Pílulas

EXTRACTO de vaccinium myrtillus. Ese era un dos principios activos das primeiras pílulas que recordo ter tomado: eran unhas vitaminas para miopes, receitadas polo meu oculista de cabeceira (daquela, un home; agora, unha muller) e que, polo que vexo, aínda se seguen a vender. Hoxe, o vaccinium (‘arando’, en galego) prefíroo en licor ou de sobremesa, que me é máis doado de tragar. Recordo que aquela primeira pílula, aos meus seis ou sete anos, foi unha experiencia difícil: moito me custou pasala pola gorxa sen náuseas. Anos despois, o problema foi coas aspirinas, demasiado grandes, demasiado acedas para o meu gusto: aprendín a tomalas disoltas, a cachos, experiencia que agora aplico con todo tipo de pílulas. De cando en vez volve aquel temor paranoico infantil de quedar atragoado cun destes comprimidos. Afástoo bebendo máis auga. O que xa me deixa coa boca aberta é ver como toma a súa vicodina habitual o médico máis famoso da tele, Greg House: a pau  seco… ou con güisqui. Pasas a vida mirando as obxeccións, contraindicacións ou efectos secundarios que figuran nos prospectos médicos e vai un na tele e pasa deles. Se cadra, será por iso polo que tarda tanto en atopar o mal exacto que afecta aos seus enfermos: se House atendera máis os consellos farmacéuticos, igual non tería que pasar 40 minutos cada semana para descubrir unha enfermidade estraña… ou, se cadra, levaríalle máis.

Tags:

Comenta

*