Posts etiquetados ‘infancia’

82

Martes, 29 de Marzo, 2016

82 ANOS cumpriu o meu pai esta fin de semana. Por eses días, os informativos falaban do histórico concerto duns septuaxenarios en La Habana. A miña avoa, que pasou os vinte últimos anos avisando da súa inminente morte, adoitaba exclamar un “Quen dará chegado alá” cando oía falar de xente de idade tan avanzada. En tempos, os setenta e os oitenta eran dúas idades pouco menos que inalcanzables: no medievo, con corenta xa eras un vello, e non digamos con cincuenta. Eran outras épocas, outro ritmo de vida, outra medicina, outras contornas… Agora, en cambio, vemos publicidade do estilo “os cincuenta son os novos corenta”, que intenta convencernos de que é posible cumprir anos e seguir sendo un rapaz. É unha soberana estupidez, tanta como pensar que a partir de certas idades (cincuenta, sesenta…) acaba todo. No fondo, é un asunto comercial: hai que facer negocio como sexa, comprar roupa de verán mesmo cando aínda non empezou a primavera. Os maiores (a palabra “vello” hai tempo que está prohibida) son tan bo nicho comercial como calquera. Unha vez conquistado o mercado dos bebés (vía pais e grazas ao declive demográfico), agora toca o dos que pasan da idade de xubilarse. E como cada día hai menos pequenos, pronto promocionarán casas non pola proximidade a colexios, senón a xeriátricos. Iso si, a lei de dependencia segue adelgazando; é mellor ser un Rolling Stone para ter unha boa vellez.

Os nenos de sempre

Martes, 29 de Novembro, 2011

XA empecei a mirar os catálogos de xoguetes deste ano. E mentres recordo ese lugar común de que “os nenos non son como os de antes”, nos coloridos folletos (coñezo a algunha pequena que ten o do El Corte Inglés como libro de lectura todo o ano) vexo cousas estrañísimas pero tamén personaxes que recoñezo aínda que non frecuente, por exemplo Bob Esponja: xa saben, eu son deses que di que ve os debuxos por coñecer aos nenos, igual que hai trinta anos os homes lían o ‘Playboy’ ou o ‘Penthouse’ polas reportaxes! Moitos din que o facedor de cangreburguers é “ás veces moi para adultos”, cousa que eu tamén penso en ocasións, ata que me decato de que non é para tanto. Ese suposto ‘surrealismo’ ou os chistes para enterados (unha cousa moi de Pixar) remítenme, por exemplo, ao debuxo animado máis antigo que vin, un dos anos 30 (Hanna Barbera? Warner Bros?) no que se cruzaban dous avións no aire e os pasaxeiros saudábanse polas fiestras, como nun tren, ese medio de transporte que os nenos de agora están chamados a descoñecer, agás se viven en cidades con metro. Ou sexa, que o ‘surrealismo’ dos debuxos (“suspensión da realidade” ou algo así, dirán os estudosos) é o de sempre, igual que os pequenos manteñen tradicións dos seus maiores, aínda que non o pareza. Dende as ventás da miña casa, no parque infantil que teño diante, vexo non só plátanos perseguindo a nenos na hora da merenda, senón tamén bambáns usados coa barriga e non co cú, e, por suposto, ao tobogán súbese pola rampla, como debe ser; como sempre se fixo. Pero a mellor evidencia de que a infancia non cambia tanto son eses avós que nun minuto pasan do “Non hai quen entenda aos nenos de agora” ao “es igual que o teu pai (ou nai) cando tiña a túa idade”.