Wiki
TEÑO un xemelgo en Xapón e outro en Perú. E creo que ningún o sabe. Os tres compartimos nick na Wikipedia, un na versión en inglés, outro na española e un terceiro, eu, na galega. Así que os meus descoñecidos tocaios vanme obrigar a cambiar de nome: o que eu elixín era demasiado evidente e, ademais, o galego dá máis xogo en cuestión de nicks, alcumes e pseudónimos. Estes días, os wikipedas estivemos de aniversario: dez anos cumpriu o sábado esta enciclopedia comunitaria, ideal para os que, coma min, sabemos (ou cremos saber) algo de todo, que, como diría Mafalda, non é o mesmo que saber todo de algo. Ti creas os artigos con todo o cariño, coidando as fontes e os links, e despois van medrando sós, modificados polas achegas do resto da sociedade… ou sexa, como se fosen os fillos que non teño. Como eles, teño algún que me preocupa máis que os outros, porque o pobre non dá medrado. E, como eles, vounos corrixindo para facelos mellores. Descoñezo se lles gustará o meu cambio de nome, que ten unha razón de ser expansionista, porque quero participar noutras Wikipedias sen ter que cambiar de nick (e, polo tanto, contrasinal). Quero vixiar, entre outras cousas, as versións noutras linguas dos temas dos que escribo. E tamén quero corrixir cafradas como esa de que traballo para o grupo Prisa (!!). Si: como pasa cos fillos, non queres que digan animaladas deles.
Tags: De re varia, Wikipedia