Posts etiquetados ‘Xosé Manuel Becerra’

Blogs nacionalistas

Mércores, 4 de Xuño, 2008

Volvendo ao tema dos dous últimos posts: calquera diría que Xosé Anxo Lage me le (véxase o cuarto parágrafo da información de hoxe. Por certo, vexo que o voceiro do BNG en Lugo recupera a súa presenza na esfera blogueira. Lage deixárao despois das eleccións locais do 2007, mentres que a súa compañeira de grupo Paz Abraira mantivo o contacto e agora ten a dirección de antes e unha nova, dentro da rede de blogs nacionalistas. O que se mantivo activo dende o 2007 foi Xosé Manuel Becerra, voceiro do Bloque no Corgo, quen este mércores daba as notas dos exames para unha praza de alguacil-porteiro. Non sei a que esperan os bloqueiros da Deputación para sumarse ao blogmillo.

Asuntos pendentes

Xoves, 31 de Xaneiro, 2008

A actividade política vai estar centrada nas vindeiras semanas nisto das eleccións. Non sei se facer un ránking de promesas, aínda que sei ben que no ámbito lugués non vai chegar á altura das que fan Zapatero e Rajoy. Con iso da campaña, quedan algunhas cousas pendentes para despois, aínda que vai ti saber se as eleccións autonómicas do 2009 non fan que as cousas se sigan a demorar.

Fago reconto. Para despois das eleccións quedan estas cousiñas pendentes:

—A elección do coordinador comarcal de Lugo Centro do BNG, cargo que agora se reparte entre un triunvirato e que moitos adxudican a Xosé Manuel Becerra.

—A reconstitución, resurrección, refundación, ou como se queira chamar, do comité local de Lugo do PP, desmantelado por Cacharro no pasado século.

—A actualización dos cargos en Novas Xeracións de Lugo. A rama xuvenil do PP estivo moito tempo dirixida por unha xestora, ata que chegou Antonio Basanta. Pero agora este concelleiro de Cervo xa supera a idade límite para permanecer en NN.XX. e o grupo volve a estar en mans dunha xestora.

—Algún congreso do PSOE, non sei se local, comarcal ou provincial. O que si toca é o nacional, posiblemente na primavera, que pode ser tumultuoso se Zapatero perde o 9 de marzo ou pode ir coma a seda se volve a gañar. A cousa aféctalle a Lugo, porque Xosé Blanco, o poderoso secretario de Organización que naceu en Palas de Rei, xa anunciou que vai deixar o cargo. Non sei se incluso no partido hai unha norma que o obriga, por cumprir o tope estatutario. E, por certo, non sei se tamén toca un congreso galego.

Teño que consultarlles sobre estas dúas dúbidas ás miñas gorxas profundas socialistas.