Posts etiquetados ‘Núñez Feijoo’

O único repetido

Luns, 3 de Febreiro, 2014


Escribía este domingo no xornal sobre a primeira pedra da A-8 en territorio galego, que é o mesmo que dicir lugués. Este luns, a ministra Ana Pastor inaugura o único tramo que quedaba por poñer en servizo, xusto un mes antes de que se cumpran dez anos da colocación daquela primeira pedra. Tanto daquela como agora hai unhas eleccións próximas, aínda que neste 2014 aínda non estamos en campaña e naquel 2004 faltaban once días para que os españois foramos botar (e oito para que nos estremecéramos). Aquela fora unha campaña chea de inauguracións, na que José María Aznar pasou semanas inaugurando as obras en tramos mínimos de alta velocidade ferroviaria, esa que dende xullo está tan actualidade en Angrois.

Naquel marzo de 2004, os medios anunciabamos que a A-8 ía ser a segunda autovía por territorio lugués. Ao final, é a terceira, porque adiantouse a de Ferrol a Vilalba. Cando se inaugurou esta última, escribín un Septenario no que agora vexo que tamén esa autovía tivo moita historia.

Pero historia van ter as fotos: tanto a do 3 de marzo de 2004 como a do 3 de febreiro de 2014. Poderíase pensar que en dez anos cambian moitas cousas, e iso é certo en parte: segue gobernando o PP en España pero só hai unha autoridade que vai repetir nas dúas fotos. Daquela era un simple conselleiro de Política Territorial e hoxe é nada menos que un presidente da Xunta: Alberto Núñez Feijóo. Nalgúns casos si que parece que non pasa o tempo.

Mil

Luns, 2 de Decembro, 2013

Ando de celebración. O contador interno asegura que este é o artigo número mil deste blog (o número do ficheiro é maior, aclaro). Mil é un número deses redondos, que invitan a facer festa ou, algúns, mesmo unha rolda de prensa: tamén as fan polos vinte anos, polos dous, polos… 1000 era tamén o ano no que se ía acabar o mundo, ou iso pensaban na idade media… un milleiro de anos despois, actualizamos ese milenarismo co ‘efecto 2000′, porque semella que os humanos somos unha especie á que lle gusta sufrir…

Pero volvamos ao rego: mil artigos representan un montón de cambios, aínda que os gobernos case non cambiaron neste tempo: a Xunta era do PP en aquel maio de 2005 e o Concello de Lugo, tamén. O que cambiaron foron as caras: de Rodríguez Zapatero a Mariano Rajoy; de Manuel Fraga pasamos a Núñez Feijóo, a través de Pérez Touriño; de Francisco Cacharro, a Gómez Besteiro; de López Orozco a… López Orozco.

Nestes mil artigos, o mundo pasou de estar cheo de oportunidades a vivir na crise; pasou de internet e os blogs ás redes sociais e o ‘homo interruptus’ (grazas pola expresión, Torres e Reyes). Aínda que o meirande cambio é quizais a temática do blog. Daquela, isto era unha bitácora política; agora, menos: quizais porque a política que se fai agora é máis aburrida.

En fin: grazas a todos. Vémonos dentro doutros mil artigos.

Feijóo, vidente

Mércores, 23 de Setembro, 2009

Non, non pensen que o noso presidente da Xunta se volveu adiviño despois de leren este titular que, recoñezo, é enganoso.

Hai uns días, mirando o teletexto de TVE (por que o terán tamén na canle infantil e non na deportiva?), vin que anunciaban unha páxina dedicada á “videncia galega e xitana”. Sorprendido pola mestura, fun ata alí, ata a páxina 652. E, efectivamente, alí aparecía un anuncio dunha vidente “galega de nacemento” que se chama Octavia… Feijoo. Non sei se terá algo que ver co presidente, nin se se coñecen ou se ese é o seu nome real. Que sorprendente é o teletexto!

Ecos de Madrid

Martes, 21 de Xullo, 2009

Leo na prensa de Madrid que en certos círculos do PP empeza a ser un clamor a solicitude de que Mariano Rajoy destitúa a Luis Bárcenas, senador e tesoureiro do partido, imputado provisional polo caso Gürtel. Porén, a consigna oficial é o silencio cara fóra, agás Esperanza Aguirre, que sempre vai por libre con tal de torpedear ao presidente do PP. En Galicia, mesmo Núñez Feijóo tense saído pola tanxente cando lle preguntaron polo caso e os seus derivados (creo que a pregunta concreta ía sobre o seu homólogo valenciano) nunha rolda de prensa en Santiago.

Pregúntolle a Xosé Manuel Barreiro, mandamáis provincial do PP de Lugo, que é compañeiro de grupo de Bárcenas no Senado (no listado alfabético, curiosamente, van seguidos), e atense á consigna oficial: silencio. Segundo conta, o seu trato con el non ten pasado dalgún cortés saúdo, deses que das cando te cruzas cun coñecido nunha escaleira, por exemplo. Así que pregunto noutros ambientes do PP, de xeito off the record, e o certo é que tamén en Lugo están devecendo por que Rajoy se cargue a Bárcenas. Os populares dan un argumento de peso: o caso Gürtel e a inacción do PP nisto constitúen unha vía de escape para Zapatero e o seu Goberno, a quen os populares acusan de estar totalmente bloqueado. “Témolo acurralado, pero dámoslle unha vía para desviar a atención”, comenta un membro do PP. Pero Rajoy é moi seu, e os populares, os de Lugo e os de resto de España, teñen que seguir agardando acontecementos.

Teorías políticas

Mércores, 15 de Xullo, 2009

Hai políticos que fan, en certo xeito, teoría política, porque non todo consiste en simplemente xestionar e gobernar. Por exemplo, Zapatero fixo toda unha doutrina (por chamalo dalgún xeito) ao redor do talante, utilizado en oposición á acritude despótica de que facía gala Aznar nos seus últimos anos. En Galicia, Xosé Cuiña inventou a autoidentificación, que nin é nacionalismo, nin galleguismo, nin independentismo, nin autonomismo, pero que ten un pouco de todo. Creo que foi outro galego, Fraga, o que conseguiu que a Constitución falara de autonomías e non de nacionalidades, como querían os máis nacionalistas. E agora, sen cumprir os cen días de mandato, Núñez Feijóo saca da manga outra desas expresións que promete quedar para a posteridade: galeguismo cordial.

Ben está que os pais da patria teoricen. Así polo menos sabemos que utilizan a cabeza para algo más que para amolar ao contrario ou xestionar os cartos públicos.

“Dereita fría”

Sábado, 9 de Maio, 2009

Vexo, nunha entrevista das do domingo pasado, que Pachi Vázquez, o novo secretario xeral do PSdeG, di que Núñez Feijóo practica unha “dereita fría”. É unha definición que me gusta, o cal non quere dicir que a comparta plenamente. O certo é que, no tocante a Lugo, o presidente está a encher a Xunta de xente de forte perfil técnico. Un amigo xornalista comenta que é un xeito de que ninguén lle faga sombra; tamén é un xeito de demostrar, matizo eu, que este non é o PP de Fraga: non parece que estes conselleiros e altos cargos sexan moi dados ás festas e ás turnés inaugurais polas catro provincias. Ao final, sairemos perdendo os xornalistas… ou beneficiados: xa non teremos que pedir axuda a outras seccións para cubrir as visitas de cinco conselleiros no mesmo día e en idéntico tramo horario a Lugo.

“Imos ter que abrazarnos máis”

Xoves, 7 de Maio, 2009

Rueda e Barreiro, na toma de posesión de Raquel Arias (Foto: Pepe Álvez)

Xosé Manuel Barreiro estaba o outro día un pouco alporizado. Non, non era polo aparte con Alfonso Rueda que tivo o martes, na presentación de Raquel Arias como delegada provincial de Lugo, e que recolleu a sempre atenta cámara de Pepe Álvez. Anda mosca polos rumores que lle auguran malos momentos no congreso do PPdeG deste fin de semana tan político (tamén se celebra o do BNG). E el deféndese dicindo que o das cotas territoriais é un dos “males eternos” do partido, que el seguirá tendo o seu oco na formación e que Alberto Núñez Feijóo ten todo o dereito do mundo a conformar o seu equipo como lle pete ao novo presidente da Xunta e (seguramente) aclamado mandamáis reelixido do PPdeG. Ás veces, na conversa parecía como se se estivera curando en saúde.

-Avanzoulle algo Núñez Feijóo de cal vai ser o seu futuro no partido?

-Iso pregúntallo a Alberto.

-Pero Alberto non conta nada!

-Pois da miña boca non vai saír nada -di entre sorrisos.

“Imos ter que abrazarnos máis”, contan que se dixeron non hai moito os dous, o presidente galego e o provincial.

O certo é que nun dos relatorios do congreso, o referido á estrutura orgánica do partido, figuran cambios na elección do vicepresidente do PPdeG: pasaría a ser un cargo designado polo equipo directivo e non, como ata o de agora, proposto polos compromisarios. O domingo sairemos de dúbidas.

Lucía do Incio

Mércores, 29 de Abril, 2009

Lucía Pérez, nunha actuación en Lugo en novembro (Foto: Ana Lamas)Anda moi contento o alcalde do Incio, Ángel Camino Copa, pola elección dunha intérprete da súa vila, Lucía Pérez, para cantar o himno galego na toma de posesión de Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Camino está máis contento que se lle deran a el a Consellería de Sanidade (diana de moitos dos seus dardos nos últimos tempos). Disque o equipo do novo presidente soubo da existencia da rapaza por mediación do propio Camino, que lles regalou o último disco da cantante. O disco é case un dos agasallos oficiais do Concello: un bo xeito de promocionar a xente da terra.

Tamén a propia Lucía é da casa para os da Xunta, pois xa se sabe que saíu dun programa dun ente dependente da Administración autonómica, TVG. Por certo, supoño que nesta nova era popular O Gayoso seguirá co seu Luar, un programa polo que non pasan nin os anos nin os gobernos.

A toma de posesión seguina no coche, de viaxe, e case dou un bote cando oín á locutora da RAG dando paso ao Obradoiro, porque “imos falar con Alberto”. Tanta familiaridade xa co novo presidente? Pero non, foi unha falsa alarma: o tal Alberto non era Núñez Feijóo, senón un compañeiro da RAG.

Películas e PSOE

Luns, 27 de Abril, 2009

Cóntame un compañeiro que este domingo Xosé Manuel Barreiro falou de “películas” no xantar que o PP de Lugo organizou arredor do conselleiro leonés de Lugo. O compañeiro pregúntase se a expresión sairá do meu artigo do domingo, que termina dicindo que “algúns se están montando demasiadas películas”, unha expresión moi semellante, disque, á que usou Barreiro. Sei que conto co presidente do PP lugués entre os meus lectores dominicais, pero non lle preguntei por esta última. 

Barreiro ten agora posibilidade de devolver as acusacións, se quixera. Porque se Lugo non está moi ben representado na nova Xunta, segundo o PSOE, o certo é que tampouco está ben representado nos órganos de mando que xerou o congreso socialista desta fin de semana. Hai unha boa cota luguesa na Comisión Executiva, pero non así na permanente, que vén ser algo así como o gabinete de crise, o núcleo duro do partido, os que toman as decisións, en definitiva. Dos seus dez membros, só un é de Lugo: Ricardo Varela. E, tendo en conta que pertence á etapa que se vén de pechar, non sei canto poder terá a partir de agora. Un día destes teño que empezar a mirar como vai o proceso de creación de executivas provinciais no PSdeG.

(Volvendo ao meu último Septenario, este domingo sufrín a falta de aclimatación á nova Xunta: a Juárez quiteille o acento e a Hernández, o de Medio Ambiente, convertino en Fernández. Por sorte, esas cousas se poden corrixir na versión de internet). É o sarabullo habitual dos primeiros días. De aí pasaremos dentro duns anos á fase oposta: non saben que raro se nos facía no verán do 2005 non escribir automaticamente “o presidente da Xunta, Manuel Fraga…”

Galego de Lugo

Luns, 13 de Abril, 2009

Hai varias quinielas a respecto de Núñez Feijóo: a dos conselleiros (serán Raquel Arias e Darío Villanueva os lugueses que formarán parte do goberno, como din os últimos rumores?), a do organigrama (onde irá Vivenda? Xustiza terá consellería propia?) e a do segundo nivel: directores e secretarios xerais. Tendo en conta a que se montou durante a campaña polo decreto do galego, unha das máis significativas vai a ser a área de Política Lingüística, que as malas linguas din que volve á Consellería de Educación, despois de estar adscrita á Presidencia da Xunta durante o bipartito.

É curioso comprobar que os dous últimos ocupantes deste departamento nos gobernos de Manuel Fraga eran de Lugo: Manuel Regueiro e, finalmente, Xesús Pablo González Moreiras. É dicir: dous homes procedentes da provincia na que, segundo tódalas estatísticas, máis se fala galego. Se Feijóo mantén a procedencia luguesa, algún igual se racha as vestiduras (este comentario tamén vale para Ourense).