Un oto sobre un tas (2)
Mércores, 15 de Maio, 2013O dos encrucillados e xogos lóxicos é todo un mundo, que de cando en vez alguén, como se quixera darlle un verniz respectable, recupera para dicir que son moi bos, por exemplo, para manter a axilidade mental. Polo que a min se refire, teño algunhas manías con eles. Por exemplo, non me gustan nin demasiado doados nin moi complicados. Ás veces, súbolles a dificultade: por exemplo, o xogo das cruzadas resólvoo por orde: primeiro, as palabras de doce letras, despois as de once… No outro extremo están os mal feitos, eses que están cheos de letras soltas e de palabras ao revés, demostración de que o autor é frouxiño. Hai unhas semanas, alguén nos ofreceu uns encrucillados dixitais para a web. Cando fun facelos, para probalos, atopeime con algo que nunca me pasara en máis de trinta anos cubrindo pasatempos: o 80 por cento das palabras eran ao revés. Xa nin me molestei en contestarlles cunha negativa.
E en canto á axilidade mental, pode que proporcionen algunha (a mesma que eses xogos mentais para consola), aínda que discuto máis esa teoría de que enriquecen o vocabulario. Grazas aos encrucillados sei como se chaman unha engra de prateiro, un manto de beduíno ou o principal río de Suíza… pero, a verdade, nin me é imprescindible para vivir nin creo que vaia usar esas palabras fóra dese contexto. A única excepción ocorreume en Madrid, cunha señora de Puebla de Don Fadrique (1), a quen lle oín falar dun cruento atropelo, no que á vítima víanselle “todas as asaduras”, palabra que ata daquela nunca vira/oíra fóra dos cadros dun encrucillado.
(1) Puebla de Don Fadrique é unha vila de sonoro nome da provincia de Granada. Á vista da súa web, debe de estar moi afectado polo vandalismo das bandas, que iso debe de ser o que significa ese ‘bandalismo’ que aparece na enquisa dixital sobre os principais problemas deste concello de case 2.400 habitantes.