Posts etiquetados ‘autovías’

As cousas a medias

Sábado, 19 de Setembro, 2015

CANDO ESTREAS unha casa, sobre todo se é do trinque, aconséllanche revisala polo miúdo, para que o construtor arranxe eses pequenos defectos que a miúdo quedan. Supoño que o mesmo farán os gobernos cando as empresas lles entregan as obras públicas, aínda que, á vista das últimas noticias, xa teño dúbidas. E é que algunhas das últimas autovías inauguradas en Galicia presentan unha manchea de taras: nunha non se pode circular cando hai néboa (A-8); noutra contaminaron a auga dunhas aldeas e había problemas de cimentación (AG-64), e na última esquecéronse das pantallas illantes do ruído e, por se acaso, non se pode circular a 120 (A-54), que é o normal nunha autovía. Hai un precedente pontevedrés, a A-52, con esas curvas da baixada de Puxeiros coa velocidade limitada a 80 ou 60. É dicir: gastas un pastizal nunha obra e meses/anos despois desembolsas outro nos arranxos. Ou alguén en Fomento ou a Xunta non fai ben o seu traballo ou isto son ganas de foder… e gastar.

A difícil retirada dos ex

Martes, 11 de Febreiro, 2014

É DIFÍCIL terminar a semana sen que salga a sílaba ‘ex’ nalgún titular ou texto deste xornal. Se non é a sección de sucesos ou tribunais (como sustantivo, normalmente), pode ser na información política (neste caso, como prefixo). En ocasións, os dous ex son igual de incordiantes: tanto a anterior parella que perturba a unha persoa como o gobernante destituído (sexa pola vía do dedo ou das urnas) que dá a súa opinión veña ou non a conto. O das exparejas debería de quedar no plano privado; cando entra no público, adoita acabar, por desgraza, nas páxinas de sucesos. E ao ámbito privado é tamén onde deberían de irse os exgobernantes, pero moitos deles empéñanse en seguir dando o coñazo.

SEGUE AQUÍ

Nove anos que xa son 25

Martes, 4 de Febreiro, 2014


CANDO SE cumprían dous anos do afundimento do Prestige, o 7 de novembro de 2004, na páxina 4 deste diario escribín un ladillo que dicía, literalmente: «Non se acabará no 2008». Referíame á A-8. Non facía falta moita clarividencia para predicir tal cousa, porque xa entón os prazos que se daban eran claramente irrealizables. A información incluía un cadro no que se recollía que os dous tramos máis complicados, os que salvaban a transición da meseta de Lugo á costa, nin tiñan encargada a redacción do proxecto de construción. Este luns, máis de nove anos despois desa información e seis despois dos prazos fixados entón, eses dous tramos serán inaugurados e por fin poderemos circular por toda a parte de Lugo desa autovía do Cantábrico.

SEGUE AQUÍ

O único repetido

Luns, 3 de Febreiro, 2014


Escribía este domingo no xornal sobre a primeira pedra da A-8 en territorio galego, que é o mesmo que dicir lugués. Este luns, a ministra Ana Pastor inaugura o único tramo que quedaba por poñer en servizo, xusto un mes antes de que se cumpran dez anos da colocación daquela primeira pedra. Tanto daquela como agora hai unhas eleccións próximas, aínda que neste 2014 aínda non estamos en campaña e naquel 2004 faltaban once días para que os españois foramos botar (e oito para que nos estremecéramos). Aquela fora unha campaña chea de inauguracións, na que José María Aznar pasou semanas inaugurando as obras en tramos mínimos de alta velocidade ferroviaria, esa que dende xullo está tan actualidade en Angrois.

Naquel marzo de 2004, os medios anunciabamos que a A-8 ía ser a segunda autovía por territorio lugués. Ao final, é a terceira, porque adiantouse a de Ferrol a Vilalba. Cando se inaugurou esta última, escribín un Septenario no que agora vexo que tamén esa autovía tivo moita historia.

Pero historia van ter as fotos: tanto a do 3 de marzo de 2004 como a do 3 de febreiro de 2014. Poderíase pensar que en dez anos cambian moitas cousas, e iso é certo en parte: segue gobernando o PP en España pero só hai unha autoridade que vai repetir nas dúas fotos. Daquela era un simple conselleiro de Política Territorial e hoxe é nada menos que un presidente da Xunta: Alberto Núñez Feijóo. Nalgúns casos si que parece que non pasa o tempo.