Posts etiquetados ‘Castro de Rei’

Ese país ¿imperfecto?

Martes, 13 de Novembro, 2012

PUXEN a tele pensando en ver só un chisquiño da noite electoral, pero ao final pasou o que me pasa sempre nesas ocasións: acabeime quedando ata que as cadeas americanas, primeiro, e o propio Obama, despois, confirmaron a reelección do presidente de Estados Unidos. Para non perderme, armeime cun mapa (despois de ver tanta serie de televisión, un sabe o nome dos estados, pero non a súa situación) publicado na prensa eses días, no que aparecía a posible distribución de votos. E foi sorprendente ver como os prognósticos das enquisas previas se ían cumprindo un por un: Indiana, para os republicanos; o veciño Illinois, para os demócratas. E fascinante era tamén descubrir que os resultados que ían saíndo non eran tal cousa, senón simples e atinadísimas proxeccións, feitas polas cadeas de televisión. Ás 5.21 da madrugada (hora española), cando se anunciou que Ohio era para os demócratas e, polo tanto, o presidente conseguía catro anos máis, o Estado que estaba máis preto de rematar o escrutinio era Delaware, cun 98 por cento do reconto. Practicamente acababan de pechar os colexios da costa Oeste e xa a nación enteira sabía quen gañara. E sorprendente é igualmente comprobar que eses números que saían (250-203 ás 5.10) eran representantes no denominado ‘colexio electoral’ que elixe ao presidente. E mentres vía todo iso, pensaba eu se sería posible facer isto en España. Hai quen di que o sistema electoral americano non é perfecto: coidarán que o é a nosa querida Lei D’Hondt. Pero pensei en concreto catro cousas que nunca veriamos en España: primeira, fallarían as enquisas; segunda, ningún candidato se atrevería a anunciar a súa vitoria cunha foto tan fermosa e íntima como a que tuiteou Obama; terceira, se neste país tan dado ao cambio de opinións existise algo como o colexio electoral estadounidense, habería que ver cantas veces se incumpriría o mandato legal (todos os votos do Estado son para o gañador), e cuarta, nunca seremos quen de facer o que eles fan: converter unhas eleccións nacionais nun espectáculo de interese mundial.

Maledicencia e difamación

Domingo, 1 de Novembro, 2009

Tiña pensado escribir este domingo sobre corrupción, pero á vista de que xa o fixeron cinco ou seis compañeiros, decidín centrarme no outro tema da semana, o cisma do PP de Chantada. Tiña pensado facer unha reflexión sobre o mal que lle sentan á democracia estas corruptelas, a mala imaxe que queda nos cidadáns de a pé, a necesidade dunha rexeneración moral e o perigo de que, diante do cansazo cuns políticos deshonestos (este é un evidente caso de cómo se toma a parte polo todo), os votantes, e máis nesta situación de recesión económica, opten por aventuras populistas ou demagóxicas, como as de Hitler, Mussolini ou, salvando as distancias, Berlusconi.

Outra parte dese artigo que non escribín iría dedicada a cuestións de imaxe: o que pensa a xente. Ti prendes a un político e xa é culpable, aínda que despois, no xuízo, non aparezan probas e o tipo saia absolto. Se consegue a absolución, a masa (aquí xa non se pode falar de cidadanía, senón de masa amorfa) dirá: “Iso é que non lle atoparon nada, pero seguro que algo hai”. A masa non ten probas, pero acusa igual. A masa, por exemplo, usa os medios dixitais para, escudándose no falso anonimato, lanzarse á difamación, a acusar sen probas, tirando a pedra e agochando a man.

Viuse estes días nas noticias que Elprogreso/Galiciaé recolleron sobre o caso de Castro de Rei. Foi entrar a policía no concello e empezar a chover acusacións nas webs: que miren en Abadín, en Alfoz, en Antas, en Baleira, en Baralla… dicían. Si: dou a lista dos concellos de Lugo por orde alfabética porque non se librou nin un. Se os denunciantes teñen probas do que din, por que non van ao xulgado con elas? Se non as teñen, por que difaman deste xeito? (Repetirei que en internet, e menos diante dun xuíz, non existe o anonimato absoluto aínda que asines Anónimo?) No fondo, tiña razón Salvador de Madariaga (ou era Sánchez de Albornoz?) cando dicía que só hai algo que lles guste máis aos españois que facer e desfacer constitucións: facer guerras civís. O guerracivilismo, a maledicencia, o falar mal dos demais, a envexa e, en suma, o querer mal ao outro é algo que nos define.

Tamén nos define a hipocrisía. O chorreo de difamacións nas noticias do caso Castro de Rei foi tal que ás veces non dimos feito e algún comentario cafre quedou visible máis tempo do recomendable. Algúns sácanche despois o seu dereito á liberdade de opinión, esquecéndose do dereito dos demais a preservar a súa propia imaxe. Logo preguntabas pola IP de quen mandaba eses comentarios cafres e descubrías que a IP era dalgún organismo público. É dicir, algúns usan ordenadores pagados por todos para queixarse de que outros fan un mal uso dos fondos públicos. Incrible.