Posts etiquetados ‘crise’

Levantando acta da Crise

Luns, 20 de Xaneiro, 2014


HAI CERTO tipo de documentos que deixan máis que claro que estamos en Crise. Non me refiro ás cifras do paro, nin á de emigrados, nin á de empresas con problemas, nin ás de redución de servizos sociais. Non, non me refiro a eses documentos, senón a outros, onde a Crise se coa dunha forma sutil. Falo das actas das reunións de goberno, esas que dan conta do que aprobou o executivo de quenda, sexa de ámbito autonómico, provincial ou local. Repasas eses documentos, todos eles públicos e boa parte deles accesibles vía internet, e descobres os rastros da Crise.

SEGUE AQUÍ

Nin o luxo nos queda

Venres, 19 de Xullo, 2013


Vivimos tempos revoltos, agardemos que non sexan como os da serie de televisión. Pénsoo mentres paseo polo centro de Lugo e vexo as tendas que pechan, nese incesante goteo que nos vai deixando sen algúns referentes e que ameaza con deixar algunhas rúas tan baleiras como a da foto (nocturna, aclaro). Por exemplo, pecha ‘Home’, que era o típico comercio ao que acodes só para unha cousa (vodas, bautizos, comuñóns… cerimonias en xeral) e que, por esa mesma especialización, parece que vai sobrevivir a todo. Tamén pechou algunha óptica na Avenida da Coruña, e iso que o coidado persoal seica é dos poucos sectores que sobreviven: ou sexa, que aínda hai aí o que agora se chama un ‘nicho de mercado’ (unha expresión que me parece infame e digna de que colguen ao autor).

O sorprendente é ver que desaparecen mesmo as tendas de compravenda de ouro (na Fonte dos Ranchos), algo que ata hai pouco parecía imposible.

Pero quizais a clausura máis inesperada, aínda que seguramente é por temas cronolóxicos (xubilación), é a de Aramits, unha das poucas (a única?) tendas de roupa de luxo da cidade, nas galerías de Radio Lugo. A lenda dicía que había quen saía á rúa cunha bolsa desta tenda só por fardar. Agora haberá que buscar outros referentes.

Os maiores e a Crise

Domingo, 29 de Xullo, 2012


Este sábado coincidiron no xornal dúas noticias xeriátricas (a da futurible residencia de Foz e a dos problemas da que xa hai en Sarria), un eido que orixina novas habitualmente: por exemplo, a polémica entre Xunta e Deputación pola rede de residencias que quere facer o ente provincial. É significativo dos tempos que corren ese interese pola atención aos anciáns, e iso que as últimas medidas económicas deixaron, por unha banda, a lei de dependencia case agonizando, e, por outra banda, cada día son máis as familias que dependen das pensións dos seus vellos.

Decátome de que os meus últimos Septenarios son excesivamente económicos, e algúns, mesmo pesimistas. Pero a cousa non é para menos. Por iso contaba o domingo pasado que ultimamente, cando falo coa Redacción dixital de Santiago, xa pregunto se teñen, para compensar, algunha noticia friki (a RAE, que é a única de España que avala a palabra, prefírea con k e non co q que parecería máis lóxico), que non sexa deprimente. Hei de engadir que, ademais, agora xa me despido chanceando con que, mentres, voume colgar dun piñeiro… se non fose porque seguro que lle cobran taxas ou unha multa á miña familia.

O fútbol e o resto

Mércores, 30 de Maio, 2012

HAI UNHA semana, pregunteime en Facebook sobre que escribir ese martes. Cando o meu artigo sobre citas xa debía de estar filmado, respondeu un primo meu propoñendo que escribira sobre o uso do fútbol para idiotizar ás masas. Despois seguimos cun debate no que saíu un clásico, «a relixión é o opio do pobo», pero non outro, o vello «panem et circenses». Nos tempos que vivimos o pan anda moi xusto, e mesmo moita xente ve que llo están a quitar. En cambio, de circo andamos sobrados: Rafa, Pau… o fútbol diario … Dous días despois, o meu primo queixouse dun suposto intento de atraco arbitral ao Celta (contra o Xerez). E hai un ano especulouse con que o descenso do Dépor e os non ascensos do Celta e o Lugo tiñan motivos políticos, pola derrota do candidato ‘de Madrid’ nas eleccións na federación galega. Xa o dicía o filósofo: é máis doado cambiar de parella que de equipo, e iso que algúns mesmo temos ido algunha vez co Deportivo malia levar décadas sendo do Celta, que a ver se nos dá unha alegría este sábado. Se non existise o deporte, os gobernos terían problemas: imaxinen un país onde a xente pensara seriamente na política, participara realmente na xestión pública e non se perdera discutindo sobre se aquilo foi penalti ou non. E un detalle final: a Eurocopa de Portugal gañouna Grecia, a quen sucedeu catro anos despois España; ou sexa, tres países moi unidos en temas económicos… quero dicir, futbolísticos.

Volvendo ao pasado

Martes, 31 de Xaneiro, 2012

CANDO eu era pequeno, recordo que as cartas do meu tío, irmán da miña nai, chegaban con moitísimo retraso, estivera en Cáceres, Madrid, Córdoba ou Toledo, onde o levaron a mili primeiro e o traballo despois. Ás veces, a misiva na que anunciaba o seu retorno dentro dunhas semanas chegaba despois del. E se a carta ía para a miña nai, que vivía na aldea, o retraso podía roldar o mes. Estes días lembro isto cando leo a denuncia sindical de que, por culpa dos recortes de persoal, hai cartas acumulándose en Correos. Despois leo que en Castro hai bancos que só van abrir uns días aos mes e acórdome daqueles ‘correspondentes de banca’ que había nas aldeas, que viñan sendo un tipo con estudos (sobre todo de contabilidade) que levaba os temas financeiros dos veciños. E segues mirando os xornais e vas sentindo como se estiveras volvendo ao pasado, mesmo ao máis lonxano. En breve, por exemplo, só poderán ir ao médico os que teñen cartos, e estudar vai ser cousa de ricos. Mesmo as noticias acabarán véndose en muros como os de Facebook ou mesmo todo internet, que ás veces parece unha xigantesca táboa de anuncios escolares. Todo isto é como se volvéramos ao feudalismo: desta volta, os señores con dereito de pernada non se chaman condes ou baróns, senón mercados. Consólome vendo nun xornal madrileño que a xefatura de Standards and Poor’s está en mans dunha mellor: postos a ser fodidos, é mellor que sexa por parte dunha muller (aínda que supoño que elas dirán o contrario).

Traballo

Martes, 17 de Maio, 2011

NAS táboas de anuncios do barrio, é dicir, nas farolas, florecen os papeis de xente á procura dalgún traballo doméstico. Estes días estase a anunciar unha “chica española”, que se ofrece para coidar pequenos ou maiores ou, en xeral, para labores da casa. No 24 horas tamén hai carteis semellantes, algúns deles con xentilicio incluído, como “mozo colombiano”, ou aquel outro dunha muller que non indica a súa orixe pero asegura ter a tarxeta de residencia en regra. Outros inciden no aspecto “moi traballador”, homes normalmente, que son os que amplían o abano de posibilidades ata os labores do campo, ou o reparto de cousas en furgoneta. A mala fama que están a adquirir os inmigrantes en xeral, a causa do mal comportamento duns poucos, fai que agora se resalten eses detalles que antes importaban pouco (pregúntome se os emigrantes españois a Europa nos sesenta tiñan a mesma mala sona que teñen aquí os inmigrantes actuais). No fondo, os carteis da ‘chica española’ ou o ‘mozo colombiano moi traballador’ están a recoñecer que na tranquila e integradora Lugo hai un problema latente de xenofobia: é como se dixeran que quero ser chacha, pero son española, ou son estranxeiro pero traballo… Ás veces pregúntome se escribir os carteis en galego daría puntos, porque demostrarían ser persoas ‘do país’, aínda que igual esas non interesan porque, teoricamente, coñecen o seu dereito a non ser explotadas.

[Velaquí a versión que se publicou. A primeira que fixen remataba do seguinte xeito:

Como hoxe é o Día das Letras, recordo que carteis como estes e outros que levo meses vendo fanme pensar que quen os faga en galego podería gañar puntos, porque estará a dicir que é unha persoa ‘do país’… aínda que, tal e como están as cousas, ser un do país que coñece o seu idioma e, sobre todo, os seus dereitos igual non interesa.

Desboteina porque non me terminou de convencer.]

Ouro

Martes, 12 de Abril, 2011

ABRIMOS na web un foro sobre se a xente segue a considerar que o ouro é un valor refuxio: iso que as nosas avoas consideraban que era o mellor que se podía gardar para situacións malas: unhas xoias, uns cubertos de alpaca (deses que non hai xeito de que brillen), cinco ou seis mantelerías ou xogos de cama e unha vaixela de renome (de Sargadelos ou Santa Clara). Quizais por iso agora, que veñen mal dadas, están a florecer as casas de empeño, como nos vellos tempos, especializadas na compra de ouro. De mozo, un pensa que hai moita parvada con este material precioso, ata que comeza a comprar o anel de compromiso, a alianza da voda, os pendentes da pequena ou a cadeíña do pequeno, a pulseira de aniversario… e non me venda ouro do malo! Outros engaden á lista de valores refuxio algunha obra de arte, algún libro vello… pero son máis volátiles. En tempos, pensábase que o que sempre valería algo eran as terras, pero hai anos descubrimos que só se son edificables, e agora, nin iso. E os máis modernos seguimos pensando que a casa é o noso gran patrimonio… cando deixa de pertencer ao banco, cando non vives nun barrio en desvaloración, cando a construción é boa… En fin, van ter razón as avoas: non hai nada como o ouro. Haberá que facerse cuns lingotes.

Crise e marcas brancas

Xoves, 24 de Setembro, 2009

A Crise (fálase tanto de ela que xa hai tempo decidín escribilo en maiúsculas, como se fose unha época histórica) ten algún efecto colateral interesante. Por exemplo, ratificarnos na nosa sospeita de que as marxes de beneficio que se levan as marcas son moi substanciosas. Este luns, vin na tele varios anuncios consecutivos nos que determinadas marcas anunciaban interesantes descontos. Sabido é que non hai empresario que queira perder cartos, así que se poden rebaixar nestes tempos de estreiteces, por que non o fan o resto do ano.

Logo, cando te aboas ás marcas brancas, tamén descobres cousas sorprendentes. Por exemplo, compras unhas sardiñas de marca branca, despois de ver que o fabricante (ou iso pon a letra pequena da caixa) é unha prestixiosa empresa da provincia da Coruña. E abres a caixa e ves marcado sobre a lata, en tinta indeleble, que aquilo é un “produto de Marrocos”. Ou sexa, que o que ti considerabas unha prestixiosa conserveira, que fabricaba latas con sardiñas pescadas, pode ser, en Marrocos, resulta que tamén as compra enlatadas e distribúeas sen máis. E días despois ves no supermercado da esquina (dunha coñecidísima e punteira empresa de distribución galega) unha caixa coas bolsas de plástico e entéraste de que as bolsas que che dan coa compra están feitas en Arabia Saudí. Ou sexa, que isto debe de ser iso da globalización: que te podes levar á casa unha lata importada de Marrocos pensando que é coruñesa, e todo metido nunha bolsa fabricada, ao mellor, por un grupo de nenos de menores.

Aínda que o mellor que me pasou ultimamente facendo a compra foi achar, no hipermercado, unha lata de sardiñas marca Ría de Vigo… fabricada en Cariño. Non sei se isto tamén é consecuencia da globalización. Non sei a que esperan os de Arotz para vender os seus espárragos da Ulloa baixo a marca La Navarra, por exemplo.

Carteis resesos

Luns, 6 de Xullo, 2009

O pasado xoves tiña pensado escribir na última de El Progreso sobre carteis, pero ata setembro non volve saír De re varia. Quería contar que a aterraxe da nova xunta vai tan lenta que nin sequera desapareceron os carteis da campaña electoral do 1 de marzo. Dende a miña casa albisco tódalas noites, ben iluminado (un dos poucos que teñen alumado propio en Lugo), un no que Núñez Feijóo pregúntase “Empezamos?” e no que convida a Recargar Galicia. Está no campo de fútbol da Cheda, a carón da Nacional VI, preto do hipermercado. É unha zona moi transitada polos coches, polo que sospeito que o cartel debe de saírlle caro ao anunciante. Aínda así, alí segue, creo que dende comezos de febreiro. Sospeito que agora debe de estar de balde e que posiblemente seguirá alí mentres non apareza outro anunciante con posibles.

Dende logo, mesmo na cartelería se nota que hai Crise.

‘Pascualistas’

Venres, 8 de Maio, 2009

Os sindicatos tradicionais andan estes días moi inquedos polo do expediente de regulación de emprego de Leite Pascual. Tamén os xornalistas, pero por motivos distintos: a nós, porque nalgún caso non foi doado localizar aos membros do comité de empresa; aos sindicatos, polo tremendo impacto que terá a noticia na situación económica de Lugo e porque senten que neste conflito van ter que quedarse á marxe, xa que non hai representación nin de UGT nin de CC.OO. nin da CIG na factoría láctea de Outeiro de Rei. É dicir, que os do comité van ter que lidar sos con este problemón. Nestes días, algún sindicalista destas centrais maioritarias fai memoria e recorda unha entrevista con Tomás Pascual, o mandamáis de Leite Pascual, na que, xa no ano 2002, o xornalista comentaba que non había sindicatos “normais” nos comités de empresa das súas factorías. E o empresario congratulábase, dicía que lle gustaban máis estes “pascualistas” que uns sindicatos dos outros.

Por certo, os sindicatos de Lugo tamén están a prepararlle unha homenaxe popular, outra máis, a Xesús Otero, ese docente sindicalista da UGT que cesou como subdelegado do Goberno en Lugo polo tema das multas. Vai ser o vindeiro venres. Creo, aínda que non podo aseguralo, que a idea partiu do seu sindicato e que se sumaron os outros dous grandes. Din as malas linguas que Suso, como o coñecían todos, está a baleirar unha habitación da súa casa para poder colocar todos os agasallos que leva acumulados nas homenaxes que recibiu dende que dimitiu.