Posts etiquetados ‘festas’

S. Antonio

Martes, 14 de Xuño, 2016

HAI SANTOS máis populares que outros. Este luns celebramos un deles, San Antonio. Este é deses  que adquire nome diferente segundo o sitio. Na meirande parte da cristiandade asóciano á cidade italiana na que morreu, Padua. En Portugal recórdano polo sitio no que naceu: Santo António de Lisboa. E en Madrid asóciano á Florida, o barrio da cidade no que está a ermida á que van as rapazas casadeiras a buscar mozo. É curioso que Madrid, unha cidade supostamente tan adiantada (todo o mundo pensa que canto máis grande é un sitio, é socialmente máis avanzado e progresista), conserve tradicións tan antigas como esas. Claro que a festa grande de Madrid (15 de maio, San Cidre) está adicada ao patrón dos labregos, profesión da que xa case non quedan practicantes nesa vila de 3,1 millóns de habitantes. O que pasa é que dá igual: a partir de certo tamaño, téndese a esquecer a quen vai dedicada a festa, mesmo se tende a postergar a súa orixe relixiosa, daqueles tempos en que o mundo era maioritariamente incomprensible e a xente de a pé pensaba que as cousas ocorrían por causas divinas ou máxicas (creo que agora estamos volvendo a iso, vía internet). Penso se haberá moitos vigueses que saiban que vitoria dá nome ao Cristo da Vitoria, ou cantos santiagueses confundirán Ascensión (as súas festas de primavera) con Asunción, ou quen era ese San Froilán (venerado, como San Antonio, tanto onde naceu como onde morreu) que enche Lugo de troula en outubro. Son todos santos católicos, pero non creo que a Igrexa considere un éxito que todo o mundo honre aos seus santos sen telos presentes.

A aventura

Martes, 12 de Xaneiro, 2016

Logo DakarEN TEMPOS, a principal actividade deportiva que podías ver na tele durante as vacacións escolares de Nadal, Liga de fútbol á parte, era o torneo do Real Madrid de baloncesto. Daquela, chamábame a atención que os deportistas se prestaran a pasar fóra da casa unhas datas nas que o normal, polo menos na miña contorna, era vir mesmo de moi lonxe para pasar as festas en familia. Despois, chegou o París-Dakar, competición que arrincaba cando medio planeta estaba de festa celebrando o cambio de ano. Aquela carreira levaba aos medios de comunicación unha serie de topónimos evocadores: Teneré, Tamanrasset, Niamey… E mirabas con admiración inocente a aqueles pilotos que se metían sós nunha aventura que tiña moito de loucura. Máis tarde viñeron as ameazas de Al Qaeda e os nomes que fan soñar cambiaron, porque a proba saltou a outro continente: Uyuni, Jujuy, mesmo hai un Belén… Pero seguen sendo o mesmo tipo de tolos entregados á aventura por carreiros onde, se cadra, non volverá pasar outro vehículo de motor ata dentro dun ano. É unha (admito que envexable) simple aventura… con GPS, camións con comida para sesenta rexementos, equipos de apoio con máis mecánicos que habitantes teñen algunhas aldeas… Si, logo din que os organizadores desta caravana dan axudas para as comunidades indíxenas, pero che queda un gusto agridoce, como se viras pasar unha expedición de tanques polas ladeiras do Mustallar…

Cartas reais

Martes, 5 de Xaneiro, 2016

HAI QUEN mantén o costume de aproveitar estas datas para mandar cartas apócrifas aos Reis Magos. Son apócrifas ou directamente falsas porque, a diferenza das que redactamos de nenos, non están escritas para ser recibidas nin moito menos para que se fagan realidade. Columnistas, opinadores e demais xente desa ralea somos moi dados a elas: aí pedimos cousas imposibles, que requiren a man de alguén realmente máxico, como os Reis (de Oriente): sensatez na política, próceres con altura de miras, pactos inimaxinables, eleccións repetibles, a fin do terrorismo ou, en resumo, a paz no mundo. É case o mesmo que pediría unha candidata a miss na parte intelectual do concurso de beleza. Son mellores, abofé, as cartas aos Reis que facemos de cativos: primeiro, porque as posibilidades de cumprimento son maiores; segundo, porque os referentes son máis serios. Podes ter o referente da necesidade ou obriga (un estuche para substituír o vello ou a roupa que pides por quedar ben cos adultos), a referencia da publicidade ou a dese superventas de Nadal que é o catálogo de xoguetes de El Corte Inglés (pode presumir Planeta desas tiraxes?), ou, en fin, un modelo máis interesante: aquilo que ten o veciño, a curmá, a amiga ou o compañeiro de clase. Esas si que son cartas sentidas, de xente que o merece todo porque este ano se portou ben… ah, velaquí outro tópico, como o da paz no mundo. Feliz noite de Reis.

Atalaias

Mércores, 24 de Xuño, 2015

CANDO SE vive nunha cidade como Lugo, que incorpora de serie un miradoiro máis que milenario, un afaise a ver as cousas dende unha certa altura, e moitas veces, desde o mesmo sitio, como se fose unha referencia perfecta, como se fosen os habitantes desta cidade os precursores do ‘ollo de falcón’ que agora se usa tanto no tenis. En Lugo hai dúas atalaias de referencia: o adarve enriba da porta de Bispo Aguirre e onde arrinca a escalinata de Luis Pimentel. Colócaste aí e podes saber, por exemplo, se o San Froilán dese ano é concorrido ou se son mellores os de antes: algún ano, temos usado no dixital dúas fotos dende o mesmo sitio a diferentes horas para demostrar que o que nunca cambia nas festas maiores de Lugo é o xentío. Esas atalaias tamén serven para ver se a manifestación pola hemodinámica é masiva ou para resolver unha incógnita crecente: faille sombra o Arde Lucus ao San Froilán? E a resposta, polo que vin o sábado, é… depende. Ao fondo da Praza Maior había ocos, se ben é certo que en San Froilán o espazo a comparar é menor, porque alí hai casetas. Facíase curioso recordar que esa festa romana empezou da nada e agora hai quen fai o seu agosto en xuño. A deste ano foi, por certo, a primeira edición sen Orozco: haberá quen diga que o Arde Lucus é o seu meirande legado, esquecendo o remate dos trámites para o Patrimonio da Humanidade: aquí temos bo ollo de falcón, pero, ás veces, memoria de aire.

Privado e público

Martes, 14 de Xullo, 2009

Á vista das noticias dos últimos meses, chego á conclusión de que estamos a vivir nun tempo en que o privado manda moito. Por exemplo, varias iniciativas e manifestacións populares poden chegar a que algún Goberno estude modificar mesmo o Código Penal; unha asociación privada é quen de conseguir cambiar a política lingüística de todo un goberno, e unha iniciativa privada e coas dubidosas garantías que dá internet recibe promoción dun Concello.

Para os que non están postos nos temas, aclaro que me refiro, respectivamente, ao caso Mariluz, Galicia Bilingüe e a campaña que o Concello de Lugo está a facer co concurso cibernético sobre as sete mellores festas de España, onde o Arde Lucus vai destacado. Hai uns días ía por diante o San Xoán de Soria. Con todo o meu respecto para esas terras que inmortalizaron Machado e Gabinete Caligari, pregúntome se realmente ese San Xoán é mellor que as Fallas ou San Fermín (por citar dous exemplos coñecidos fóra de España) ou se algún lugués ten oído falar do San Xoán de Soria ou cantos sabían que esa cidade facía festas polo 24 de xuño.

Vaiche ser certo o que dicía a miña avoa: o ocio é perigoso porque dá por facer cousas estrañas, con todo o meu respecto para os ociosos.

A androlla política

Martes, 5 de Febreiro, 2008

Besteiro e Barcia en Navia

O ano pasado houbera moitos políticos na Festa da Androlla de Navia. Era lóxico, porque faltaba pouco para as eleccións municipais. Pero este ano superáronse. E por riba de todos, os socialistas, que agora teñen máis terreo seu: de feito, algúns xa bromean con que A Montaña é o ‘cinto vermello’ da provincia, a imitación do histórico ‘cinturón rojo’ de Barcelona.

Alí houbo, nas ringleiras socialistas, dende un conselleiro, Ricardo Varela, que xa estivera o ano pasado, ata un presidente de Deputación, Gómez Besteiro, pasando por un senador saínte, Lago Lage, un par de deputados provinciais (Ricardo da Fonsagrada e Martínez de Becerreá, tamén repetidores), uns cantos alcaldes (os de, por suposto, Navia, e A Fonsagrada, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, Negueira de Muñiz e o devandito Martínez) e supoño que máis dun concelleiro ou ex alcalde (o de Cervantes).

Pero a cousa non remataba aí, porque estaba case toda a rama luguesa da Consellería de Traballo: o secretario xeral técnico, o xefe de gabinete —que empezou a súa carreira na comarca— e, por suposto, o delegado provincial. De delegados andaba a cousa bastante surtida: os de Sanidade, Presidencia, Política Territorial e Medio Ambiente (un home que nunca pasa inadvertido… nin estando a carón de Pau Gasol, por exemplo)…

Iso, pola banda socialista, porque pola nacionalista a cousa tamén estaba ben surtida: estaban os delegados de Medio Rural e Industria, dous incondicionais desta festa. Desta volta engadíuselles o vicepresidente primeiro da Deputación, Xosé Antón Bao, e, por suposto, non faltou o coordinador electoral da comarca de Lugo, Xesús Méndez, que por algo todos os que o coñecen chámano Suso de Navia.

Os bloqueiros eran, quizais, os minoritarios, porque tamén o PP fixo un bo despregue: o presidente provincial, Xosé Manuel Barreiro, e o secretario, Xosé Manuel Balseiro, e un par de deputados autonómicos, Xaime Castiñeira e Agustín Baamonde; dous dos poucos alcaldes que lle quedan pola zona, os de Baleira e Baralla, e o voceiro na Deputación, González Barcia (un neófito). Non faltaron moitos concelleiros do partido na zona.

Non se me cabreen os non citados: é imposible recordalos a todos!

E o mellor de todo é que andaban como por bandadas: uns por un lado e outros, por outro. Como na praza de Navia é imposible non cruzarse (moito me gusta ese espazo) porque é moi cativa, algunha vez fixérono, pero con moita deportividade e uns cantos sorrisos, como se ve nesta foto. Hai que pedir a denominación de orixe para a androlla, que une aos contrarios, ou declarala Festa de Interese Político Turístico.