Posts etiquetados ‘Núñez Feijoo’

Resucitados

Domingo, 8 de Marzo, 2009

Feijoo, aclamado (Foto: Pepe Álvez)

Comentaba hai tempo que ata hai pouco saían bloqueiros ou socialistas ata debaixo das pedras. Agora vai empezar a pasar o mesmo co PP. Xa se viu algo na xuntanza que Núñez Feijoo celebrou o xoves en Lugo. Hai xente que estivo moito tempo desaparecida e que agora volve (non me refiro aos que saen na foto). E nos vindeiros meses veremos como os que antes enchían os actos do PSOE ou do BNG ateigan os do PP. O poder tenche moito atractivo.

17. Os retallos finais

Domingo, 1 de Marzo, 2009

PARA ESTA campaña collín un caderniño a e fun apuntando ideas: teño que escribir disto, daquilo ou do de máis aló. Tiña, por exemplo, un apuntamento que non usei sobre a papelería e a correspondencia electoral: dende a propaganda a toda cor dos grandes partidos ata o folleto anónimo en dous tons do que escribín hai uns días, pasando polo xornal de rúa de UPyD e o parabriseo de Esquerda Unida; perdón polo palabro, é que non sei como chamar a operación de deixar publicidade nos parabrisas dos coches. A papelería, igual que a cartelería, foi a demostración de que estamos en tempos de crise e que non hai cartos para alegrías.

Tamén teño algo apuntado sobre Núñez Feijoo e o idioma: o que contei hai uns días do mitin de Ferrol en castelán non foi un caso illado: repetiuno, que eu saiba, na Coruña e Vigo. Supoño que sería unha mostra de cortesía cara os convidados, porque nos tres mitins había, se non recordo mal, xente de Génova, a sede nacional do PP. E quedoume tamén no tinteiro (no caderno neste caso) unha proposta de facer unha comparación entre as primeiras páxinas elixidas polos candidatos de Lugo e as que finalmente publicamos neste xornal. A comparanza deixareina, se me dá tempo, para o blog, aínda que unha primeira impresión é que os intereses xornalísticos non coinciden cos políticos, unha cousa que foi máis que evidente nos temas que elixiu Fernando Blanco para a súa primeira (aclaro para os leigos: os xornais temos primeiras; as revistas e os libros, portadas).

Tamén tiña algo apuntado sobre a preocupación con que a dirección do PSOE en Madrid seguiu a campaña de Pérez Touriño, un rumor que me chegou uns minutos despois da pegada de carteis, pero disto xa se ten ocupado estes días, onte mesmo, o meu compañeiro de páxina de hoxe.

Mesmo tiña feito un bosquexo para un artigo sobre a previsible influencia da crise nos resultados. Saber se a recesión lle vai pasar factura aos que gobernan ou non é unha das grandes incógnitas deste 1 de marzo que se anuncia chuvioso. Disque algún xefazo do PSOE estalle a reprochar a Pérez Touriño que non atendera a proposta de Xosé Blanco de adiantalas a outubro, cando a situación era menos crítica.

A crise si que se notou, xa digo, na campaña. Nos partidos vimos un intento de trasladar a actividade á internet, que parece unha cousa barata polo de agora, pero foi máis un querer estético que un poder con contido. Ademais, está por ver a utilidade das cibercampañas cando Galicia está á cola en tódalas estatísticas de penetración da Rede. Universalizar internet é unha proposta habitual nas campañas; nesta non houbo promesas rechamantes. A crise mesmo chegou ata as ideas.

Tres momentos

Madrid. Foi impresionante o desfile de xerifaltes de Madrid que vimos por aquí; do PSOE e do PP. 

Cocido. Estando polo medio o Entroido, non podían faltar os cocidos. Ricardo Varela (PSOE) queixouse da súa monodieta; Xosé Manuel Barreiro (PP) deixou abraiados aos que acompañaban a Rajoy no Cebreiro cortando a cachucha: iso si que é arte! 

Inauguracións. A apertura de viais en Paradai case pon en cuestión o compromiso de non facer inauguracións en campaña.

16. O final pasa por Lugo

Sábado, 28 de Febreiro, 2009

FALTABA Núñez Feijoo. No mediodía do derradeiro día desta campaña electoral, as dúas cabezas visibles do bipartito coincidiron no centro de Lugo, un para un acto cos mozos, o outro, para repartir propaganda. Para completar o panorama, preto deles estaba a carpa electoral do PP: esa proximidade será un símbolo do que din algunhas enquisas? Fernando Blanco gravara pouco antes no adarve, na Mosqueira, o mitin de minuto e medio que emitiu pola tarde no Facebook. Isto dos mitins virtuais é bo invento, porque obriga a ser breve: a ver quen atura un discurso político de media hora cun candidato en imaxe fixa. Aínda que tamén é certo que logo che permite rebobinar e ver as mellores xogadas.

Pero eu quería escribir deste venres de Piñata. Quería escribir dun Pérez Touriño recibido coma un futbolista polos mozos concentrados diante da casa do Concello. Chegou chocando palmas e dando apertas, e mesmo fixo un amago de baile cando estaba diante do atril, pero… que queren que lles diga? Estas cousas, realmente, non lle pegan. Aínda que todo é aprender: quen lle ía dicir a Anxo Quintana hai catro anos que se ía facer famoso en YouTube bailando coa terceira idade?

Despois, houbo que esperar polo mitin de Núñez Feijoo e Fraga á noite. Polo medio, Cifras e letras despedía ao (ata de agora) invencible Fer. Tendo en conta que unha tele pública sempre é reflexo do seu Goberno, será a marcha do sabio de Cangas un símbolo?

Abstención 

Pero houbo máis no mediodía lugués. Faltábanos a propaganda dos que non van con ninguén. Varios membros da CNT pasaron o día repartindo unhas follas nas que chaman á abstención. O máis popular anarquista lugués, Sergio Castilla, mesmo estivo a piques de darlle unha delas a Pérez Touriño. Sospeito que este non a querería. Á tarde, na mesma esquina de Bispo Aguirre, un rapaz da CNT e unha moza do BNG repartían sen acritude cadansúa propaganda.

Rumores

Algún agardaba que, despois dunha campaña tan guerrilleira, onte os medios de Madrid destaparan algún escándalo. Non houbo tal. Pero si seguen a circular rumores por aí e este venres contáronme un moi local: disque dende un centro de saúde da Ulloa pasaron a mañá facendo chamadas para pedir o voto. Descoñezo a localidade, que partido é o suposto beneficiario e, por suposto, quen é o autor das presuntas chamadas.

14. O que chove e o que vai chover

Xoves, 26 de Febreiro, 2009

ANDAN OS ventiladores a traballar arreo nestes últimos días de campaña. Está a chover (lixo, esencialmente) como non o fixo en toda a campaña, e a presenza de políticos nacionais está a conseguir que as polémicas madrileñas salpiquen a campaña galega. Por se fora pouca chuvia, os servizos meteorolóxicos anuncian que este domingo, por primeira vez en moitos días, teremos que levar paraugas cando vaiamos votar (“Carnaval soleiro, Pascua no lareiro”, di un vello refrán). Xa saben que o tempo sempre é malo para iso das urnas: se chove, porque a xente queda na casa; se vai bo, porque os votantes foxen cara a praia. O importante é ter alguén a quen botarlle a culpa.

Os ventiladores teñen forma de PowerPoints, noticias de Madrid ou folletos como os que se están a repartir estes días por Lugo sobre a “tendencia ao luxo de Touriño”. O folletiño non ten sinatura nin pé de imprenta: é anónimo. Pero as súas cores e o seu papel son idénticos aos do folleto electoral do PP lugués. No partido din que iso é un xeito de facelos responsables de algo no que non teñen que ver.

O bo destes ventiladores, que zoan para todas partes, é que conseguiron que de súpeto unha campaña tan aburrida coma esta deviñera interesante e chea de intriga e suspense. Cóntanme que os tres principais partidos están histéricos nestes últimos días: uns, porque temen perder a maioría bipartita que lles estaban a dar as enquisas; o outro, porque ve que están máis preto do obxectivo do que pensaran inicialmente.

Ferrol

Vexo no Telexornal de mediodía de TVG un corte do mitin de Núñez Feijoo en Ferrol no que o candidato do PP sae falando, cousa inédita polo de agora, en castelán. Non sei se é porque estaba alí Ruiz Gallardón, se foi porque estaba en Ferrol ou se foi cousa dos directivos da canle autonómica que elixiron esa parte concreta do mitin. Vai ti saber.

Apostas

Aínda que os medios e os políticos nacionais estean a centrarse nas eleccións galegas, o certo é que as vascas son tamén apaixonantes. Vese nas casas de apostas. En internet soamente atopo, relativas a Galicia, as de Miapuesta.com e iApuestas.com. Na primeira dan como presidente a Pérez Touriño, aínda que con escasa vantaxe respecto a Núñez Feijoo (1,6 euros o primeiro; 2,2 o segundo). Na outra, prognostican que UPyD entrará no Parlamento e que o actual presidente seguirá. Farase alguén rico coa aposta?

O contraataque

Xoves, 26 de Febreiro, 2009

E xusto poucas horas despois de escribir o post anterior, chégame un correo cun PowerPoint sobre os Excesos do PP. E mándao, claro, Alberto Núñez Feijoo (en realidade, o correo aparece enviado por A. Núñez Fei). E tamén se trata dunha conta de Gmail, con toda a pinta de ser unha conta pantasma. Non sei se será o contraataque dos do bipartito, pero entre todos están a encherme o correo.

6. O idioma destes días

Mércores, 18 de Febreiro, 2009

DE PRIMEIRAS, chocoume ver unha pancarta de Núñez Feijoo en castelán: é pouco habitual que os partidos galegos empreguen o idioma de Cervantes na cartelería dos comicios autonómicos. Despois, funme acostumando e agora xa non sei que dicir. En principio, está ben: é un xeito de demostrar que somos unha comunidade bilingüe, na que a xente emprega os dous idiomas cando e como quere: cos funcionarios, en castelán; cos veciños, en galego. Polo menos iso ocorre en boa parte das aldeas. O que pasa é que detrás desa aposta polo castelán e o galego está, seguramente, o temor a que o suposto conflito lingüístico que vivimos en Galicia lle reste votos conservadores ao PP e os leve a outros ámbitos, nomeadamente UPyD. Non está moi claro por quen vota Galicia Bilingüe, aínda que as malas linguas e internet téñeno ben claro, e a presenza do número dous de Núñez Feijoo na manifestación de Santiago contribúe a ratificar esa impresión.

Tampouco teño claro que é o que propoñen os principais partidos respecto do idioma. Feijoo sitúa a lingua no final do seu contrato con Galicia, mentres que UPyD pona xa no primeiro do seu decálogo. Iso de sintetizar as ideas, ben sexa nunha táboa de dez puntos ou nun contrato de catorce, está moi ben pensado para os que non temos gañas de perder o tempo lendo polo miúdo os programas electorais.

Trilingües

O que si defenden varios candidatos é que os nosos nenos cheguen a falar tres idiomas: castelán, galego e inglés, por exemplo. O que pasa é que teño o vago recordo de que esa promesa xa estaba noutros programas electorais. Haberá xeito de cumprila algunha vez? Seguro que internet fai máis por iso que o sistema educativo, e non estaría mal que os nosos políticos dean exemplo: dá un pouco de vergoña allea ver aos últimos presidentes do Goberno español acompañados dun tradutor nas grandes cumes internacionais. Dos galegos non podemos falar, porque non os chaman a elas, claro.

Prestige

Vai Zapatero na Coruña e resucita o fantasma do Prestige, ese nome que tantos pesadelos aínda nos dá. O mitin coruñés foi ao final dunha semana na que vimos paseándose pola Costa da Morte ao home que creou a expresión fiíños de plastilina, Mariano Rajoy. Con el ía outro dos implicados naquela catástrofe, Arsenio Fernández de Mesa, daquela delegado do Goberno. Foi como volver ao pasado.

5. O candidato do medio

Martes, 17 de Febreiro, 2009

ESTE LUNS, os xornalistas de Lugo acudiron a unha cousa que non tiña precedentes: unha rolda de prensa sen mesa e cos dous protagonistas metidos no medio dun grupo de xente. Foi na Deputación e falaban o seu titular e o conselleiro de Traballo, socialistas ámbolos dous e cabeza de lista nestas eleccións este último. Esta presentación informal ten precedentes electorais e non moi lonxanos: creo que foi nalgunha das últimas eleccións xerais cando comezamos a ver actos nos que o candidato aparece no medio do público, sentado á mesma altura. É como se fora unha cousa de andar por casa, como para remarcar a proximidade do candidato. Por suposto, esta é unha moda que vén de fóra, non sei se dos comicios franceses que gañou Sarkozy. Os nosos veciños galos son uns mestres nisto do marketing electoral e os españois, uns imitadores avantaxados.

Pero o último vino estes días, cando descubrín a Anxo Quintana cun deses micrófonos inarámicos que usan tanto nas teles. Por suposto, o cabeza de lista do BNG non parou de moverse no curso do mitin. Debe de ser un pouco incómodo non ter un atril no que apoiarse ou no que poñer uns papeis cunhas pequenas notas para confeccionar o discurso. É curioso que os mesmos que nos mitins non usan papel e parece que falan improvisando (ou de memoria?) despois, cando chegan ao Parlamento, limítanse a ler densos textos precociñados. Vai ser certo iso de que en campaña pódese dicir calquera cousa; no Parlamento, non, que logo ten consecuencias.

Propaganda

En cuestión de material publicitario, os partidos en campaña son insuperables (agás polas casas farmacéuticas, claro) e moi creativos. Nas municipais do 2007, López Orozco repartiu acendedores con lanterna; nestas, o BNG distribúe bolsas dunha cor azul que en tempos estivo asociada ao PP. Aínda que o máis visible este ano son os autobuses: debe de ser barata a publicidade rodante; ademais, ten a vantaxe de que chega a moitos sitios.

Ruído

Na traseira dos autobuses tamén anda a publicidade de Núñez Feijoo. Algún compañeiro bromea con que parece a dos buses ateos: “probablemente, Deus non existe”, onde habería que cambiar o nome do Creador polo do líder do PP: Por que o di? Porque, rodeado de bandeiras, é difícil distinguirlle a cara ao candidato. É unha imaxe que ten moito do que os publicistas chaman ruído, porque ten demasiados elementos.

Xuntanza secreta?

Xoves, 4 de Setembro, 2008

Este venres, Núñez Feijoo e Barreiro vanse reunir en Lugo cunha ampla representación da clase empresarial. Dende hai días xa se sabía da xuntanza, pero chegoume algunha interpretación preocupada, como se fora un encontro secreto. Home, é posible que haxa acordos e conversas que non transcendan, pero o certo é que a xuntanza forma parte da campaña Galicia en voz alta. Hoxe, por exemplo, Barreiro mantivo unha destas xuntanzas sectoriais en Sarria, co sector do turismo rural.