Posts etiquetados ‘Xosé Blanco’

E a Confederación?

Domingo, 17 de Febreiro, 2008

O vindeiro venres de madrugada comeza a campaña electoral e por aquí seguimos a agardar polo decreto de creación da Confederación Hidrográfica do Miño. Pérez Touriño anunciou hai uns meses que ía ser cuestión de semanas, pero estase chegando ao remate da lexislatura e o consello de ministros non aprobou tal cousa. E do de mandala a Ourense, tampouco.

Algún socialista asegura que non pode ser máis que no consello do vindeiro venres, porque o Goberno comeza a estar en interinidade. Pero tampouco estou moi convencido: reviso a web de La Moncloa e vexo que Aznar tivo consellos de ministros tódolos venres ata que o relevou Zapatero. Así que por esa banda pode que o Goberno non teña présa. Pola outra… pois só podo dicir que La Región, o noso colega de Ourense, publicaba o sábado a noticia de que a concellería de Urbanismo daquela capital xa xestionou os terreos para ”a sede da Confederación Hidrográfica do Miño”. Se cadra, igual ao PSOE non lle interesa ‘tensionar’ aos lugueses en campaña cun decreto que lles vai facer recordar o que perderon… O que perderon todos agás Fernández Liñares, claro, que se vai de presidente da CHM. Por certo, este domingo estaba en primeira fila no mitin de José Blanco na Fonsagrada.

Fernández Liñares e Blanco, na Fonsagrada

Asuntos pendentes

Xoves, 31 de Xaneiro, 2008

A actividade política vai estar centrada nas vindeiras semanas nisto das eleccións. Non sei se facer un ránking de promesas, aínda que sei ben que no ámbito lugués non vai chegar á altura das que fan Zapatero e Rajoy. Con iso da campaña, quedan algunhas cousas pendentes para despois, aínda que vai ti saber se as eleccións autonómicas do 2009 non fan que as cousas se sigan a demorar.

Fago reconto. Para despois das eleccións quedan estas cousiñas pendentes:

—A elección do coordinador comarcal de Lugo Centro do BNG, cargo que agora se reparte entre un triunvirato e que moitos adxudican a Xosé Manuel Becerra.

—A reconstitución, resurrección, refundación, ou como se queira chamar, do comité local de Lugo do PP, desmantelado por Cacharro no pasado século.

—A actualización dos cargos en Novas Xeracións de Lugo. A rama xuvenil do PP estivo moito tempo dirixida por unha xestora, ata que chegou Antonio Basanta. Pero agora este concelleiro de Cervo xa supera a idade límite para permanecer en NN.XX. e o grupo volve a estar en mans dunha xestora.

—Algún congreso do PSOE, non sei se local, comarcal ou provincial. O que si toca é o nacional, posiblemente na primavera, que pode ser tumultuoso se Zapatero perde o 9 de marzo ou pode ir coma a seda se volve a gañar. A cousa aféctalle a Lugo, porque Xosé Blanco, o poderoso secretario de Organización que naceu en Palas de Rei, xa anunciou que vai deixar o cargo. Non sei se incluso no partido hai unha norma que o obriga, por cumprir o tope estatutario. E, por certo, non sei se tamén toca un congreso galego.

Teño que consultarlles sobre estas dúas dúbidas ás miñas gorxas profundas socialistas.

Actos políticos

Mércores, 12 de Decembro, 2007

No xornal do martes, Luis Lamas comparaba a Xosé Blanco, número dous do PSOE nacional, cun Rei Mago e preguntábase con que nos vai sorprender este ano. Ben, pois este xoves vai saír de dúbidas, porque Blanco anuncia a súa tradicional visita de Nadal, dentro da campaña nacional para explicar as realizacións dos catro anos de zapaterismo. O que me chama a atención é o lugar escollido para o acto, nada menos que a casa sindical. E eu pensando que era só para cousas sindicais…

Claro que para cousas que impactan, dous dos asistentes á presentación da UpyD: un era José Novo Rodríguez, avogado, quen hai anos fora cabeza de lista do CDS; o outro… Francisco Cacharro… Gosende.