Lucía do Incio
Mércores, 29 de Abril, 2009Anda moi contento o alcalde do Incio, Ángel Camino Copa, pola elección dunha intérprete da súa vila, Lucía Pérez, para cantar o himno galego na toma de posesión de Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Camino está máis contento que se lle deran a el a Consellería de Sanidade (diana de moitos dos seus dardos nos últimos tempos). Disque o equipo do novo presidente soubo da existencia da rapaza por mediación do propio Camino, que lles regalou o último disco da cantante. O disco é case un dos agasallos oficiais do Concello: un bo xeito de promocionar a xente da terra.
Tamén a propia Lucía é da casa para os da Xunta, pois xa se sabe que saíu dun programa dun ente dependente da Administración autonómica, TVG. Por certo, supoño que nesta nova era popular O Gayoso seguirá co seu Luar, un programa polo que non pasan nin os anos nin os gobernos.
A toma de posesión seguina no coche, de viaxe, e case dou un bote cando oín á locutora da RAG dando paso ao Obradoiro, porque “imos falar con Alberto”. Tanta familiaridade xa co novo presidente? Pero non, foi unha falsa alarma: o tal Alberto non era Núñez Feijóo, senón un compañeiro da RAG.