Milucho
Luns, 12 de Maio, 2008Médranlle os problemas a Emilio López Pérez, Milucho, o ex sindicalista que agora é delegado provincial da Consellería do Medio Rural en Lugo. Se hai uns días cargou contra Unións Agrarias, despois da manifestación do Ceao en contra de Leite Río, hoxe tocoulle recibir fogo amigo, xa que as críticas viñeron dende o sindicato agrario nacionalista, o SLG.
Xurxo Álvarez, o derrotado nas eleccións para a executiva labrega de decembro pasado (home que entrou no sindicato en Lugo cando Milucho era quen máis ordenaba), montou este luns unha rolda de prensa en Santiago para acusar á actual directiva de “usurpación de funcións”. E a executiva do SLG respondeu a esta rolda de prensa, na que estaban outras seis persoas, sen cortarse:
“Este grupo de persoas unicamente responde ás consignas recibidas dende a Consellaría do Medio Rural. Temos constancia de que esta estratexia se define conxuntamente co xefe de gabinete da consellaría [Xosé Manuel Puga] e co delegado provincial da consellaría en Lugo”.
Por certo, na web do SLG, no capítulo de ligazóns, non aparece a consellería, a máxima autoridade agraria de Galicia, aínda que tamén é verdade que o capítulo de links é curto.
Así que entre o leite, os casos de lingua azul, as críticas de varios alcaldes do PP, as liortas na constitución dos GDRs (grupos de desenvolvemento rural) dos Leader e, agora, as queixas sindicais, este Milucho non vai dar feito.