Posts etiquetados ‘pasatempos’

Un oto sobre un tas (2)

Mércores, 15 de Maio, 2013
O dos encrucillados e xogos lóxicos é todo un mundo, que de cando en vez alguén, como se quixera darlle un verniz respectable, recupera para dicir que son moi bos, por exemplo, para manter a axilidade mental. Polo que a min se refire, teño algunhas manías con eles. Por exemplo, non me gustan nin demasiado doados nin moi complicados. Ás veces, súbolles a dificultade: por exemplo, o xogo das cruzadas resólvoo por orde: primeiro, as palabras de doce letras, despois as de once… No outro extremo están os mal feitos, eses que están cheos de letras soltas e de palabras ao revés, demostración de que o autor é frouxiño. Hai unhas semanas, alguén nos ofreceu uns encrucillados dixitais para a web. Cando fun facelos, para probalos, atopeime con algo que nunca me pasara en máis de trinta anos cubrindo pasatempos: o 80 por cento das palabras eran ao revés. Xa nin me molestei en contestarlles cunha negativa.
E en canto á axilidade mental, pode que proporcionen algunha (a mesma que eses xogos mentais para consola), aínda que discuto máis esa teoría de que enriquecen o vocabulario. Grazas aos encrucillados sei como se chaman unha engra de prateiro, un manto de beduíno ou o principal río de Suíza… pero, a verdade, nin me é imprescindible para vivir nin creo que vaia usar esas palabras fóra dese contexto. A única excepción ocorreume en Madrid, cunha señora de Puebla de Don Fadrique (1), a quen lle oín falar dun cruento atropelo, no que á vítima víanselle “todas as asaduras”, palabra que ata daquela nunca vira/oíra fóra dos cadros dun encrucillado.
(1) Puebla de Don Fadrique é unha vila de sonoro nome da provincia de Granada. Á vista da súa web, debe de estar moi afectado polo vandalismo das bandas, que iso debe de ser o que significa ese ‘bandalismo’ que aparece na enquisa dixital sobre os principais problemas deste concello de case 2.400 habitantes.

Un oto sobre un tas

Martes, 14 de Maio, 2013

NO QUIOSCO vexo con sorpresa que aínda sobreviven unhas poucas revistas de pasatempos. Sorpréndeme porque nestes tempos de ocio dixital, nos que te divirtes contra unha máquina, parece inconcibible que aínda teña vida propia (fóra dos xornais) este ocio analóxico, de lapis e papel, aínda que certamente varias cabeceiras quedaron no camiño. A miña relación cos pasatempos é inconstante dende que os descubrín a finais da primaria (vía Ocón de Oro, o maxistral creador madrileño): teño tido tempos de moita paixón e outros de total esquecemento. Exemplo disto último é que non hai moito atopei no fondo dun caixón unha revista de pasatempos sen acabar que ten o prezo aínda en pesetas. Supoño que son vestixios dalgún tempo de espera hospitalaria, un dos mellores amigos destes entretementos. Encrucillados, xeroglíficos e demais xogos acabaron, abofé, por adaptarse ás novas tecnoloxías, aínda que o seu meirande rival veu de Xapón: o sudoku, que arrasou con todo e agora parece que é o único xogo que hai. Esa adaptación aos novos tempos tamén se ve nas definicións: non hai moito lin nun encrucillado aquilo de “nome oficial da provincia que en castelán se denomina Lérida”, aínda que o máis evidente é o das matrículas: dentro duns anos, ninguén saberá que é iso de “matrícula de Lugo, dúas letras”. Iso si, outras cousas non cambian e o tas seguiralles servindo aos prateiros e o oto seguirá voando de noite.

Post scriptum

Na composición fotográfico reúno un autillo, ou otus scops, imaxe collida de Fauna Ibérica, e un tas, tomado da web de Todocolección. Esquecinme do manto de beduíno, aba.