Archivo de ‘BRUÍDO DE CAMPAÑA’ Category

8. U-la man esquerda do Quin?

Venres, 20 de Febreiro, 2009

ANDO PREOCUPADO pola man esquerda de Anxo Quintana, o candidato do BNG a presidir a Xunta. Literalmente. Xa escribín aquí que o líder nacionalista optou nesta campaña non só por situarse no medio nos mitins, senón por falar cun micrófono inarámico. Ten a súa cousa positiva, porque iso de situar a un candidato de costas a un grupo de xente (estilo PP hai catro anos e PSOE agora) paréceme mesmo pouco educado: que graza ten pasar un mitin véndolle o cu a un candidato?

Preocúpame a man esquerda de Quintana porque con iso do inarámico, non a usa. Ves ao vicepresidente da Xunta acenando coa dereita, mentres o seu brazo esquerdo queda pegado ao corpo. De cando en vez, moi de cando en vez, móveo para remarcar algunha frase, pero o resto do tempo, ese brazo está aí, inerte. Os seus rivais téñeno máis doado: apóianse no atril. Núñez Feijoo mesmo recóstase nel (non te deites na mesa!, gritábanme de pequeno). A idea de converter os mitins en charlas informais está moi ben, pero trae problemas como este. Éche un asunto menor, pero ten o seu aquel, porque as enquisas prognostican que o Quin vai ter que negociar despois das eleccións, e aí si que lle vai facer falta o brazo do reloxo (supoño que o levará aí, que non me imaxino ao líder do BNG levándoo no mesmo pulso que a familia real). Quizais os técnicos do BNG deberan darlle un curso intensivo ao Quin sobre que facer coas mans: poderían poñerlle unha sesión intensiva de monólogos de Buenafuente, aínda que quitando as mans dos petos, iso si.

Frutos

Esta semana estivo por Lugo Francisco de Frutos, secretario xeral do PCE. Participou no mitin central de EU, no que tamén estiveron o candidato por Lugo, Carlos Portomeñe (mecachis: púxeno mal na edición impresa), e a candidata a presidir a Xunta, Yolanda Díaz. Como gran parte da esquerda sociolóxica, Frutos expresou o seu descontento co actual bipartito: dedicáronse a desfacer o fraguismo pero non a construír un proxecto de seu, viu dicir. E gustoume moito unha frase súa: “En Galicia hai dous partidos e medio”. Cal será ese que non chega ao cen por cen?

Castroverde

É interesante ver o peso que teñen algúns concellos pequenos na estrutura dos partidos. Ocorre con Castroverde no PSOE. Estes días, o concello está invadido de carteis nos que o alcalde anuncia (para esta fin de semana?) unha cea á que asistirá José Blanco. E non é a primeira vez.

7. Os verdes e bondadosos

Venres, 20 de Febreiro, 2009

UN REPASA as candidaturas [de Lugo] e bota en falta un clásico: os partidos verdes. Nestas eleccións, só se presentan na Coruña e Pontevedra; tamén en iso, polo visto, hai dúas Galicias: a desenvolvida e a atrasada, a verde que non ten Verdes e a menos verde que si ten Verdes. Con todo, o pasado venres varios grupos ecoloxistas galegos fixeron público un programa de goberno verde, que enviaron a todos os partidos. Non hai moitas eleccións, Os Verdes estiveran de actualidade en Galicia porque subscribiran un pacto co PSOE e con Esquerda de Galicia (chamábase así?), coa idea de plantarlle cara a Fraga. Foi todo un fracaso: o BNG adiantou ao PSOE (1997).

O que pasa é que non sempre un movemento social ben aceptado ten éxito cando se transplanta ña política. Penso, por exemplo, en Nunca Máis ou en Izquierda Unida. Esta naceu da afortunada mobilización contra a entrada na OTAN (perderon por un chisquiño), pero nin de lonxe conseguiu achegarse aos resultados daquel referendo (22 anos cumprirá o vindeiro día 12). Cos verdes pasa outro tanto: todo o mundo é máis ou menos ecoloxista, secunda docilmente as chamadas a reciclar e está cada día máis concienciado de que hai que conservar o medio, pero á hora de votar non ten en conta tal cousa. É como se dixéramos: iso está moi ben para a vida diaria, pero para a política, non. 

Evolución

Haille que recoñecer aos movementos ecoloxistas as súas achegas á política. Conseguiron que agora sexa obrigatorio falar do medio ambiente nos programas electorais. E mesmo temos unha ministra e un conselleiro de Medio Ambiente, de Ourense ámbolos dous. E da solta de panfletos polas rúas nas primeiras eleccións pasamos exclusivamente aos coches con megafonía. Os partidos pasaron, polo tanto, de contaminar o chan a contaminar acusticamente o aire. Aí si que hai evolución. 

Pequenos

Os movementos verdes guíanse, grosso modo, pola bondade cara o que nos rodea. Nas candidaturas de Lugo non figuran desta vez estas forzas verdes, pero si o Partido por un Mundo máis Xusto, que tamén se guía pola bondade, neste caso cos nosos semellantes máis desfavorecidos. Teño a sospeita de que lles vai pasar o mesmo que aos verdes: que todos somos moi solidarios, ábrensenos as carnes cando vemos as desigualdades (no Nadal, máis), pero non votamos nese sentido. Dende logo, as urnas electorais acaban cheas de traizóns.

6. O idioma destes días

Mércores, 18 de Febreiro, 2009

DE PRIMEIRAS, chocoume ver unha pancarta de Núñez Feijoo en castelán: é pouco habitual que os partidos galegos empreguen o idioma de Cervantes na cartelería dos comicios autonómicos. Despois, funme acostumando e agora xa non sei que dicir. En principio, está ben: é un xeito de demostrar que somos unha comunidade bilingüe, na que a xente emprega os dous idiomas cando e como quere: cos funcionarios, en castelán; cos veciños, en galego. Polo menos iso ocorre en boa parte das aldeas. O que pasa é que detrás desa aposta polo castelán e o galego está, seguramente, o temor a que o suposto conflito lingüístico que vivimos en Galicia lle reste votos conservadores ao PP e os leve a outros ámbitos, nomeadamente UPyD. Non está moi claro por quen vota Galicia Bilingüe, aínda que as malas linguas e internet téñeno ben claro, e a presenza do número dous de Núñez Feijoo na manifestación de Santiago contribúe a ratificar esa impresión.

Tampouco teño claro que é o que propoñen os principais partidos respecto do idioma. Feijoo sitúa a lingua no final do seu contrato con Galicia, mentres que UPyD pona xa no primeiro do seu decálogo. Iso de sintetizar as ideas, ben sexa nunha táboa de dez puntos ou nun contrato de catorce, está moi ben pensado para os que non temos gañas de perder o tempo lendo polo miúdo os programas electorais.

Trilingües

O que si defenden varios candidatos é que os nosos nenos cheguen a falar tres idiomas: castelán, galego e inglés, por exemplo. O que pasa é que teño o vago recordo de que esa promesa xa estaba noutros programas electorais. Haberá xeito de cumprila algunha vez? Seguro que internet fai máis por iso que o sistema educativo, e non estaría mal que os nosos políticos dean exemplo: dá un pouco de vergoña allea ver aos últimos presidentes do Goberno español acompañados dun tradutor nas grandes cumes internacionais. Dos galegos non podemos falar, porque non os chaman a elas, claro.

Prestige

Vai Zapatero na Coruña e resucita o fantasma do Prestige, ese nome que tantos pesadelos aínda nos dá. O mitin coruñés foi ao final dunha semana na que vimos paseándose pola Costa da Morte ao home que creou a expresión fiíños de plastilina, Mariano Rajoy. Con el ía outro dos implicados naquela catástrofe, Arsenio Fernández de Mesa, daquela delegado do Goberno. Foi como volver ao pasado.

5. O candidato do medio

Martes, 17 de Febreiro, 2009

ESTE LUNS, os xornalistas de Lugo acudiron a unha cousa que non tiña precedentes: unha rolda de prensa sen mesa e cos dous protagonistas metidos no medio dun grupo de xente. Foi na Deputación e falaban o seu titular e o conselleiro de Traballo, socialistas ámbolos dous e cabeza de lista nestas eleccións este último. Esta presentación informal ten precedentes electorais e non moi lonxanos: creo que foi nalgunha das últimas eleccións xerais cando comezamos a ver actos nos que o candidato aparece no medio do público, sentado á mesma altura. É como se fora unha cousa de andar por casa, como para remarcar a proximidade do candidato. Por suposto, esta é unha moda que vén de fóra, non sei se dos comicios franceses que gañou Sarkozy. Os nosos veciños galos son uns mestres nisto do marketing electoral e os españois, uns imitadores avantaxados.

Pero o último vino estes días, cando descubrín a Anxo Quintana cun deses micrófonos inarámicos que usan tanto nas teles. Por suposto, o cabeza de lista do BNG non parou de moverse no curso do mitin. Debe de ser un pouco incómodo non ter un atril no que apoiarse ou no que poñer uns papeis cunhas pequenas notas para confeccionar o discurso. É curioso que os mesmos que nos mitins non usan papel e parece que falan improvisando (ou de memoria?) despois, cando chegan ao Parlamento, limítanse a ler densos textos precociñados. Vai ser certo iso de que en campaña pódese dicir calquera cousa; no Parlamento, non, que logo ten consecuencias.

Propaganda

En cuestión de material publicitario, os partidos en campaña son insuperables (agás polas casas farmacéuticas, claro) e moi creativos. Nas municipais do 2007, López Orozco repartiu acendedores con lanterna; nestas, o BNG distribúe bolsas dunha cor azul que en tempos estivo asociada ao PP. Aínda que o máis visible este ano son os autobuses: debe de ser barata a publicidade rodante; ademais, ten a vantaxe de que chega a moitos sitios.

Ruído

Na traseira dos autobuses tamén anda a publicidade de Núñez Feijoo. Algún compañeiro bromea con que parece a dos buses ateos: “probablemente, Deus non existe”, onde habería que cambiar o nome do Creador polo do líder do PP: Por que o di? Porque, rodeado de bandeiras, é difícil distinguirlle a cara ao candidato. É unha imaxe que ten moito do que os publicistas chaman ruído, porque ten demasiados elementos.

4. As feiras dos políticos

Luns, 16 de Febreiro, 2009

AS FEIRAS son quizais unha das expresións máis antigas do comercio; non hai quen poida con elas. E a súa importancia no tecido económico galego está sobradamente acreditada. Por iso, é habitual que tamén se constitúan en escaparate de políticos, ben sexa por facer méritos diante do seu xefe inmediato, ben sexa por participar de balde no habitual xantar de autoridades ou ben sexa, como é o caso, porque hai unhas eleccións en portas.

Este fin de semana, A Fonsagrada dedicáballe unha feira a un dos produtos máis típicos da Montaña luguesa, o butelo, e alí se foron todos. Os candidatos do PSOE, Ricardo Varela, e do BNG, Fernando Blanco, adiantáronse o sábado; onte foron os demais, agás Raquel Arias, que celebra o seu mitin o vindeiro fin de semana. No seu lugar estaban, entre outros, Balseiro e o presidente provincial, Xosé Manuel Barreiro, ademais dos alcaldes de Baralla e Baleira. Gañaban os socialistas, non só porque o PSOE teña maioría na Fonsagrada, senón porque alí tamén se pasaron uns cantos delegados provinciais e os rexedores de Negueira de Muñiz, Becerreá e Navia de Suarna. Polo medio pululaban os candidatos de Tega e UPyD, repartindo propaganda, e mesmo había carteis da FPG, un deles nun dos expositores da feira. Todo iso discorría baixo a atenta mirada de Quintana dende os farois, que nesta zona nos mira dende unhas bandeirolas que son menos fráxiles que as que se ven en Lugo cidade.

Cacharro

Pero o mellor ocorreu cando saíamos da Fonsagrada, unha vez que nos decatamos de que era imposible atopar sitio para xantar. Si: aquel que estaba a repartir pola vila o folleto da UPyD, ese no que Rosa Díez escribe unha Carta a los ciudadanos DEL Galicia (será porque lles parece un barco que se afunde?), era nada menos que Francisco Cacharro Gosende. Non se significou na campaña, nin vai nas listas, pero xa se ve que arrima o ombro como o que máis.

Ausencias

Claro que ás veces hai outros deberes superiores, que hai que priorizar diante dunha feira. É o caso do alcalde de Lugo, que non aproveitou a Feira do Entroido de Nadela porque tiña que estar na Coruña, a carón de Touriño e Zapatero. Tamén nos faltou, neste caso na Fonsagrada, o anterior alcalde, Ricardo Parada… E a semana que vén, Festa da Androlla en Navia e domingo de Entroido: daquela si que vai haber políticos!

3. As enquisas e os erros

Domingo, 15 de Febreiro, 2009

TER TELÉFONO fixo ten as súas vantaxes e o inconveniente de ter que aguantar ofertas (preferentemente relativas a internet) na hora da sesta ou de Cifras e letras. A principal vantaxe é que xa levo participado en dúas ou tres enquisas electorais. Este sábado chamáronme para que me definira de cara ás vindeiras eleccións, aínda que tamén houbo outras preguntas de carácter político.

Adiántolles que a nota máis alta que din foi un seis. Recoñezo que, por exemplo, non fun quen de dicir por quen votaría se as eleccións municipais foran hoxe mesmo. Gustoume a escala que utilizaron para medir as ideoloxías: no 0, a extrema esquerda; no 10, a extrema dereita; lóxico: nunha ringleira de números, o cero sempre está á esquerda, non? E chamoume a atención a selección de líderes galegos dos que me pediron valoración e grao de coñecemento: Pérez Touriño, Quintana, Núñez Feijoo (por esa orde, creo recordar), Yolanda Díaz e José Anido. Do último confesei que non sabía quen era. “O candidato do Partido Galeguista”, respondeu a telefonista. Ah. Non sei que é máis abraiante: que un xornalista coma min non soubera quen é ese político coruñés ou que o elixan con menoscabo doutras forzas.

Erros

Recoñezo que, nada máis colgar, pregunteime por que o xornal que encargou a enquisa (“iso é secreto, non lle podo dicir o nome”) preferira a un home do Partido Galeguista, formación que non se presenta de xeito independente, diante doutras como Terra Galega ou a UPyD, que aspiran a moito. A cousa quedou aclarada cando pola tarde descubrín que Anido é o candidato a presidir a Xunta pola UPyD e non polas históricas siglas galeguistas. Somos humanos e dos erros non se libra ninguén. O venres houbo outro exemplo no mitin da ministra Espinosa en Becerreá. Quen abriu o acto foi o alcalde, un enfervorizado Manuel Martínez. Na derradeira parte do seu discurso comezou a falar da candidata número oito do PSOE, «que vai ser a voz da Montaña no Parlamento», unha aposta un pouco complicada por certo (antóllase complicado que o PSOE gañe tres deputados en Lugo). E rematou: “Déixovos con… Pilar!” E cando a devandita accedeu ao micrófono, o primeiro que dixo foi: “Bueno, chámome Belén” (Fernández Fernández).

Friaxe

Por certo, moita friaxe hai nalgúns destes primeiros actos electorais. É a desvantaxe de facer unhas galegas por primeira vez en inverno.

2. A pegada da pegada

Sábado, 14 de Febreiro, 2009

OS ESCENARIOS eran case calcados de hai catro anos; os partidos, tamén; a orde de colocación, case igual (hai catro anos, EU chegara a facer a pegada ao mesmo tempo que os populares e por aquí vimos algunha bandeira republicana a carón das do PP), e as bandeirolas, ídem… pero a cousa era diferente. Faltaban, para empezar, algúns graos máis nos termómetros, que no 2005 a noite de pegada de carteis foi en xuño, mentres que este febreiro lugués está a ser frío. Por iso non é de estrañar que o que hai catro anos foran preto de dous milleiros de persoas na noite luguesa, sumando os actos dos tres principais partidos galegos (ou iso saía no Sixpac, sempre útil nos casos de concentracións humanas), desta non chegaran a mil, e iso sendo xenerosos.

Tamén se detecta certo cambio nas formas. No 2005, os discursos máis belixerantes e animados eran os do BNG; desta, socialistas e nacionalistas tiveron un son máis institucional, que catro anos de moqueta amortecen moito, e foron os populares os máis mitineiros. Sorprendía ver a un afónico e exaltado Xaime Castiñeira arengando aos seus. Os do PP foron, por certo, os únicos que levaron gaiteiros. Debe de ser cousa do sitio, o palco da música da Praza Maior de Lugo, porque, se non me equivoco, xa os había hai catro anos no mesmo escenario, pero daquela usárao o BNG. Aínda que a aposta galeguista do PP non tivo continuidade, porque cando empezaron a recoller comezou a soar unha potente música de discoteca. Iso si que é pluralidade.

Estrañezas

Na pegada do PP chamáronme a atención tres cousas: unha, que foi a favorita dos tertulianos nocturnos da Praza Maior; é lóxico, porque non había xeito de facerlle oídos xordos. Outra, que os carteis pegados eran de Núñez Feijoo; a cabeza de lista de Lugo non ten a súa propia cartelería? E a terceira, as canas de pescar que levaron algúns militantes para poder alargar as bandeiras. Mesmo eran máis altas có palco. Iso si que é previsión.

Outros

Houbo, por suposto, outras pegadas de carteis. Terra Galega fíxoa no fondo da Praza Maior e case coincide con Barreiro, que saíu cara alí despois do acto do PP. Nestas primeiras horas, os carteis van por barrios. Por exemplo, a UPyD invadiu Fonte dos Ranchos. Será porque o seu cabeza de lista traballa no veciño hospital Xeral? E da FPG vin un cartel na Ruanova. Iso si que é buscar un sitio transitado.

1. O vento e os candidatos

Venres, 13 de Febreiro, 2009

PRETO DA CASA teño unha serie de rotondas nas que estes días pódense ver os carteis dos principais partidos que concorren a estas eleccións. Mesmo hai un dos escasos paneis de Terra Galega e un dos dous que lle teño visto á UPyD. Pero as chuvias destes días e os ventos puideron con eles. Agora mesmo, o único que se mantén medianamente intacto é o de Núñez Feijoo, o único en castelán que vin do candidato popular. Os demais están desfeitos e fáltalle algunha parte. Curiosamente, o da UPyD perdeu a parte dereita, de tal xeito que só quedan visibles o eslogan e a imaxe do cabeza de lista de Lugo.

Pode que isto sexa un símbolo destas dúas semanas que comezamos agora e que nos estea a presaxiar unha campaña chea de protagonismo eólico. Pode ser polo concurso eólico, aínda que este tema, tan polémico hai unhas semanas, desapareceu nos últimos días da conversa dos políticos. Ou pode ser tamén polas consecuencias do temporal e o apagón que deixou máis alporizados aínda a uns cidadáns que xa estaban moi cabreados polos recibos eléctricos. Tamén pode ser un presaxio do que vai ocorrer despois de Semana Santa, cando se constitúa o novo goberno: que o vento se leve as promesas electorais. O que agardamos, dende logo, é que non se repita outra cicloxénese.

Modernidade

As campañas estanse a volver moi modernas. Na pasada medianoite, o cabeza de lista do BNG en Lugo tiña previsto (escribo isto antes de que comece a campaña) usar unha Wii para pegar o seu primeiro cartel. Hai catro anos, foi o PSOE o que recorreu á pegada virtual, precisamente na mesma praza de detrás da casa do concello de Lugo. Na cartelería electoral, hai candidatos que parecen anunciar un destino turístico máis que pedir o voto. Outros son máis tradicionais na imaxe (Terra Galega e, en certo xeito, o BNG). E a transmisión de datos farase por PDA, a pesar dos pésimos e lentos antecedentes doutras eleccións. Xa só falta que poidamos votar por internet: sería unha solución para o voto emigrante ou o dos desprazados que estes días acudirán ás oficinas de Correos para enviar a súa papeleta.

Namorada

Núñez Feijoo vai estar mañá, no amoroso día de San Valentín, en Pontevedra, e a súa Namorada luguesa (“Él busca mi voto, yo le busco a él”, di nun blog que é unha das sensacións da precampaña) anuncia que vai estar alí. Haberá que estar atentos.