Archivo de ‘Internet’ Category

Vixiado

Martes, 12 de Novembro, 2013

CANDO cheguei á miña actual casa, na ponte da Constitución haberá quince anos, a sección de Sucesos deste xornal ‘saudoume’ coa noticia de que a Policía desmantelara un ‘supermercado’ da droga situado un par de rúas máis abaixo. O pasado xoves, no xornal informamos de que fixeran un rexistro idéntico nunha casa por diante da cal paso ás veces nalgún dos meus paseos. De feito, a vivenda está a un paso dun bar do que escribín aquí hai un ano, que leva o nome da terrible deusa grega da vinganza. A casa chamara a miña atención porque o seu pobre exterior contrasta coa pantalla de televisor de tropecentas polgadas que se ve nunha parede dende a rúa. Cando leo o da casa, vexo que a investigación leva en marcha varios meses, o que me fai supor que farían vixilancias e pode que haxa algunha gravación na que saia eu pasando por diante. Algunha vez imaxinei a posibilidade de que persoas correntes acaben metidas por accidente en calquera movida delituosa, sen comelo nin bebelo, algo que ten inspirado moitas películas. Imaxínate ir declarar diante de Pilar de Lara (cítoa porque é a xuíza deste caso) porque un día fuches pedirlle sal ao narcotraficante que, sen ti sabelo, vive no piso do lado. Nestes casos, confías en que os que nos espreitan (ou simplemente nos protexen, ou iso esperamos que fagan) saiban diferenciar un delincuente dun transeúnte. Pero a min agora, despois das revelacións de Edward Snowden, por se acaso, non se me ocorre utilizar a palabra bomba nos meus emails, aínda que sexa un bombazo informativo ou unha receita de arroz.

Wiki

Martes, 18 de Xaneiro, 2011

TEÑO un xemelgo en Xapón e outro en Perú. E creo que ningún o sabe. Os tres compartimos nick na Wikipedia, un na versión en inglés, outro na española e un terceiro, eu, na galega. Así que os meus descoñecidos tocaios vanme obrigar a cambiar de nome: o que eu elixín era demasiado evidente e, ademais, o galego dá máis xogo en cuestión de nicks, alcumes e pseudónimos. Estes días, os wikipedas estivemos de aniversario: dez anos cumpriu o sábado esta enciclopedia comunitaria, ideal para os que, coma min, sabemos (ou cremos saber) algo de todo, que, como diría Mafalda, non é o mesmo que saber todo de algo. Ti creas os artigos con todo o cariño, coidando as fontes e os links, e despois van medrando sós, modificados polas achegas do resto da sociedade… ou sexa, como se fosen os fillos que non teño. Como eles, teño algún que me preocupa máis que os outros, porque o pobre non dá medrado. E, como eles, vounos corrixindo para facelos mellores. Descoñezo se lles gustará o meu cambio de nome, que ten unha razón de ser expansionista, porque quero participar noutras Wikipedias sen ter que cambiar de nick (e, polo tanto, contrasinal). Quero vixiar, entre outras cousas, as versións noutras linguas dos temas dos que escribo. E tamén quero corrixir cafradas como esa de que traballo para o grupo Prisa (!!). Si: como pasa cos fillos, non queres que digan animaladas deles.

Dicionarios

Martes, 28 de Setembro, 2010

DENTRO DUNS días, co comezo de outubro, o Digalego deixará de ser gratuíto. Para os non entendidos: é a versión en internet do dicionario de galego de Ir Indo. Para algúns, é o mellor, e, sobre todo, o máis actualizado, que se pode atopar na rede. Somos moitos os que, cando soubemos da súa existencia, engadímolo enseguida aos Favoritos. Mesmo ten a conxugación de todos os verbos, o cal é moi útil, por exemplo, para os que non chegamos a estudar galego na vida. É curioso o éxito que tivo (400.000 usuarios únicos, din na web), e máis despois dos problemas iniciais, nos que creo lembrar que estivo implicada a Xunta: había polo medio unha movida cun proxecto oficial para poñer en rede un gran dicionario galego, creo recordar. Pero dentro duns días haberá que pagar por seguilo usando. Non é moito, certo, pero faise raro. As alternativas son escasas, porque esta lingua na que estou escribindo anda moi mal de ciberdicionarios. Sorprendente é que a Real Academia Galega non teña o seu colgado: hai que buscalo no portal da Xunta, e alí atópaste que é a versión de 1997 (cando ‘construción’ aínda levaba dous ces). Está moi lonxe, abofé, da Academia española, que ten unha versión dixital moi boa do seu catálogo de palabras. Quedan dúas alternativas: o lusófono Estraviz ou volver á versión de papel, pero hai séculos que mesmo os amantes do papel non usamos tal material cando queremos despexar unha dúbida.

Inquietante tendencia

Luns, 2 de Agosto, 2010

Enlazando co post anterior, teño que recordar que a loita política ten os seus perigos. Entre os argumentos que a dereita (a política e a sociolóxica) está a usar para botar abaixo a Rodríguez Zapatero está a, alegan, inutilidade do Ministerio de Igualdad. Ás veces non queda claro se o que amola é que exista esta carteira ou a mocidade da súa titular, o cal me recorda aquilo que dicía un novísimo Adolfo Suárez sobre as queixas de Manuel Fraga cando o Rei preferiu ao político de Cebreros: “Debe de pensar que a política é cuestión de idade e que se chega por oposición”.

Hai unhas semanas, unha columnista dun xornal madrileño comentaba o inquietante crecemento das actitudes anti-femininas. Eu pensei que esaxeraba, ata que me decatei de que na web de El Progreso iso tamén se está notando, e aquí xa non só hai protestas contra o ministerio, que as hai, senón que xa se incorre no machismo máis descarado e na falta de respecto (habitual por outra parte). Así se entende non só a devandita belixerancia na enquisa sobre o cartel da perruquería, senón comentarios como o dun usuario que escribiu que se os nenos comían máis graxas nos colexios era culpa de que as nais de agora nin cociñan nin saben. Por aquelas datas chegou outro comentario, procedente dun berrallón habitual, no que se preguntaba, facéndose o gracioso, se Penélope Cruz lle regalara un pixama a Javier Bardem para que este puidera “estrear algo” na noite de vodas.

Por suposto, os dous comentarios borráronse cando foron localizados, non só por machistas, senón tamén pola tremenda falta de respecto cara os demais que, como todo o machismo, conteñen.

Enquisas troll

Sábado, 31 de Xullo, 2010

Creo que xa escribín algunha vez sobre o pouco científicas que son as enquisas na internet. Quen deseñou as que temos na nosa web puxo, con moito cachondeo, aquel aviso de que unha enquisa é a que di que, se tes os pés no forno e a cabeza na neveira, estás á temperatura idónea. Juan Benet (creo que fora o autor de Volverás a Región) contara aquilo de que se un náufrago come un pito e o outro, nada, a estatística dirá que comeron medio polo cada un.

Unha das razóns polas que son pouco científicas é que, se controlas como respiran os lectores, xa sabes o resultado antes de activalas. Sabes, por exemplo, que as enquisas son territorio troll: pode haber auténticas batallas entre dúas faccións (aquí temos vivido máis dunha) ou podes poñer unha resposta delirante na confianza de que vai ter moitísimo éxito.

Contra isto último, o mellor é evitala: por exemplo, na recente enquisa sobre cando pensaban ir os lectores ao Ikea da Coruña, podiamos ter ofrecido a posibilidade “nunca”, pero sabiamos que todo o mundo, incluso os que acababan de vir da tenda, ían clicar aí. Así que puxemos “Máis adiante”, convencidos de que era a que ía gañar. E así foi. E por esas datas pasou algo parecido coa denuncia por sexismo contra unha perruquería de Lugo. Cando preguntamos se aos lectores lles parecía ou non sexista o cartel, sabiamos que a resposta maioritaria ía ser que non. O que nos sorprendeu foi a velocidade e a contundencia (o 80 por cento dos votos) coa que gañou. En menos de 24 horas o ‘non’ xuntou máis apoios que algunha enquisa nunha semana. Non: non miramos a procedencia dos votos; quizais tería resultado revelador… e moi científico.

Maledicencia e difamación

Domingo, 1 de Novembro, 2009

Tiña pensado escribir este domingo sobre corrupción, pero á vista de que xa o fixeron cinco ou seis compañeiros, decidín centrarme no outro tema da semana, o cisma do PP de Chantada. Tiña pensado facer unha reflexión sobre o mal que lle sentan á democracia estas corruptelas, a mala imaxe que queda nos cidadáns de a pé, a necesidade dunha rexeneración moral e o perigo de que, diante do cansazo cuns políticos deshonestos (este é un evidente caso de cómo se toma a parte polo todo), os votantes, e máis nesta situación de recesión económica, opten por aventuras populistas ou demagóxicas, como as de Hitler, Mussolini ou, salvando as distancias, Berlusconi.

Outra parte dese artigo que non escribín iría dedicada a cuestións de imaxe: o que pensa a xente. Ti prendes a un político e xa é culpable, aínda que despois, no xuízo, non aparezan probas e o tipo saia absolto. Se consegue a absolución, a masa (aquí xa non se pode falar de cidadanía, senón de masa amorfa) dirá: “Iso é que non lle atoparon nada, pero seguro que algo hai”. A masa non ten probas, pero acusa igual. A masa, por exemplo, usa os medios dixitais para, escudándose no falso anonimato, lanzarse á difamación, a acusar sen probas, tirando a pedra e agochando a man.

Viuse estes días nas noticias que Elprogreso/Galiciaé recolleron sobre o caso de Castro de Rei. Foi entrar a policía no concello e empezar a chover acusacións nas webs: que miren en Abadín, en Alfoz, en Antas, en Baleira, en Baralla… dicían. Si: dou a lista dos concellos de Lugo por orde alfabética porque non se librou nin un. Se os denunciantes teñen probas do que din, por que non van ao xulgado con elas? Se non as teñen, por que difaman deste xeito? (Repetirei que en internet, e menos diante dun xuíz, non existe o anonimato absoluto aínda que asines Anónimo?) No fondo, tiña razón Salvador de Madariaga (ou era Sánchez de Albornoz?) cando dicía que só hai algo que lles guste máis aos españois que facer e desfacer constitucións: facer guerras civís. O guerracivilismo, a maledicencia, o falar mal dos demais, a envexa e, en suma, o querer mal ao outro é algo que nos define.

Tamén nos define a hipocrisía. O chorreo de difamacións nas noticias do caso Castro de Rei foi tal que ás veces non dimos feito e algún comentario cafre quedou visible máis tempo do recomendable. Algúns sácanche despois o seu dereito á liberdade de opinión, esquecéndose do dereito dos demais a preservar a súa propia imaxe. Logo preguntabas pola IP de quen mandaba eses comentarios cafres e descubrías que a IP era dalgún organismo público. É dicir, algúns usan ordenadores pagados por todos para queixarse de que outros fan un mal uso dos fondos públicos. Incrible.

Fernández de la Vega, mellor en catalán

Sábado, 13 de Xuño, 2009

Celestino Fernández de la Vega (Foto: El Progreso de Lugo)Presentou este martes Galaxia en Lugo a reedición de dous textos fundamentais do pensamento galego, Ensaios a proba do tempo e, sobre todo, O segredo do humor, obra as dúas de Celestino Fernández de la Vega, un ensaísta nado en Friol e que morrera en Lugo en 1986. Para documentar a información publicada na edición dixital, estivemos á procura dunha boa biografía en internet, e polo camiño atopamos cousas realmente estrañas. Por exemplo, na web de Biografías y Vidas aseguran que morreu nunha localidade chamada, literalmente, ”Río Miño”: descoñecemos a súa localización exacta. Supoño que a confusión virá de que Celestino morreu tirándose ao Miño dende unha das pontes de Lugo.

Ao final, pensamos en botar man da Wikipedia, e aí viñeron máis sorpresas. Na versión en español non hai nada; tampouco hai moito, por certo, dunha parente lonxana de Celestino, María Teresa Fernández de la Vega (creo que comparten avós, bisavós ou algo así). Na versión en galego, na Galipedia, hai tres liñas exactas, porque é un artigo en elaboración… e a mellor e máis completa biografía deste galego ilustre vén estar… en catalán! Tremendo. Non sei se recuperar os meus tempos wikipédicos e empezar a ampliar o artigo en galego e facer tamén a versión en castelán.

Demoras cibernéticas

Domingo, 26 de Abril, 2009

No post anterior teríame gustado meterlle un link ao conselleiro, máis que nada por iso de irnos familiarizando cos novos membros do Goberno galego (o link, por suposto, tería sido coa consellería)… pero foime imposible. Porque resulta que nestes tempos de cambio, nos albores da oitava lexislatura, as respectivas webs oficiais andan pouco actualizadas. Este sábado, por exemplo, era Alfredo Suárez Canal, o ex conselleiro, e non Samuel Juárez, o lugués da Bañeza, quen seguía saudando aos que visitaban a páxina da Consellería do Medio Rural. Era de supoñer que a web dun departamento que non cambia de nome sería de máis sinxela actualización, pero xa se ve que a fontanería de San Caetano é complicada abondo.

Non naveguei moito estes días polos dominios da Xunta, pero algunha compañeira conta que as webs están pouco actualizadas. Na principal, ningunha das consellerías ten, por exemplo, ligazón co seu respectivo sitio.

Nisto son máis rápidos os socialistas. En xullo do 2007, a web da Deputación de Lugo xa tiña o discurso de investidura de Gómez Besteiro unha hora e pico despois de rematar, e daquela xa era o político socialista o que saía no Saúda do presidente e non o anterior. Máis recentemente, José Blanco tomaba posesión da web do Ministerio de Fomento ás poucas horas de tomar posesión do departamento, e os lectores xa podían ver as súas fotos oficiais. Agora haberá que agardar a ver canto tardan os populares en redeseñar (e non só actualizar) todas as webs da Xunta: nos tempos do bipartito, houbo algunha que tardou máis dun ano. Por certo, saberá alguén o número exacto de páxinas webs que dependen da Xunta ou algún dos seus entes autónomos?

Xa é bilingüe

Sábado, 21 de Marzo, 2009

Web da Deputación

Por fin é totalmente bilingüe a páxina web da Deputación de Lugo. Tiveron que pasar algún tirón de orellas do Valedor do Pobo, algunha campaña das Ciberirmandades da Fala e algún desmantelamento do servizo de Normalización Lingüística do ente, todo iso en tempos cacharristas. Polo medio houbo unha fase intermedia, cando a maioría dos menús estaban en castelán pero as noticias ían en galego: xusto dende media hora despois da toma de posesión de Gómez Besteiro. O curioso é que desta renovación non houbo maior publicidade. Algúns souberon da nova a través de Vieiros (“non era sen tempo!”); outros, porque alguén nolo comentou.

Pero a actualización lingüística non foi acompañada da actualización de contidos. Por exemplo, as biografías son as mesmas que había en xullo de 2007, co que nos atopamos que todos os deputados, comezando polo presidente, teñen dous anos menos que agora (por exemplo, de Lara Méndez dise que naceu en 1972 e que, polo tanto, ten “só 35 anos”). Incluso hai unha deputada pantasma, Raquel Arias, a quen neste período deulle tempo a ir para Madrid e volver a Galicia, pero que segue a figurar como membro do grupo provincial do PP. Pola contra, do seu substituto non hai mención.

Tamén atopamos lixeiras diferenzas biográficas. Contrastan as amplas biografías dos membros do PSOE e do PP coas parcas referencias dos dous deputados do BNG… ben, non de todos, porque María Xosé Vega si que ten unha biografía tan ampla coma os seus compañeiros socialistas e populares.

O contraataque

Xoves, 26 de Febreiro, 2009

E xusto poucas horas despois de escribir o post anterior, chégame un correo cun PowerPoint sobre os Excesos do PP. E mándao, claro, Alberto Núñez Feijoo (en realidade, o correo aparece enviado por A. Núñez Fei). E tamén se trata dunha conta de Gmail, con toda a pinta de ser unha conta pantasma. Non sei se será o contraataque dos do bipartito, pero entre todos están a encherme o correo.