Non estaba na ópera
Luns, 9 de Marzo, 2009Que non, que Ricardo Parada non estaba na ópera a fin de semana en que A Fonsagrada, a localidade da que foi alcalde, celebraba a Feira do Butelo. Estaba en Madrid, si, pero por asuntos relacionados coa súa delegación da Deputación, a de Medio Ambiente. Esa teima de facer congresos ou xuntanzas técnicas nas fines de semana! Creo que a confusión vén de que algún dos seus acompañantes si aproveitou para asistir a un espectáculo musical.
Ricardo, como posiblemente saberán, é un gran amante do monte e das camiñatas. Pero ás veces esa paixón dálle algún desgusto, como hai uns días, en que houbo que ir rescatalo ao medio dun monte de Maderne, unha parroquia da Fonsagrada. Non é que se perdera: é que se meteu co todoterreo e chegou un momento en que non podía ir nin para diante nin para atrás. Ao final foron rescatalo os veciños, aínda que cando chegaron xa Parada estaba medio de volta á civilización. Que cousas!