Cortázar, internet e a neveira

UNHA dúbida doméstica fíxome recordar un texto de Cortázar. A dúbida era se, cando queres gardar cinco cousas na neveira, gastas máis abríndoa cinco veces dous segundos ou unha vez dez segundos. O texto de Cortázar, que está en ‘La vuelta al día en ochenta mundos’, é ‘Grave problema argentino: querido, estimado o el nombre a secas’. Se o escritor seguira vivo hoxe, estou seguro de que atoparía en internet solución a “uno de los problemas argentinos más difíciles de resolver”, que é, segundo ironiza o autor de ‘Rayuela’, o encabezamento das cartas. Porque en internet Cortázar atoparía resposta tanto a esa dúbida como a calquera outra, xa que na rede hai estudos sobre os temas máis peregrinos imaxinables. Os mellores son os relativos ao sexo, porque son os máis delirantes. O coito ideal dura dez minutos; o día mellor é o mércores e o mes, agosto; son cousas que teño lido nos últimos tempos. Tamén lin algo que aconsella baixar a tapa cando tiras da cisterna (polas bacterias), ou que os nenos que toman teta choran máis… Hai mesmo algún premio (entre comiñas) para o estudo máis estraño… E, volvendo ás neveiras, recordo ter lido un completo informe que sentencia que un frigorífico aberto non abonda para arrefriar un cuarto. Por suposto, gugleando moito atopei resposta á miña ‘transcendental’ dúbida: é mellor ou máis económico abrir unha soa vez, aínda que sexa máis tempo. Xa podo durmir máis tranquilo.

Tags: , , ,

Comenta

*