Posts etiquetados ‘animais’

Cachorros

Martes, 9 de Febreiro, 2016

HABÍA UN pequeno de poucas semanas na cola, metido no seu minúsculo carriño, e notei como acaparaba as miradas embobadas de todos os que estabamos agardando detrás da súa nai, incluído eu. É fascinante a capacidade inconsciente que teñen eses nenos para xerar ganas de abrazalos, facerlles aloumiños e, en suma, achuchalos. Ás veces, ata se che pon un sorriso parvo. Non é a única cría que provoca arelas coma esas: o mesmo nos pasa con outros cachorros, en especial os das dúas especies que levan máis tempo a carón dos humanos: os gatos e os cans. Iso explica por que YouTube está cheo de vídeos destes animais, especialmente de curta idade, e mesmo dalgunha rede social (Pinterest) chegouse a dicir que só valía para compartir fotos de gatiños. Vén sendo a mesma tenrura que producen, por exemplo, os osos de peluche, que nacen para que os estrullemos. Asunto á parte é a reacción dos que están con eses pequenos (sexan humanos ou animais), que van dende o que pon cara de satisfacción (“a xente recoñece o lindo que é o meu cativo!”) ata o que sufoca, por educación, un bufido (“deixade de sobarme o neno!”). Hai campañas para que os cans pouco amigos de carantoñas leven un lazo amarelo na correa; obviamente, non podes facer iso cun cachorro humano. Claro que iso dura ata esa idade en que o neno adquire autonomía e o adorable cativo do cuco pasa a ser o repelente neno que corre e bourea á túa beira.

(Na foto, uns gatos nunha fiestra… debuxados, si.)

Cans, homes e outros bichos

Martes, 2 de Abril, 2013

Teo, á súa bólaMiro fixamente cara a Teo e pregúntolle, coa faciana máis seria posible, por que quere comer a nosa comida se nós nunca comeremos da súa. E o cadelo dos meus pais responde como só pode responder nestes casos un can: relambéndose o bigote, que é un xeito de pedirme un anaco do que eu estou comendo. Con Teo fago o mesmo que moitas persoas: falar cos animais (supostamente) irracionais pensando que nos van entender ou contestar dun xeito academicamente humano. A nosa relación con eses seres vivos móbiles (chamareinos así para diferencialos das plantas) cos que compartimos o planeta é entre ciclotímica e hipócrita: o que nos vale de algúns non o admitimos noutros, e de todos esperamos comportamentos antropoides. Así, confiamos en que o can nos sexa leal sempre, que o peixe adorne (os meus pasan de min), que o paxaro cante e que o mono aprenda actividades nosas para demostrar que somos da familia. A outros matámolos e comémolos, pero facemos normas para non estresar ás galiñas, para que as vacas viaxen cómodas ao matadoiro ou para sacrificar os cochos sen sufrimentos innecesarios. Pero mentres ideamos iso, agrádanos oír o ruído do corpo esmagado da araña ou a cascuda que pisamos, e nos mostradores das peixarías deixamos que as nécoras e demais crustáceos agonicen á nosa vista: mire que viviños están! Pregúntome se os peixes, nalgún mundo paralelo no que gobernen, terán así os humanos que cacen.

Engadido dixital

Na edición impresa non me cabía unha mención aos gatos, eses animais aos que lles pedimos que “fagan fogar”. E teño que aclarar que a idea deste artigo naceu, precisamente, cando ía mercar peixe.