Filosofía

A FILOSOFÍA custa seis euros; 5,90 concretamente. É o prezo dunha revista filosófica que vén de saír e que o venres me sorprendeu no quiosco. Acabeina mercando: por curiosidade e pola dobre ousadía dos editores: por facer unha revista nestes tempos deprimidos (tamén fan outra sobre psicoloxía) e polo tema escollido. É mensual, claro, porque non me imaxino a ninguén mercando filosofía cada semana, aínda que estes días vexo un coleccionable de grandes pensadores. A revista teríame solucionado o apuro que pasei no BUP cando o profesor de Filosofía, que quería demostrar a presenza da súa materia na vida diaria, pediu que lle leváramos unha nova filosófica publicada nos xornais desa semana. A min salvoume unha recensión, en El País, sobre un libro de filosofía en galego. Naquela clase eu tiña un compañeiro que se volveu devoto de Nietzsche: dicía que tiña un póster del no dormitorio e que mesmo lle chegara a contar os pelos do mostacho. Nietzsche é o autor de ‘Así habló Zaratrustra’, o libro que vén co número un da revista filosófica; co seguinte darán un de Freud. “Pensar é un luxo”, din na páxina 3. E se noutros tempos eu pasearía polas rúas exhibindo (case procazmente) tal libro, eu desta volta leveino para casa ben envolvido no xornal, non vaia ser que alguén pensara que eu era un delincuente perigoso, que le libros (raros), acumula papel e pensa.

Tags: ,

Comenta

*