Posts etiquetados ‘paridade’

As propostas do PSOE

Sábado, 24 de Xaneiro, 2009

Volvendo ao da confección das listas, resultaron moi curiosas algunhas das propostas saídas das asembleas locais do PSOE. Cada quen tirou para a casa, fora esta a mesma localidade ou a mesma comarca. É o caso de Friol, onde sitúan ao seu voceiro local, Pedro Martín Minguela, xusto despois das catro “primeiras espadas” do partido na provincia (ou sexa, Ricardo Varela, Ismael Rego, Xosé Tomé e Miguel Anxo Fernández). E en Vilalba semellou rexurdir o conflito habido coa vitoria de Eduardo Vidal Baamonde no congreso local, pois o sector crítico rexeita que se inclúa a Sonia Verdes, unha muller que ten moito predicamento nas cúpulas provincial e rexional do partido.

Pero o máis curioso de todo isto é o escaso respecto pola paridade electoral que se detecta nalgunhas propostas locais. Non me estraña que tiveran problemas en Lugo para meter mulleres nas candidaturas.  Aínda que xa se sabe, unha cousa é a paridade nas listas; outra, o resultado e unha terceira, como queda finalmente o Parlamento despois de relevos, cesamentos e outras variacións.

Unha cabeza de lista

Xoves, 22 de Xaneiro, 2009

Tanto falar de igualdade e ningún dos tres partidos grandes leva en Lugo unha muller como número un… Hai que irse ata o cuarto para atopar unha cabeza de lista. Si, Terra Galega de Lugo vai abrir a candidatura (que estaban a perfilar este mércores) cunha muller. 

É coñecida e o domingo saberemos o seu nome… e ata aí podo ler.