A reestruturación do PSdeG

Logotipo do PSdeGAndan no PSOE galego preocupados pola anunciada reestruturación para facer unha estrutura provincial do que até o de agora era unha estrutura comarcal. Por iso está tendo tanto éxito esa emenda á ponencia marco do congreso nacional (ou sexa, o galego de finais de xullo) para que o cambio se deixe para despois das eleccións autonómicas. Non é plan montar unha boa dentro do partido cando se ten que traballar para manter a Xunta. Aínda que en Lugo non parece que vaia haber problemas co cambio, agás no posible caso dalgunha organización comarcal que sinta que vai perder poder coa reestruturación.

O sábado pasado, na xuntanza da asemblea local de Lugo saíu adiante sen problemas esa emenda, que creo que parte do propio Emilio Pérez Touriño. A xuntanza foi tanto para analizar a ponencia marco (xa lle prometín a quen ma mandou íntegra que a estudarei cando remate cos orzamentos da Deputación) como para elixir trece delegados para o congreso nacional e, indirectamente, tres para o federal. O de “indirectamente” é porque, en realidade, neste último caso non se elixe delegados, senón candidatos a delegados. É dicir, a agrupación local escolle a dezasete persoas que, nunha xuntanza da comarca de Lugo, van participar na elección dos tres que realmente representarán a esta zona no congreso federal.

É curioso ver a distribución de representantes por comarcas na asemblea de xullo en Madrid: tres por Lugo, outros tantos pola Mariña, un pola Montaña e Sarria… O reparto faise en función do número de afiliados. E digo que isto é curioso porque, aínda que case toda a Montaña está gobernada polo PSOE, a súa militancia é escasa. É lóxico, dicíame hoxe un conspicuo socialista: son concellos pequenos, con poboacións moi diseminadas…

Tags:

Comenta

*