Posts etiquetados ‘Lugo cidade’

Tiñamos máis fotos

Domingo, 3 de Outubro, 2010

Ademais da que sae este domingo no meu Septenario, que vén sendo a de aquí enriba, e da que publican na terceira de Gente, que é grandiosa, e que é estoutra de aquí abaixo,

Xesús Ponte tiña máis fotos boas da Festa do Veciño do domingo pasado en Lugo, que nos descobren outras habilidades de Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo.

E non os quero cansar coa exhibición de apertas, aloumiños e demais que houbo entre veciños e políticos de todas as cores. O conselleiro Samuel Juárez, por exemplo, demostrou certa falta de experiencia nestes baños de masas. Nótaselle na cara de circunstancias:

Guerras de cifras

Xoves, 22 de Outubro, 2009

Parece que o éxito é menos se non se pode medir en cifras. Estes días houbo unha manifestación antiabortista en Madrid e outra progalego en Santiago e non fallou a habitual guerra de cifras. En Lugo vivímola habitualmente co San Froilán. Asombra pensar que alguén sexa quen de cuantificar canta xente visita a cidade un Domingo das Mozas, pero o Concello e a Policía Local fano. Máis doado é cuantificar o número de asistentes a un concerto como o de Amaral: 30.000 dixeron este xornal, La Voz de Galicia e a Policía Local de Lugo. 8.000 ou 12.000 dixeron os lectores de elprogreso.es.

O Sixpac e Google Earth axudan moito nesta última medición. A praza ten uns 6.000 metros cadrados (descontando o que ocupa o escenario, que é moito) e ao fotógrafo, que estaba a pé de palco, levoulle media hora chegar dende alí á Redacción (que está a cinco minutos andando). En manifestación, a estatística ten demostrado que pode haber, se é moi concorrida, 3 ou 4 persoas por metro cadrado, se vai marchando. Se a xente non se pode mover e están uns case enriba dos outros, como foi o caso, pódese subir ata 5. 6.000 × 5 = 30.000. E hai que ter en conta, ademais, que o que mides é a praza, e non contas o que hai no aparcamento de Maxisterio (tamén cheo) e nas rúas que desembocan na Horta do Seminario.

Pero xa se sabe que os números son exactos; as estatísticas, non tanto, e todo é discutible.

A única vez que fixen unha medición exacta, e creo que xa o contei, foi nunha concentración polo Primeiro de Maio, da CNT, na Coruña (ano 1989?): eran 44.

Non convidado

Domingo, 10 de Maio, 2009

Enfadouse López Orozco, alcalde de Lugo, o pasado 28 de abril cando a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, veu visitar a Lugo as obras do único novo hospital que se está a construír na comunidade autónoma e non convidou ao rexedor á visita. Pola tarde pediulle desculpas: erros de novato, supoño (e pode que non dela, senón do seu gabinete).

Aínda así, López Orozco queixouse porque asegura que é a primeira vez que o ningunean de tal forma. Anda mal de memoria o alcalde de Lugo. No seu primeiro mandato, creo que houbo algún acto institucional de Manuel Fraga na cidade no que tamén se esqueceron de convidar ao alcalde anfitrión. Se a memoria non me engana, creo que algo así pasou na inauguración da Praza do Castiñeiro (ou era algo no casco vello?). Só que daquela o que montou en cólera foi o propio don Manuel, que para esas cousas do protocolo era moi mirado. Claro que tamén Cacharro era moi coidadoso co protocolo e na súa época, cando o PP gobernaba en Galicia e Madrid, houbo algún acto da Confederación Hidrográfica do Norte, para anunciar investimentos na cidade de Lugo, ao que tampouco foi convidado o alcalde. Daquela, o rexedor acudiu sen invitación, e puxérano nunha esquina da mesa: notábase moito.

Resucita Coherpu

Mércores, 23 de Abril, 2008

Quen non recorda en Lugo o caso Coherpu, o daquela construtora que, coa súa creba, deixou paralizadas unha morea de obras do Concello en rúas céntricas da cidade (na foto, Bispo Aguirre)? Despois, a Audiencia Provincial fallou (a comezos deste século) que fora unha creba fraudulenta.

Obras de Coherpu

Aquilo orixinara un auto de creba que ten o número 204/93 nos xulgados de Lugo. É dicir, hai quince anos do caso. Pero o curioso é que segue vivo. Hoxe, na páxina 16 de El Progreso sae un edito do xulgado de instrución número dous de Lugo no que se anuncia unha xunta xeral de acredores para facer a graduación de créditos. Non me estrañaría que algún dos acredores xa morrera mentres agardaba a cobrar. Que cousas!

A débeda recoñecida anda polos 400.000 euros. Segundo unha sentencia de 2004, os acredores recoñecidos son 16.

O edito de hoxe asínao, por certo, un xuíz ao que xa citei aquí, polo seu carácter blogueiro e, polo que vexo agora, tremendamente crítico co actual goberno. Lean o que di sobre Carme Chacón, por exemplo.