Tender roupa
Martes, 25 de Novembro, 2014ADMIRO a aqueles que son capaces de levantar algo creativo a partir dalgunha nimiedade sobre a que podemos pasar a diario sen nos decatar da súa existencia. Algún escritor tenlle dedicado liñas a algo tan cotián como facer a cama, que, no fondo, ten a súa ciencia (?), e Cortázar ten unha reflexión sobre o ‘xesto que consiste en poñerse o dedo índice na tempa e movelo como quen aparafusa e desaparafusa’ (‘La vuelta al día en ochenta mundos’). Penso niso mentres colgo a roupa saída da lavadora. É unha operación que cada un fai dun xeito distinto, díxome unha vez un familiar. Depende tamén do sitio (ao aire libre, na terraza, nun cuarto) e do tendedeiro (de pé, de teito, de ventá). O tamaño da roupa tamén conta: eu, por exemplo, maldigo as fundas nórdicas, tanto por pesadas como por voluminosas. E esa teima que teñen os calcetíns por desemparellarse ou, mesmamente, irse da túa casa / vida sen avisar? Aquel familiar dicía que el colga o par na mesma pinza; eu prefiro separalos, aínda que con pinzas da mesma cor: un día, por facer algo divertido nun labor rutineiro, fotografei a plástica composición de cores que me quedou. Pero o mellor que recordo de colgar a roupa era unha antiga veciña dos meus pais, a quen lle levaba unha hora a operación. Mentres facía e desfacía, colocaba e recolocaba, nós mirabamos dende a nosa casa (e non eramos os únicos). Aquela muller sabía que colgar a roupa é toda unha arte.