Lugo D.F.
CÓNTOLLE a alguén de fóra que eu adoito facer a revisión ocular “polo San Froilán” e sorpréndese de que a referencia sexan as festas de Lugo e non, por exemplo, algo máis xenérico, como o outono, ou máis preciso, como o mes de outubro. Óscar, o do Oslo, enténdeme perfectamente: “É como se fose un referente temporal”. E o certo é que en Lugo cidade as cousas pasan normalmente xusto antes (poucas), durante (algunhas) ou despois (moitas) do San Froilán. Por exemplo, no meu edificio adoitan poñer a calefacción na semana seguinte ás festas, igual que en moitos outros. E algúns agardamos a que pasen as festas para poñer a cama de inverno: esas mantas, esas sabas térmicas ou, no meu caso, ese edredón nórdico que un deses tremendos estudos habituais asegura que causa fibrose pulmonar. As festas son como un fito anual para lembrar: no Domingo das Mozas do ano X couberon nesta mesa 34 comensais; no do ano Z coñecéronse os pais de Fulano… isto último é posible que fose usual en tempos nos que os mozos tiñan menos lugares para intimar. Así que non é de estrañar que mesmo os de fóra manteñan esas tradicións. Ata o ano pasado, o Nadal chegaba ás rúas de Lugo cando Pórtico e Carrefour decidían. Agora é Mercadona quen o fai: o luns pasado estaban poñendo os turróns e os polvoróns. Haberá que crear un intervalo temporal, como un fito no calendario, que podería ser Lugo A.F. (antes de San Froilán) ou D.F. (despois).
Tags: costumes, De re varia, texto íntegro