Atalaias
CANDO SE vive nunha cidade como Lugo, que incorpora de serie un miradoiro máis que milenario, un afaise a ver as cousas dende unha certa altura, e moitas veces, desde o mesmo sitio, como se fose unha referencia perfecta, como se fosen os habitantes desta cidade os precursores do ‘ollo de falcón’ que agora se usa tanto no tenis. En Lugo hai dúas atalaias de referencia: o adarve enriba da porta de Bispo Aguirre e onde arrinca a escalinata de Luis Pimentel. Colócaste aí e podes saber, por exemplo, se o San Froilán dese ano é concorrido ou se son mellores os de antes: algún ano, temos usado no dixital dúas fotos dende o mesmo sitio a diferentes horas para demostrar que o que nunca cambia nas festas maiores de Lugo é o xentío. Esas atalaias tamén serven para ver se a manifestación pola hemodinámica é masiva ou para resolver unha incógnita crecente: faille sombra o Arde Lucus ao San Froilán? E a resposta, polo que vin o sábado, é… depende. Ao fondo da Praza Maior había ocos, se ben é certo que en San Froilán o espazo a comparar é menor, porque alí hai casetas. Facíase curioso recordar que esa festa romana empezou da nada e agora hai quen fai o seu agosto en xuño. A deste ano foi, por certo, a primeira edición sen Orozco: haberá quen diga que o Arde Lucus é o seu meirande legado, esquecendo o remate dos trámites para o Patrimonio da Humanidade: aquí temos bo ollo de falcón, pero, ás veces, memoria de aire.
Tags: De re varia, festas