Posts etiquetados ‘turismo’

Pulseiras

Martes, 8 de Decembro, 2015

DEZASEIS MESES. Iso foi o que durou no meu pulso dereito, antes de rachar polo uso, a fita que me deron no festival internacional de cine de Karlovy Vary. Conseguina na véspera da xornada de clausura de 2014, nun posto onde o café de George Clooney convidaba a volluto, ristretto e demais, e a fita conmemorativa da edición número 49 cinguía o vaso. Recoñezo que entre xullo de 2014 e novembro pasado useina para fardar de que estivera nun sitio que a inmensa maioría dos meus coñecidos nin sabía que existía. Non son moi dado a levar cousas no pulso, nin siquera reloxo (nesta sociedade na que vives arrodeado deles), pero teño feito algunha excepción: tamén levei bastante tempo unha fita do Senhor do Bonfim, de Salvador de Bahía, a mesma que tempo despois descubrín no brazo de Núñez Feijóo. Esta acabeina por tirar, porque non se daba roto. Estes días vexo moito a un médico que leva unha do Celta, aínda que el di ser do Madrid. En tempos estiveran de moda as pulseiras de Lance Armstrong: foi moito antes de que se desvelara que este ciclista xogaba sucio. Se naces nunha familia tradicional, das que regala pulseiras en cada natalicio, podes pasar a vida lucindo moitos destes adornos, dende as da primeira comuñón ata as que mercas porque si ou as que che dan co teu nome, esas que teñen o terrible nome de ‘escravas’. Terribles son tamén as que poñen nalgunhas áreas dos hospitais (véxanse a película ‘Planta 4ª’ ou a serie ‘Pulseras rojas’). E logo están as pulseiras de ‘todo incluído’; esas si que nos fan felices a todos.

Turistas en C

Martes, 7 de Abril, 2015

ESTE luminoso Venres Santo incluíu dous C: Combarro e Campolameiro, por esa orde. Foron dous xeitos de facer turismo. En Combarro seica hai uns hórreos e unha paisaxe mariñeira moi interesante e fotoxénica… e digo seica, porque o único que se podía ver eran turistas e tendeiros vendendo con diminutivos. En Campolameiro hai un parque arqueolóxico (todo un descubrimento), un dos catro que ían constituír aquela gran rede que incluía un en Lugo que estaría adicado á presenza romana en Galicia. Ese parque lugués nunca se chegou a facer e algúns dubidamos de que cheguemos a velo, pero alí está, no documental que emiten sen interrupción no centro de interpretación deste parque dedicado á arte rupestre. Combarro, xa digo, estaba ateigado ata aburrir; Campolameiro, non. O primeiro forma parte de Poio, que se gaba nos carteis de ser “municipio turístico”. No fondo, por iso devecen moitos (se non todos) dos 314 concellos galegos. Vese en Fitur, feira á que todos acoden promocionando calquera cousiña distintiva, por cativa que sexa. Logo éncheseche a aldea, como en Combarro, e xa non sabes se felicitarte, porque conseguiches atraer xente, ou laiarte, porque os do lugar foxen. Pasa noutros sitios con C: Cebreiro e as Covas de Altamira, onde as visitas estaban limitadas ata hai pouco. É todo un dilema, porque os sitios para visitar son os mesmos… e as vacacións para facelo, tamén.

(Na foto, unha cadeira ¿agardando turistas? en Combarro)

Turismo de Lugo

Martes, 7 de Xullo, 2009

Durante uns días, a información do tempo da Galega, que debe de ser o microespazo máis visto da televisión en Galicia, estivo patrocinado por Lugo Terra, a campaña da área de turismo da Deputación para promocionar as bondades turísticas da provincia. Pero a semana pasada chegaron as rebaixas do Corte Inglés e Carlos Baute acabou co prólogo lugués ás informacións de Bea, María ou Martín. A Deputación está a efectuar unha intensa campaña no eido turístico, tanta, que mesmo sae nas xuntas de goberno. Na do 19 de xuño, por exemplo, contratouse unha campaña no xornal xeralista que ten a meirande tiraxe en España. Cando vin o prezo, 32.000 euros, pensei que ía ser un especial ben grande, pero realmente o especial, publicado o 27 de xuño, só era de catro.

Turismo

Martes, 20 de Xaneiro, 2009

Inauguración da oficina de turismo de Lugo (Foto: Pepe Álvez)
Algún compañeiro chegou alporizado da inauguración da oficina de turismo de Lugo: semellaba un acto do PP, dicía. Había moitísimos bloqueiros, como corresponde nunha inauguración dunha das súas consellerías; un cura, por aquilo de bendicir as instalacións; unha socialista, a concelleira de Turismo e primeira tenente de alcalde, e unha boa presada de populares, entre eles Enrique Rozas, sempre tan respectuoso e coidadoso coas formas que no grupo municipal deben de terlle adxudicada a representación en canto acto institucional se celebre. Unha función que el representa con moita dignidade e elegancia (dá gusto facerlle a pelota aos amigos!).

O certo é que nas fotos non se ve tanto pepero como parece, pero si moito nome senlleiro da vida económica e social de Lugo, que ultimamente son asiduos aos actos do BNG.