Un oto sobre un tas
NO QUIOSCO vexo con sorpresa que aínda sobreviven unhas poucas revistas de pasatempos. Sorpréndeme porque nestes tempos de ocio dixital, nos que te divirtes contra unha máquina, parece inconcibible que aínda teña vida propia (fóra dos xornais) este ocio analóxico, de lapis e papel, aínda que certamente varias cabeceiras quedaron no camiño. A miña relación cos pasatempos é inconstante dende que os descubrín a finais da primaria (vía Ocón de Oro, o maxistral creador madrileño): teño tido tempos de moita paixón e outros de total esquecemento. Exemplo disto último é que non hai moito atopei no fondo dun caixón unha revista de pasatempos sen acabar que ten o prezo aínda en pesetas. Supoño que son vestixios dalgún tempo de espera hospitalaria, un dos mellores amigos destes entretementos. Encrucillados, xeroglíficos e demais xogos acabaron, abofé, por adaptarse ás novas tecnoloxías, aínda que o seu meirande rival veu de Xapón: o sudoku, que arrasou con todo e agora parece que é o único xogo que hai. Esa adaptación aos novos tempos tamén se ve nas definicións: non hai moito lin nun encrucillado aquilo de “nome oficial da provincia que en castelán se denomina Lérida”, aínda que o máis evidente é o das matrículas: dentro duns anos, ninguén saberá que é iso de “matrícula de Lugo, dúas letras”. Iso si, outras cousas non cambian e o tas seguiralles servindo aos prateiros e o oto seguirá voando de noite.
Post scriptum
Na composición fotográfico reúno un autillo, ou otus scops, imaxe collida de Fauna Ibérica, e un tas, tomado da web de Todocolección. Esquecinme do manto de beduíno, aba.
Tags: De re varia, pasatempos