Guerras de cifras

Parece que o éxito é menos se non se pode medir en cifras. Estes días houbo unha manifestación antiabortista en Madrid e outra progalego en Santiago e non fallou a habitual guerra de cifras. En Lugo vivímola habitualmente co San Froilán. Asombra pensar que alguén sexa quen de cuantificar canta xente visita a cidade un Domingo das Mozas, pero o Concello e a Policía Local fano. Máis doado é cuantificar o número de asistentes a un concerto como o de Amaral: 30.000 dixeron este xornal, La Voz de Galicia e a Policía Local de Lugo. 8.000 ou 12.000 dixeron os lectores de elprogreso.es.

O Sixpac e Google Earth axudan moito nesta última medición. A praza ten uns 6.000 metros cadrados (descontando o que ocupa o escenario, que é moito) e ao fotógrafo, que estaba a pé de palco, levoulle media hora chegar dende alí á Redacción (que está a cinco minutos andando). En manifestación, a estatística ten demostrado que pode haber, se é moi concorrida, 3 ou 4 persoas por metro cadrado, se vai marchando. Se a xente non se pode mover e están uns case enriba dos outros, como foi o caso, pódese subir ata 5. 6.000 × 5 = 30.000. E hai que ter en conta, ademais, que o que mides é a praza, e non contas o que hai no aparcamento de Maxisterio (tamén cheo) e nas rúas que desembocan na Horta do Seminario.

Pero xa se sabe que os números son exactos; as estatísticas, non tanto, e todo é discutible.

A única vez que fixen unha medición exacta, e creo que xa o contei, foi nunha concentración polo Primeiro de Maio, da CNT, na Coruña (ano 1989?): eran 44.

Tags: ,

Comenta

*