Asuntos pendentes
A actividade política vai estar centrada nas vindeiras semanas nisto das eleccións. Non sei se facer un ránking de promesas, aínda que sei ben que no ámbito lugués non vai chegar á altura das que fan Zapatero e Rajoy. Con iso da campaña, quedan algunhas cousas pendentes para despois, aínda que vai ti saber se as eleccións autonómicas do 2009 non fan que as cousas se sigan a demorar.
Fago reconto. Para despois das eleccións quedan estas cousiñas pendentes:
—A elección do coordinador comarcal de Lugo Centro do BNG, cargo que agora se reparte entre un triunvirato e que moitos adxudican a Xosé Manuel Becerra.
—A reconstitución, resurrección, refundación, ou como se queira chamar, do comité local de Lugo do PP, desmantelado por Cacharro no pasado século.
—A actualización dos cargos en Novas Xeracións de Lugo. A rama xuvenil do PP estivo moito tempo dirixida por unha xestora, ata que chegou Antonio Basanta. Pero agora este concelleiro de Cervo xa supera a idade límite para permanecer en NN.XX. e o grupo volve a estar en mans dunha xestora.
—Algún congreso do PSOE, non sei se local, comarcal ou provincial. O que si toca é o nacional, posiblemente na primavera, que pode ser tumultuoso se Zapatero perde o 9 de marzo ou pode ir coma a seda se volve a gañar. A cousa aféctalle a Lugo, porque Xosé Blanco, o poderoso secretario de Organización que naceu en Palas de Rei, xa anunciou que vai deixar o cargo. Non sei se incluso no partido hai unha norma que o obriga, por cumprir o tope estatutario. E, por certo, non sei se tamén toca un congreso galego.
Teño que consultarlles sobre estas dúas dúbidas ás miñas gorxas profundas socialistas.
Tags: Xosé Blanco, Xosé Manuel Becerra