Posts etiquetados ‘Wikipedia’

Fiabilidade?

Mércores, 1 de Xullo, 2015

CANDO ESTUDABA, o temario acababa anos antes. A historia da literatura española, polo menos na miña época, remataba nos anos 50, e a historia do país a secas, no 77 ou no 81. É o vello problema dos historiadores: que hai que ter unha certa perspectiva ou distancia para ver mellor as cousas. Pero agora, coa Wikipedia, iso ten arranxo e estamos no caso contrario: é imposible estar ao día ao cento por cento. Cinco minutos despois de que morra alguén, o dato xa está rexistrado, e pasada media hora dun acontecemento, alguén xa abriu unha entrada neste templo do enciclopedismo colaborativo. En Estados Unidos hai gabinetes que cobran por ‘actualizar’ as biografías wikipédicas dos famosos. O que pasa é que ultimamente tropezo cada día con máis artigos que se perden en auténticas chorradas: a anécdota supera ao relevante, no que quizais é un sinal destes tempos nos que se vive en tuits. Hai artigos que conteñen grandes debates sobre unha parte tanxencial do tema, esquecendo outras igual de importantes. E co tempo, este premio Princesa de Asturias de Cooperación converteuse en dogma de fe. Hai días, alguén dubidou da noticia da morte dun famoso que publicamos na web. O argumento era que non estaba recollido na Wikipedia. Cando viu que os demais medios, mesmo os de máis lonxe, ían publicando a nova, sinalou: “Non sei que pensar”. Claro, afundiríaselle a imaxe dun referente.

Wiki

Martes, 18 de Xaneiro, 2011

TEÑO un xemelgo en Xapón e outro en Perú. E creo que ningún o sabe. Os tres compartimos nick na Wikipedia, un na versión en inglés, outro na española e un terceiro, eu, na galega. Así que os meus descoñecidos tocaios vanme obrigar a cambiar de nome: o que eu elixín era demasiado evidente e, ademais, o galego dá máis xogo en cuestión de nicks, alcumes e pseudónimos. Estes días, os wikipedas estivemos de aniversario: dez anos cumpriu o sábado esta enciclopedia comunitaria, ideal para os que, coma min, sabemos (ou cremos saber) algo de todo, que, como diría Mafalda, non é o mesmo que saber todo de algo. Ti creas os artigos con todo o cariño, coidando as fontes e os links, e despois van medrando sós, modificados polas achegas do resto da sociedade… ou sexa, como se fosen os fillos que non teño. Como eles, teño algún que me preocupa máis que os outros, porque o pobre non dá medrado. E, como eles, vounos corrixindo para facelos mellores. Descoñezo se lles gustará o meu cambio de nome, que ten unha razón de ser expansionista, porque quero participar noutras Wikipedias sen ter que cambiar de nick (e, polo tanto, contrasinal). Quero vixiar, entre outras cousas, as versións noutras linguas dos temas dos que escribo. E tamén quero corrixir cafradas como esa de que traballo para o grupo Prisa (!!). Si: como pasa cos fillos, non queres que digan animaladas deles.