O asasino do terceiro W

VIVIMOS existencias anódinas, nas que o máis importante que nos ocorre ten que ver coa vida, coa morte ou coa parella. Iso é tamén porque, por sorte (por desgraza para os cotillas), as portas dos nosos veciños tapan historias case de cine, que poucas veces chegamos a coñecer. Hai meses escribín un relatiño sobre a relación entre unha suposta actriz porno da Fonte dos Ranchos de Lugo e un profesor devoto de Pedro Salinas. Tempo atrás, dinlle voltas ao que podía agochar unha muller que vin no meu barrio, que se foi soa cara á súa casa dando unha boa camiñada, e iso que o home do que se despedira a bicos tiña coche. Quizais o veciño do terceiro W é un asasino a soldo, aínda que sempre o ves na rúa exercendo de cariñoso pai. E pode que a filla dos do sexto, esa tan tímida que se ruboriza no ascensor, nas noites de sábado trepe a uns tacóns de vinte centímetros e exerza de dominatrix. E vai ti saber se eses do edificio de diante, os que teñen a luz acesa ata o amencer, non son os hackers que afundiron a túa empresa. E, se cadra, ao do quinto E non o ves nunca porque, como é o maior especialista mundial en validar desaparafusadores, viaxa moito. Todas esas historias peculiares só saen á luz cando chegan ás páxinas de sucesos. E entón aparecerán unha señora con mandilón ou un señor con boina que lles dirán aos xornalistas que non se imaxinaban tal cousa do veciño porque “ai!, parecía tan bo rapaz”.

Agradecemento:

Fago constar que o da señora con mandilón e o señor con boina ou pucho é unha achega de Andrés Pavón, a través do meu veciño de blogs Xoán C. Vidal.

Tags: ,

Comenta

*