12. Os últimos prognósticos
Martes, 24 de Febreiro, 2009DESTA parece que hai unanimidade en tódalas enquisas: o PP remonta e, segundo algunha das últimas sondaxes, está preto de recuperar a maioría absoluta en Galicia que perdeu hai 44 meses. No fondo, todas arroxan resultados moi parecidos aos que había no comezo da campaña; a principal diferenza é que daquela os populares caían e agora van cara arriba. É interesante ler os prognósticos vendo onde está a sede do medio informativo que os publica. Os de Galicia reflectimos unha situación de incerteza; os de Madrid, depende da súa orientación: os conservadores son os que sitúan a Núñez Feijoo a un paso da maioría absoluta. O sorprendente é que ese é tamén o prognóstico dun periódico tan supostamente prosocialista como Público. Supoño que algún do bipartito debeu de tremer con esa enquisa: “Moi mal debe de ir a cousa cando ata os que me son proclives anuncian a miña derrota”, poderían pensar Touriño ou Quintana. Ou quizais sexa un aviso, porque sondaxes coma esa poden ter o efecto mobilizador que ata o de agora non tivo a campaña: haberá que votar co nariz tapado e mirando cara outro lado, escribía alguén pro-bipartito hai uns días na web de El Progreso. Aínda que o que máis me sorprende é que este luns unha empresa chamou á casa para facerme unha enquisa electoral; pero non están prohibidas dende onte?
Dimisións
Non parece que a caída de Carrera Pásaro horas antes de comezar a campaña lle pasara moita factura ao PP. Queda por ver como lle afectará ao PSOE a de Fernández Bermejo poucos días antes de rematar. Os cidadáns poderán pensar que aínda queda certa ética na nosa clase política, aínda que hai diferenzas entre os dous casos: o do candidato de Ourense foi unha destitución fulminante, a lo Obama din no teletexto de TVE; o do ministro de Xustiza foi unha dimisión reticente e remolona.
Vascos
O ruído (e o bruído) da campaña galega fainos esquecer que o domingo tamén se celebran eleccións autonómicas no País Vasco, onde a cousa parece que está máis emocionante, aínda que os candidatos, ao contrario que aquí, andan a quitarlle tensión. Claro que, para escaseza de tensión, as europeas que nos tocan en xuño, que, como se agrave A Crise, non van ir votar nin as parellas dos candidatos. Ao final, as eleccións que máis nos interesan son as dos Oscar e as das raíñas do Entroido de Las Palmas e Tenerife.