Posts etiquetados ‘Rosa Díez’

4. As feiras dos políticos

Luns, 16 de Febreiro, 2009

AS FEIRAS son quizais unha das expresións máis antigas do comercio; non hai quen poida con elas. E a súa importancia no tecido económico galego está sobradamente acreditada. Por iso, é habitual que tamén se constitúan en escaparate de políticos, ben sexa por facer méritos diante do seu xefe inmediato, ben sexa por participar de balde no habitual xantar de autoridades ou ben sexa, como é o caso, porque hai unhas eleccións en portas.

Este fin de semana, A Fonsagrada dedicáballe unha feira a un dos produtos máis típicos da Montaña luguesa, o butelo, e alí se foron todos. Os candidatos do PSOE, Ricardo Varela, e do BNG, Fernando Blanco, adiantáronse o sábado; onte foron os demais, agás Raquel Arias, que celebra o seu mitin o vindeiro fin de semana. No seu lugar estaban, entre outros, Balseiro e o presidente provincial, Xosé Manuel Barreiro, ademais dos alcaldes de Baralla e Baleira. Gañaban os socialistas, non só porque o PSOE teña maioría na Fonsagrada, senón porque alí tamén se pasaron uns cantos delegados provinciais e os rexedores de Negueira de Muñiz, Becerreá e Navia de Suarna. Polo medio pululaban os candidatos de Tega e UPyD, repartindo propaganda, e mesmo había carteis da FPG, un deles nun dos expositores da feira. Todo iso discorría baixo a atenta mirada de Quintana dende os farois, que nesta zona nos mira dende unhas bandeirolas que son menos fráxiles que as que se ven en Lugo cidade.

Cacharro

Pero o mellor ocorreu cando saíamos da Fonsagrada, unha vez que nos decatamos de que era imposible atopar sitio para xantar. Si: aquel que estaba a repartir pola vila o folleto da UPyD, ese no que Rosa Díez escribe unha Carta a los ciudadanos DEL Galicia (será porque lles parece un barco que se afunde?), era nada menos que Francisco Cacharro Gosende. Non se significou na campaña, nin vai nas listas, pero xa se ve que arrima o ombro como o que máis.

Ausencias

Claro que ás veces hai outros deberes superiores, que hai que priorizar diante dunha feira. É o caso do alcalde de Lugo, que non aproveitou a Feira do Entroido de Nadela porque tiña que estar na Coruña, a carón de Touriño e Zapatero. Tamén nos faltou, neste caso na Fonsagrada, o anterior alcalde, Ricardo Parada… E a semana que vén, Festa da Androlla en Navia e domingo de Entroido: daquela si que vai haber políticos!

Cacharro Jr.

Sábado, 15 de Decembro, 2007

Iso de que o fillo maior de Francisco Cacharro acudira á presentación en Lugo da UPyD espertou tódalas alarmas. Por Ourense, onde Francisco Cacharro Gosende é, co seu coco privilexiado (sabedoría que lle recoñecen mesmo os inimigos), secretario da Deputación Provincial, correu este venres intensamente o rumor de que ía ser o cabeza de lista do partido de Rosa Díez nesa provincia.

El desmentiuno, pero a súa presenza no acto de Lugo (na foto é o que está a carón da muller rubia que tapa a boca para falar por teléfono) é case un indicio de que lle tenta o mundo da política. Verémolo axiña nalgunha lista?