Posts etiquetados ‘enquisas’

12. Os últimos prognósticos

Martes, 24 de Febreiro, 2009

DESTA parece que hai unanimidade en tódalas enquisas: o PP remonta e, segundo algunha das últimas sondaxes, está preto de recuperar a maioría absoluta en Galicia que perdeu hai 44 meses. No fondo, todas arroxan resultados moi parecidos aos que había no comezo da campaña; a principal diferenza é que daquela os populares caían e agora van cara arriba. É interesante ler os prognósticos vendo onde está a sede do medio informativo que os publica. Os de Galicia reflectimos unha situación de incerteza; os de Madrid, depende da súa orientación: os conservadores son os que sitúan a Núñez Feijoo a un paso da maioría absoluta. O sorprendente é que ese é tamén o prognóstico dun periódico tan supostamente prosocialista como Público. Supoño que algún do bipartito debeu de tremer con esa enquisa: “Moi mal debe de ir a cousa cando ata os que me son proclives anuncian a miña derrota”, poderían pensar Touriño ou Quintana. Ou quizais sexa un aviso, porque sondaxes coma esa poden ter o efecto mobilizador que ata o de agora non tivo a campaña: haberá que votar co nariz tapado e mirando cara outro lado, escribía alguén pro-bipartito hai uns días na web de El Progreso. Aínda que o que máis me sorprende é que este luns unha empresa chamou á casa para facerme unha enquisa electoral; pero non están prohibidas dende onte?

Dimisións

Non parece que a caída de Carrera Pásaro horas antes de comezar a campaña lle pasara moita factura ao PP. Queda por ver como lle afectará ao PSOE a de Fernández Bermejo poucos días antes de rematar. Os cidadáns poderán pensar que aínda queda certa ética na nosa clase política, aínda que hai diferenzas entre os dous casos: o do candidato de Ourense foi unha destitución fulminante, a lo Obama din no teletexto de TVE; o do ministro de Xustiza foi unha dimisión reticente e remolona.

Vascos

O ruído (e o bruído) da campaña galega fainos esquecer que o domingo tamén se celebran eleccións autonómicas no País Vasco, onde a cousa parece que está máis emocionante, aínda que os candidatos, ao contrario que aquí, andan a quitarlle tensión. Claro que, para escaseza de tensión, as europeas que nos tocan en xuño, que, como se agrave A Crise, non van ir votar nin as parellas dos candidatos. Ao final, as eleccións que máis nos interesan son as dos Oscar e as das raíñas do Entroido de Las Palmas e Tenerife.

3. As enquisas e os erros

Domingo, 15 de Febreiro, 2009

TER TELÉFONO fixo ten as súas vantaxes e o inconveniente de ter que aguantar ofertas (preferentemente relativas a internet) na hora da sesta ou de Cifras e letras. A principal vantaxe é que xa levo participado en dúas ou tres enquisas electorais. Este sábado chamáronme para que me definira de cara ás vindeiras eleccións, aínda que tamén houbo outras preguntas de carácter político.

Adiántolles que a nota máis alta que din foi un seis. Recoñezo que, por exemplo, non fun quen de dicir por quen votaría se as eleccións municipais foran hoxe mesmo. Gustoume a escala que utilizaron para medir as ideoloxías: no 0, a extrema esquerda; no 10, a extrema dereita; lóxico: nunha ringleira de números, o cero sempre está á esquerda, non? E chamoume a atención a selección de líderes galegos dos que me pediron valoración e grao de coñecemento: Pérez Touriño, Quintana, Núñez Feijoo (por esa orde, creo recordar), Yolanda Díaz e José Anido. Do último confesei que non sabía quen era. “O candidato do Partido Galeguista”, respondeu a telefonista. Ah. Non sei que é máis abraiante: que un xornalista coma min non soubera quen é ese político coruñés ou que o elixan con menoscabo doutras forzas.

Erros

Recoñezo que, nada máis colgar, pregunteime por que o xornal que encargou a enquisa (“iso é secreto, non lle podo dicir o nome”) preferira a un home do Partido Galeguista, formación que non se presenta de xeito independente, diante doutras como Terra Galega ou a UPyD, que aspiran a moito. A cousa quedou aclarada cando pola tarde descubrín que Anido é o candidato a presidir a Xunta pola UPyD e non polas históricas siglas galeguistas. Somos humanos e dos erros non se libra ninguén. O venres houbo outro exemplo no mitin da ministra Espinosa en Becerreá. Quen abriu o acto foi o alcalde, un enfervorizado Manuel Martínez. Na derradeira parte do seu discurso comezou a falar da candidata número oito do PSOE, «que vai ser a voz da Montaña no Parlamento», unha aposta un pouco complicada por certo (antóllase complicado que o PSOE gañe tres deputados en Lugo). E rematou: “Déixovos con… Pilar!” E cando a devandita accedeu ao micrófono, o primeiro que dixo foi: “Bueno, chámome Belén” (Fernández Fernández).

Friaxe

Por certo, moita friaxe hai nalgúns destes primeiros actos electorais. É a desvantaxe de facer unhas galegas por primeira vez en inverno.

O cuestionario

Mércores, 22 de Outubro, 2008

Lin por aí que o PP galego está a preparar un cuestionario para enviar as seus alcaldes sobre a xestión do partido en Galicia. Non sei se tal enquisa chegou aos militantes, pero a que si está a chegar é a que enviou a Deputación de Lugo aos concellos. Unha das preguntas refírese a que diferenzas ven os alcaldes entre a etapa do cacharrismo e a do bipartito. Sei dalgún rexedor que se quedou con ganas de deixar en branco a resposta. E non é do PP.