Posts etiquetados ‘pegada de carteis’

2. A pegada da pegada

Sábado, 14 de Febreiro, 2009

OS ESCENARIOS eran case calcados de hai catro anos; os partidos, tamén; a orde de colocación, case igual (hai catro anos, EU chegara a facer a pegada ao mesmo tempo que os populares e por aquí vimos algunha bandeira republicana a carón das do PP), e as bandeirolas, ídem… pero a cousa era diferente. Faltaban, para empezar, algúns graos máis nos termómetros, que no 2005 a noite de pegada de carteis foi en xuño, mentres que este febreiro lugués está a ser frío. Por iso non é de estrañar que o que hai catro anos foran preto de dous milleiros de persoas na noite luguesa, sumando os actos dos tres principais partidos galegos (ou iso saía no Sixpac, sempre útil nos casos de concentracións humanas), desta non chegaran a mil, e iso sendo xenerosos.

Tamén se detecta certo cambio nas formas. No 2005, os discursos máis belixerantes e animados eran os do BNG; desta, socialistas e nacionalistas tiveron un son máis institucional, que catro anos de moqueta amortecen moito, e foron os populares os máis mitineiros. Sorprendía ver a un afónico e exaltado Xaime Castiñeira arengando aos seus. Os do PP foron, por certo, os únicos que levaron gaiteiros. Debe de ser cousa do sitio, o palco da música da Praza Maior de Lugo, porque, se non me equivoco, xa os había hai catro anos no mesmo escenario, pero daquela usárao o BNG. Aínda que a aposta galeguista do PP non tivo continuidade, porque cando empezaron a recoller comezou a soar unha potente música de discoteca. Iso si que é pluralidade.

Estrañezas

Na pegada do PP chamáronme a atención tres cousas: unha, que foi a favorita dos tertulianos nocturnos da Praza Maior; é lóxico, porque non había xeito de facerlle oídos xordos. Outra, que os carteis pegados eran de Núñez Feijoo; a cabeza de lista de Lugo non ten a súa propia cartelería? E a terceira, as canas de pescar que levaron algúns militantes para poder alargar as bandeiras. Mesmo eran máis altas có palco. Iso si que é previsión.

Outros

Houbo, por suposto, outras pegadas de carteis. Terra Galega fíxoa no fondo da Praza Maior e case coincide con Barreiro, que saíu cara alí despois do acto do PP. Nestas primeiras horas, os carteis van por barrios. Por exemplo, a UPyD invadiu Fonte dos Ranchos. Será porque o seu cabeza de lista traballa no veciño hospital Xeral? E da FPG vin un cartel na Ruanova. Iso si que é buscar un sitio transitado.

1. O vento e os candidatos

Venres, 13 de Febreiro, 2009

PRETO DA CASA teño unha serie de rotondas nas que estes días pódense ver os carteis dos principais partidos que concorren a estas eleccións. Mesmo hai un dos escasos paneis de Terra Galega e un dos dous que lle teño visto á UPyD. Pero as chuvias destes días e os ventos puideron con eles. Agora mesmo, o único que se mantén medianamente intacto é o de Núñez Feijoo, o único en castelán que vin do candidato popular. Os demais están desfeitos e fáltalle algunha parte. Curiosamente, o da UPyD perdeu a parte dereita, de tal xeito que só quedan visibles o eslogan e a imaxe do cabeza de lista de Lugo.

Pode que isto sexa un símbolo destas dúas semanas que comezamos agora e que nos estea a presaxiar unha campaña chea de protagonismo eólico. Pode ser polo concurso eólico, aínda que este tema, tan polémico hai unhas semanas, desapareceu nos últimos días da conversa dos políticos. Ou pode ser tamén polas consecuencias do temporal e o apagón que deixou máis alporizados aínda a uns cidadáns que xa estaban moi cabreados polos recibos eléctricos. Tamén pode ser un presaxio do que vai ocorrer despois de Semana Santa, cando se constitúa o novo goberno: que o vento se leve as promesas electorais. O que agardamos, dende logo, é que non se repita outra cicloxénese.

Modernidade

As campañas estanse a volver moi modernas. Na pasada medianoite, o cabeza de lista do BNG en Lugo tiña previsto (escribo isto antes de que comece a campaña) usar unha Wii para pegar o seu primeiro cartel. Hai catro anos, foi o PSOE o que recorreu á pegada virtual, precisamente na mesma praza de detrás da casa do concello de Lugo. Na cartelería electoral, hai candidatos que parecen anunciar un destino turístico máis que pedir o voto. Outros son máis tradicionais na imaxe (Terra Galega e, en certo xeito, o BNG). E a transmisión de datos farase por PDA, a pesar dos pésimos e lentos antecedentes doutras eleccións. Xa só falta que poidamos votar por internet: sería unha solución para o voto emigrante ou o dos desprazados que estes días acudirán ás oficinas de Correos para enviar a súa papeleta.

Namorada

Núñez Feijoo vai estar mañá, no amoroso día de San Valentín, en Pontevedra, e a súa Namorada luguesa (“Él busca mi voto, yo le busco a él”, di nun blog que é unha das sensacións da precampaña) anuncia que vai estar alí. Haberá que estar atentos.