Posts etiquetados ‘Día de Galicia’

25 de xullo

Venres, 25 de Xullo, 2008

Lucía Pérez, cantante do IncioTal día como este 25 de xullo, o meu avó materno, que naceu nun pobo de infausto nome (A Escravitude, Padrón), collía pola mañanciña o tren de balde (traballaba na Renfe) e ía a Santiago, para ver o concerto das bandas o día do Apóstolo. Que eu recorde, sempre ía e volvía só.

Sempre o lembro nesta data. Agora, a xente segue a ir a Santiago, pero non para oír ás mellores bandas de Galicia, senón para facer turismo (“luxo para eles, destrución da terra para nós”, di estes días a AMI) ou por motivos políticos. Daquela, claro, cando o meu avó ía a Santiago, o 25-X non tiña compoñentes políticos. Supoño que agora, el, que viviu corenta anos co medo no corpo, asistiría abraiado ao despregamento que fan estes días os seus, os da esquerda, aínda que, se cadra, igual quedaba na casa vendo a tele.

A véspera do Apóstolo en Santiago tivo, por certo, un par de toques lugueses: por unha banda, a canción-himno dedicada a Compostela que interpretou Lucía Pérez, a cantante do Incio (velaquí a teñen, na bucólica foto de Xesús Ponte), na gala especial que conducíu Carlos Blanco, ese home que agora semella que presenta tódalas galas especiais da TVG. O outro toque foi o da fonte cibernética que colocaron no Obradoiro durante a queima da fachada da catedral. Cuspidiña á da Fonte dos Ranchos!