Por fin fixeron o Gran Suarna!
Mércores, 25 de Xuño, 2008Creo que xa contei algunha vez que gusto de ler cousas ben raras. Por exemplo, divírteme botarlle un ollo ás primeiras páxinas das guías telefónicas (as de información xeral). Ver, por exemplo, se a miña rúa sae ben trazada ou non. Hai tempo, nas de Telefónica, Chantada saía preto da costa e Vilalba era case da provincia de Ourense. Agora arranxárano. Aínda que isto non é nada en comparación cos erros toponímicos: Sarria sempre aparece cun acento no último a, como o barrio barcelonés; e no mesmo mapa pode figurar un Castro de Rey en castelán a carón dun Vilafernando en galego.
Pero os de QDQ, que repartiron hai pouco en Lugo a súa edición 2008-09, superan todo o imaxinable co seu mapa. Velaquí a mostra:
E algún naviego que viva fóra da vila debe de estar flipando: meu Deus, construíron o Gran Suarna, e eu sen sabelo!!! Mira que debe de ser complicado facer un encoro e que non o saiba ninguén. Tardaron setenta anos, a xustiza botou abaixo o proxecto e, ao final, o que non puido facer Saltos del Navia fíxoo unha guía telefónica. E o caralludo do caso é que o suposto pantano aparece grande: máis có de Salime.
E, por suposto, pedir exactitude noutras cousas do mapa é imposible: segundo tal obra de arte, a autovía do Cantábrico non pasou aínda de Reinante, pero, en cambio, a das Pontes a Vilalba xa está acabada. Isto si que é imaxinación.
No xornal gardamos algunha guía antiga (unha reminiscencia de cando as empresas telefónicas non repartían para todos e internet non estaba tan adiantado). O mapa, polo visto, leva saíndo así polo menos tres anos. Na edición deste 2008 non vén o nome do autor, pero si na do 2006: é unha empresa de Barcelona que se gaba de vender para todo o planeta. Como serán os de fóra de España?