8. U-la man esquerda do Quin?

ANDO PREOCUPADO pola man esquerda de Anxo Quintana, o candidato do BNG a presidir a Xunta. Literalmente. Xa escribín aquí que o líder nacionalista optou nesta campaña non só por situarse no medio nos mitins, senón por falar cun micrófono inarámico. Ten a súa cousa positiva, porque iso de situar a un candidato de costas a un grupo de xente (estilo PP hai catro anos e PSOE agora) paréceme mesmo pouco educado: que graza ten pasar un mitin véndolle o cu a un candidato?

Preocúpame a man esquerda de Quintana porque con iso do inarámico, non a usa. Ves ao vicepresidente da Xunta acenando coa dereita, mentres o seu brazo esquerdo queda pegado ao corpo. De cando en vez, moi de cando en vez, móveo para remarcar algunha frase, pero o resto do tempo, ese brazo está aí, inerte. Os seus rivais téñeno máis doado: apóianse no atril. Núñez Feijoo mesmo recóstase nel (non te deites na mesa!, gritábanme de pequeno). A idea de converter os mitins en charlas informais está moi ben, pero trae problemas como este. Éche un asunto menor, pero ten o seu aquel, porque as enquisas prognostican que o Quin vai ter que negociar despois das eleccións, e aí si que lle vai facer falta o brazo do reloxo (supoño que o levará aí, que non me imaxino ao líder do BNG levándoo no mesmo pulso que a familia real). Quizais os técnicos do BNG deberan darlle un curso intensivo ao Quin sobre que facer coas mans: poderían poñerlle unha sesión intensiva de monólogos de Buenafuente, aínda que quitando as mans dos petos, iso si.

Frutos

Esta semana estivo por Lugo Francisco de Frutos, secretario xeral do PCE. Participou no mitin central de EU, no que tamén estiveron o candidato por Lugo, Carlos Portomeñe (mecachis: púxeno mal na edición impresa), e a candidata a presidir a Xunta, Yolanda Díaz. Como gran parte da esquerda sociolóxica, Frutos expresou o seu descontento co actual bipartito: dedicáronse a desfacer o fraguismo pero non a construír un proxecto de seu, viu dicir. E gustoume moito unha frase súa: “En Galicia hai dous partidos e medio”. Cal será ese que non chega ao cen por cen?

Castroverde

É interesante ver o peso que teñen algúns concellos pequenos na estrutura dos partidos. Ocorre con Castroverde no PSOE. Estes días, o concello está invadido de carteis nos que o alcalde anuncia (para esta fin de semana?) unha cea á que asistirá José Blanco. E non é a primeira vez.

Tags: ,

24 Comentarios a “8. U-la man esquerda do Quin?”

  1. sen imposicions

    Hai unha tendencia a relacionar a xuventude actual con apatía, non só pola política senón por todo tipo de movementos sociais que requiran pensar, mobilizarse ou protestar. Somos as veces considerados como unha xeración de desinteresados, incluso malcriados, nós non vivimos unha dictadura e parece que todo nos foi máis sinxelo. Non podo estar máis en desacordo, coñezo e detecto moito interese na xente xoven por involucrarse, ou polo menos interesarse polo que acontece no país. Non recordo moi ben cales foron as primeiras eleccións nas que puiden votar, penso que foi no 1997, pero recordo moi ben a ilusión que me fixo, considereino case un deber, se queres protestar e esixir, tes que participar, pensaba eu, e prometinme a min mesmo que eu votaría sempre, sen escusarme no clima, na resaca do día anterior (¡e daquela éranche boas!) ou na desilusión que cando pasan os anos e as sucesivas eleccións un vai acumulando porque todos prometen pero poucos cumpren. TODOS A VOTAR POR TOURIÑO PARA TER UN PRESIDENTE SEN ATADURAS, SEN IMPOSICIÓNS, SEN DOGMAS E SOBRE TODO QUE NON SEXA UN REFÉN DO BNG. .

Comenta

*