Posts etiquetados ‘Lucía Pérez’

Lucía e Carla

Domingo, 19 de Xullo, 2009

A televisión informa como un gran acontecemento da primeira actuación de Carla Bruni como cantante despois de que casara con Nicolas Sarkozy. E vexo a a súa interpretación e a miña memoria vai cara O Incio, a Lucía Pérez, concretamente. Porque resulta que no último disco da cantante galega, Volar por los tejados, vén unha versión de Quelqu’un m’a dit, a canción que a primeira dama francesa escolleu para cantarlle a Mandela. Por certo, a versión de Lucía, titulada Alguien me contó, está bastante ben, como destacaba hai uns días Moncho Lemos nun programa da Radio Galega.

Lucía do Incio

Mércores, 29 de Abril, 2009

Lucía Pérez, nunha actuación en Lugo en novembro (Foto: Ana Lamas)Anda moi contento o alcalde do Incio, Ángel Camino Copa, pola elección dunha intérprete da súa vila, Lucía Pérez, para cantar o himno galego na toma de posesión de Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Camino está máis contento que se lle deran a el a Consellería de Sanidade (diana de moitos dos seus dardos nos últimos tempos). Disque o equipo do novo presidente soubo da existencia da rapaza por mediación do propio Camino, que lles regalou o último disco da cantante. O disco é case un dos agasallos oficiais do Concello: un bo xeito de promocionar a xente da terra.

Tamén a propia Lucía é da casa para os da Xunta, pois xa se sabe que saíu dun programa dun ente dependente da Administración autonómica, TVG. Por certo, supoño que nesta nova era popular O Gayoso seguirá co seu Luar, un programa polo que non pasan nin os anos nin os gobernos.

A toma de posesión seguina no coche, de viaxe, e case dou un bote cando oín á locutora da RAG dando paso ao Obradoiro, porque “imos falar con Alberto”. Tanta familiaridade xa co novo presidente? Pero non, foi unha falsa alarma: o tal Alberto non era Núñez Feijóo, senón un compañeiro da RAG.

25 de xullo

Venres, 25 de Xullo, 2008

Lucía Pérez, cantante do IncioTal día como este 25 de xullo, o meu avó materno, que naceu nun pobo de infausto nome (A Escravitude, Padrón), collía pola mañanciña o tren de balde (traballaba na Renfe) e ía a Santiago, para ver o concerto das bandas o día do Apóstolo. Que eu recorde, sempre ía e volvía só.

Sempre o lembro nesta data. Agora, a xente segue a ir a Santiago, pero non para oír ás mellores bandas de Galicia, senón para facer turismo (“luxo para eles, destrución da terra para nós”, di estes días a AMI) ou por motivos políticos. Daquela, claro, cando o meu avó ía a Santiago, o 25-X non tiña compoñentes políticos. Supoño que agora, el, que viviu corenta anos co medo no corpo, asistiría abraiado ao despregamento que fan estes días os seus, os da esquerda, aínda que, se cadra, igual quedaba na casa vendo a tele.

A véspera do Apóstolo en Santiago tivo, por certo, un par de toques lugueses: por unha banda, a canción-himno dedicada a Compostela que interpretou Lucía Pérez, a cantante do Incio (velaquí a teñen, na bucólica foto de Xesús Ponte), na gala especial que conducíu Carlos Blanco, ese home que agora semella que presenta tódalas galas especiais da TVG. O outro toque foi o da fonte cibernética que colocaron no Obradoiro durante a queima da fachada da catedral. Cuspidiña á da Fonte dos Ranchos!