Inquietante tendencia
Luns, 2 de Agosto, 2010Enlazando co post anterior, teño que recordar que a loita política ten os seus perigos. Entre os argumentos que a dereita (a política e a sociolóxica) está a usar para botar abaixo a Rodríguez Zapatero está a, alegan, inutilidade do Ministerio de Igualdad. Ás veces non queda claro se o que amola é que exista esta carteira ou a mocidade da súa titular, o cal me recorda aquilo que dicía un novísimo Adolfo Suárez sobre as queixas de Manuel Fraga cando o Rei preferiu ao político de Cebreros: “Debe de pensar que a política é cuestión de idade e que se chega por oposición”.
Hai unhas semanas, unha columnista dun xornal madrileño comentaba o inquietante crecemento das actitudes anti-femininas. Eu pensei que esaxeraba, ata que me decatei de que na web de El Progreso iso tamén se está notando, e aquí xa non só hai protestas contra o ministerio, que as hai, senón que xa se incorre no machismo máis descarado e na falta de respecto (habitual por outra parte). Así se entende non só a devandita belixerancia na enquisa sobre o cartel da perruquería, senón comentarios como o dun usuario que escribiu que se os nenos comían máis graxas nos colexios era culpa de que as nais de agora nin cociñan nin saben. Por aquelas datas chegou outro comentario, procedente dun berrallón habitual, no que se preguntaba, facéndose o gracioso, se Penélope Cruz lle regalara un pixama a Javier Bardem para que este puidera “estrear algo” na noite de vodas.
Por suposto, os dous comentarios borráronse cando foron localizados, non só por machistas, senón tamén pola tremenda falta de respecto cara os demais que, como todo o machismo, conteñen.