o responsable da área económica do Servizo Galego de Saúde. Trátase dun lugués que fixo carreira en Madrid e que é fillo dun médico que foi un alto cargo na Sanidade luguesa. O pai era un home moi prezado, por certo, igual que a nai, tamén traballadora da área sanitaria.

A pílula

Venres, 15 de Maio, 2009

O mesmo día, o martes, en que os xornais publicaban a noticia de que a pílula poscoital se vai vender sen receita, coincidín cun coñecido médico de Lugo. Cando recordou que eu era xornalista, aproveitou para contarme todo o seu enfado coa decisión do Goberno, á marxe de cuestións éticas e morais. Por exemplo, recordoume que cando se fai un tratamento de reprodución asistida, o centro sanitario contrólache o nivel de estróxenos case diariamente. Porén, agora vaise aprobar que a xente se poida meter a diario, se quere, un chute diario e sen receita e sen control de estróxenos. As súas preocupacións vinas recollidas ao día seguinte no xornal: que alguén descoide a prevención contra as ETS, ou as posibles consecuencias carcinoxénicas de estarlle metendo ao corpo cousas destas, ou que, ao final, de tanto usalo, o produto deixe de ter efecto. Ao final, o único que queda é agardar que a xente non perda a prudencia.